Saltar navegación

Segundo: A paisaxe do litoral

 

arquipélago de catro illotes

Ai ondas que eu vim veer,

se me saberedes dizer

porque tarda meu amigo sem mim?

Ai ondas, que eu vim mirar,

se me saberedes contar

porque tarda meu amigo sem mim?

(Martin Códax)

As illas de San Pedro forman un arquipélago situado a un kilómetro da costa do Portiño, na Coruña. Ten sete hectáreas de superficie total. Son catro illas e un illote de granito denominadas: Vendaval, do Pé, as Tres illas, Aguión e Os Fernandiños ou Faroleiro.

A pescuda de Amelia

Por indicación da Tía Teresa fun falar cunha muller que traballara de moza na mina de wolfran máis cercana á aldea do avó. Contoume que estivera nela algún tempo cando tiña catorce ou quince anos. Seu pai e un irmán, coma moita outra xente da aldea, tamén traballaban alí, dado que non había moitos outros sitios nos que poder levar un xornal á casa. Ela traballaba lavando o mineral que picaban os homes na mina. Era un traballo duro que lle deixou a saúde delicada para sempre. Para chegar á mina debían andar por camiños de montaña aproximadamente unha hora e outra máis para volver. No lavadoiro do mineral collían frío e ficaban molladas boa parte da xornada. O xantar tíñano que levar de casa, frío, que case sempre era un anaco de touciño con pan. Respondendo ás miñas preguntas, dicía que era moi difícil roubar algunha pedra de mineral, porque os gardas revisaban á saída a todos os traballadores. Unha vez, uns mozos da aldea subiron de noite á mina e conseguiron roubar un bidón cheo de mineral, pero os gardas perseguíronos e feriron de bala a un deles. Estaban seguros de que feriran a alguén porque era inverno e quedaran restos de sangue na neve. Nos días seguintes a Garda Civil chamou a todos os mozos do lugar para intentar descubrir os ladróns. Disque grazas a que o médico encargado de facerlles o recoñecemento non delatou o ferido, non chegaron a saber quen foran os ladróns, pero que mallaron nos mozos todo canto quixeron. Pregunteille tamén se sabía se alguén da familia de meu pai traballara na mina e contestoume que si, que polo menos meu bisavó traballara como picador. É máis, dícíase que conseguira librar a seu fillo máis vello de que o mataran canda o da Guerra Civil grazas ao diñeiro que fixera co estraperlo. Pero ela non coidaba que fora certo. Non había maneira de sacar mineral sen que os gardas o encontraran...

Tía Teresa

Despedinme agradecéndolle toda a información, pero sen dicirlle que eu si sabía como conseguía o meu bisavó sacar pedriña a pedriña!

Malia que esta artimaña producíame unha curiosa satisfacción, coma se dun éxito retrospectivo se tratase, tamén saín convencida de que era máis o que ignoraba da miña familia paterna ca o que sabía.

Cando tiven oportunidade de volver á casa da tía Teresa, fíxeno cunha libreta e bolígrafo para ir anotando a información que quería recabar. A tía Teresa axudoume a establecer a liña xenealóxica por parte paterna. Si, meu avó Estevo tiña un irmán maior chamado Santiago do que non se volveu saber nada dende que conseguira escapar durante a posguerra. A Tía Teresa algo oíra de pequena, pero das cousas desa época a xente maior falaba con medias palabras, con sobreentendidos. Avisábanse uns aos outros se había nenos escoitando dicindo que "había roupa tendida" e ós nenos, se preguntaban, mandábanos calar. O medo calaba as bocas, dicía.