Saltar navegación

O corpo ou cámara

O corpo superior ou cámara

É o recinto no que se almacena o gran. Poden ser de planta rectangular e de planta circular. O prototipo máis habitual é o de planta rectangular sostido por catro pés.
Se o canastro acada unha certa lonxitude, vai dividido en tramos, separados exteriormente entre si por columnas ou pés, elementos que se corresponden uns por riba dos outros; así atopamos canastros de catro, seis, oito ou máis pés e outras tantas columnas.
O ancho mantense entre os 1,30 e os 1’50 m. co obxecto de que as espigas estean sempre cerca das paredes e sequen mellor. A lonxitude é variable (os máis longos pasan dos 35 m., coma os de Araño, Carnota e Lira, manifestación externa da situación económica dos seus donos. Os hórreos de maior dimensión corresponden case sempre a igrexas, mosteiros, ou pazos, que outrora foron propietarios da boa parte das terras

Esquema construtivo

O esquema construtivo básico ten moitas variantes segundo as zonas, as técnicas e os materiais empregados. Basicamente, a cámara está constituída polas seguintes partes

1- Un bastidor chamado marco (na fotografía superior) composto de dúas trabes chamadas doelas, mesas ou pontóns nos lados longos e dous traveseiros ou cabezas nos lados curtos que o soportan todo.

2- Un chan chamado lastra, formado por unhas vigas inferiores chamadas grades ou pontóns, e o piso de táboas sobre esas vigas ou pontóns.

3- Dúas paredes lonxitudinais chamadas costais e dúas transversais chamadas cabaceiras ou penais. Nas esquinas leva catro columnas que reforzan o conxunto, de madeira ou de pedra (as padieiras ou linteis), e os pinches;

As paredes están formadas por unha serie de elementos de peche ou paredes laterais, os balagustos ou balaústres verticais. Están construídos de material diverso (pedra, madeira) con numerosas fendas de ventilación. Os balagustos de madeira poden ser simples táboas estreitas que encaixan en encarnas feitas nas trabes e nas soleiras. Outros son prismáticos, colocando unha aresta cara ó exterior. Levan nos dous casos unha aresta de reforzó pola metade, unha cinta de madeira horizontal cravada neles. Outros están feitos de varas de carballo, castiñeiro e salgueiro.

As paredes de pedra poden ser de esteos e de cachotes ou perpiaños, neste caso métense entre eles pequenas forras de pedra para que queden fendas dabondo.

Exemplo de esteos de canteiría.

4- Unhas vigas superiores chamadas soleiras e uns elementos de cobertura que acostuman ser a dúas augas.

  Observa nesta fotografía a intersección da doela, mesa ou pontón do lado longo co traveseiro ou cabeza do lado curto.

 
O canastro máis modesto é o de madeira; os cabazos de planta circular e feitos con vimbios sobre unha estructura de paos, antes moi numerosos, hoxe en día xa case desapareceron por completo.

Os de corpo mixto xorden polo incremento do cultivo do millo durante o século XVII; teñen grade e columnas de pedra e o resto de madeira. Tamén hai canastros totalmente de pedra, deixando ocos polos que circula o aire. A aparición do hórreo de pedra dátase a partir do século XVIII, adquirindo unha gran perfección formal nas zonas graníticas da Galicia atlántica.

A porta ábrese no lado non exposto aos ventos dominantes, para que sufra menos, coas correspondentes bisagras ou conzóns e pechadura.

O acceso ao canastro faise mediante unha escaleira móbil. Ás veces diante da porta hai un patamal que facilita o acceso e a carga do hórreo.