Saltar navegación

Libro 2- A idade das palabras

 

árbore creada con palabras: raíces, tronco e ponlas

Sabías que cando falamos a nosa lingua seguímoslle dando vida a algunhas palabras milenarias que conviven con outras practicamente recén creadas? E sen decatarnos! É ou non fermoso? A nosa lingua (como a maioría) sería coma unha árbore formada polas palabras máis antigas (as raíces), as palabras derivadas do latín (o tronco) e outros aportes léxicos incorporados posteriormente (as ponlas). En termos lingüísticos descríbense como "estratos lingüísticos".

Os estratos lingüísticos

As linguas confórmanse e modélanse a pór de anos de uso. Os desprazamentos que ao longo da historia sufriron os pobos que as crearon e, con eles, as súas culturas e linguas permítennos observar a existencia de estratos lingüísticos na evolución das linguas. Segundo imos ver, o galego é o resultado da transformación do latín vulgar no noroeste da Península, sobre o cal exerceron influencia as linguas de substrato e as de superestrato; é dicir, as linguas asentadas neste territorio antes da conquista romana e mais as linguas dos pobos chegados despois dos romanos (xermanos e árabes) até o século IX aproximadamente. Desde esa data até hoxe debemos recoñecer tamén a influencia das linguas en contacto coa nosa, influencia que se manifesta sobre todo en préstamos léxicos.

Adstrato: Falamos de adstrato para referirnos á recíproca influencia entre linguas veciñas ou que conviven nun mesmo territorio. Por exemplo, a influen­cia que se deu na época imperial entre o latín e a lingua dos pobos xer­mánicos, veciños e rivais durante moito tempo; ou a do castelán sobre a fala galega e a do galego sobre o castelán que se fala en Galicia.