Saltar navegación

Coma quen leva unha carga nun serón

A pescuda de Amelia

A quen se refire o avó?

Tía TeresaTía Teresa aconselloume falar cunha muller do Muíño Vello que sempre vivira alí, algo maior ca ela: Rosa, a da casa dos Vaqueiros. Vivía nunha vivenda feita coa pedra do lugar, seguramente das máis antigas da aldea. Na fachada chamaban a atención varios perpiaños con figuras en relevo, probablemente procedentes doutras construcións. Nelas recoñecíanse perfectamente dous homes a cabalo, un sol, un can e varias aves. Despois dunha interesante conversa, na que Rosa foi entretecendo anécdotas da súa vida coas dos veciños do lugar, díxenlle que quería encontrar a persoa ou persoas que viñan vendendo pan ou outros víveres en seróns. Extrañoulle a pregunta, loxicamente. Despois de pensalo, dixo:

-A quen andas a buscar, ha de ser María, a da proba.

Explicoume que alí non se precisaba levar pan para vender, pois cada casa cocía para quince días no seu forno ou no forno comunal. Si que adoitaban vir arrieiros coas cabaleirías cargadas de diferentes mercadorías. Mesmo había un, que adoitaba quedar a durmir na súa casa, que traía unha máquina de facer pasta para sopa coa fariña que lle levaban. A Rosa parecíalle unha cousa máxica, por iso se lembraba aínda del. Mais quen viña cos seróns cargados de cousas era unha rapaza morena, que recollía o pelo nunha trenza longa. Rosa lembrábaa ben, porque devecía polos pementos encarnados que ela traía e que se vían brillar dentro dos seróns aparellados nunha burrica gris. Na serra do Muíño Vello, debido á altura, non acababan de madurar os pementos nin os tomates, así que aquela rapaza que lles levaba a “proba”, parecíalle, aos seus ollos de nena, moi boa e xenerosa. Non, non sabía de onde viña. Só que lle chamaban María.

En fin, serei quen de atopar esa muller?