Saltar navegación

Os grupos de casas

 

Edificios dunha cidade
 

Neste poema de Fran Alonso podes observar palabras de dous campos semánticos: o das vivendas e o dos sons asociados a elas.

Algarabías,
desde a ventá do cuarto.
Balbordos,
nas rúas.
Rebumbios,
no patio da escola.
Rebulicios lixeiros de festa,
carrusel e cabaliños.
Estrondos espesos coma tormentas
de verán.
Son tódolos ruídos da cidade
enchéndome os sentidos.

As casas agrúpanse en:

Conxuntos históricos ( do s. VI a. C. ó I d. C.):

- Formados co sufixo –obre (fortaleza): Rañobre, Barallobre...

- Castro, Castrelo (castro pequeno), Castro+adx. (Castromao, Castrocaldelas).

 

Conxunto de casas:

Aldea: (ár. Al daya= o cortixo) Aldea nova, Aldea vella.

Alfoz: conxunto de casas que forman un rueiro fóra dunha cidade; arrabalde, suburbio.

Burgo: (lat. burgu <xerm. Burgs= vila fortificada) aldea ou vila que depende doutra. Na Idade Media, núcleo urbano formado ó redor dun castelo ou dunha cidade amurallada.

Casal: pequeño grupo de casas nunha aldea; casar, casarío. Tamén casa grande con antigüidade e nobreza.

Casas+ mod.: (lat. casa). Casas de arriba/abaixo, Casas novas.

Cidade: (lat. civitate). Lugar de asentamento humano con importante vida social.

Lugar: (Lat. locale) Lugar de abaixo, Picolugar, Fondolugar.

Pobra/ Póboa (Lat. Popula) 1. Lugar habitado. 2. Vila pequena. Póvoa (charta popula): significa que foi (re)fundada na reconquista.

Rueiro: pequeno grupo de casas que á súa vez forman parte dun grupo diferenciado maior (lugar ou aldea). Quinteiro.

Valencia: grupo de casas que medra arredor dun asentamento militar que, na retagarda, serve de posto de control: Valencia do Sil, Valencia do Miño.

Vila (poboación de mediano tamaño que, dependendo da súa evolución ó longo do tempo presenta un ordenamento urbanístico máis ou menos desenvolvido):

- Vila+ sufixo diminutivo: Vilela, Vilariño, Vilarello.

- Vila +Subst: Vilacoba, Vilagarcía, Vilamartín.

- Vila+adx.: Vilanova, Vilasuso, Vilalba, Vilariñofrío, Vilafranca (exenta de tributos).

- Adverbio+vila: Cimadevila, Fondevila.

Vilar (aldea pequena): Vilardexeos (de xudeos), Vilarnovo, Vilar de Barrio.

Vigo (lat. vicus-i): barrio dunha cidade, rúa. Aldea, lugar. Propiedade rural, quinta, facenda.