Saltar navegación

Marítimos

Vocabulario básico

A barco novo, capitán vello

 

 Áncora: (lat. ancora). Instrumento con dúas puntas ou uñas, un brazo horizontal e unha argola que se bota ó fondo do mar para inmobilizar as embarcacións grandes. Cast.: ancla, Fr.: ancre, In.: anchor.

 Ancoradoiro: (de ancorar). Sitio da costa axeitado para os barcos fondearen e botaren áncoras.

Arrombar (posible cruce de arrimar=chegar e arrombar= estibar): arranxar as dornas e xangadas.

Barlovento: Lado da embarcación de onde vén o vento. Ant. sotavento.

 Bita (fr. bitte): Peza de madeira ou de ferro, xeralmente cilíndrica, situada na cuberta dunha embarcación, á que se suxeitan as amarras, a corda da áncora etc.

 Bitácora (fr. bitacle<lat. habitaculum): armario ou caixa, xeralmente cilíndrico e de madeira, que na cuberta dos barcos contén o compás e os elementos da ilustración. Caderno de bitácora. Libro no que cada oficial de a bordo, ao facer a garda, vai anotando os datos ou feitos máis relevantes ocorridos durante a navegación, como as observacións meteorolóxicas, velocidade da marcha, manobras etc., que serve como borrador do diario de navegación.

  Brinca: (lat. tard. branca “pouta dun animal”): gancho metálico en forma de arpón que se usa para pescar. Sin.: amocelo, anzol.

Cesárea: (lat. Caesu< caedere: cortar) empregada específicamente en Ferrol e que se refire a cando se fai unha fenda no costado dun barco para que os obreiros entren directamente ao interior.

Estibador: (de stipare “ meter compactamente”. 1. Encargado da distribución de mercancías, especialmente nun barco, para dar a maior cabida. 2. Cargador e descargador nun porto. Cast: estibador, Fr.: docker, In.: longshoreman.

 Gardamancebo: (garda+ lat. mancipiu) cabo dunha vela que protexía á tripulación na cuberta.

Guión: (do xerm. *witan): lugar por onde se colle o remo para vogar.

Lastrar (de lastra): poñerlle peso ou lastre ó buque para darlle estabilidade.

 Mastro: (fr. ant. mast). Poste vertical dun barco veleiro onde se sustentan as velas dunha embarcación; árbore, pau. Cast.: mástil, Fr.: mât, In.: mast.

Polea (na linguaxe marítima recibe os nomes de matón, caderna ou pateca): máquina formada por unha roda ou disco cunha canle pola beira por onde se despraza unha corda ou cadea (pola que se transmiten as forzas) que xira arredor dun eixo.

Porto: (lat. portu). Abrigo natural ou artificial á beira do mar ou dun río que serve de refuxio de embarcacións ou para as diversas operacións de embarque e desembarque.

 Peirao: (gascón peirau). Parte do porto na que atracan os barcos; embarcadoiro. Cast.: embarcadero. In.: wharf.

 Temón: (lat. temone). Peza plana que permite gobernar a embarcación. Var. timón. Sin. leme.

 Vogar: (b. al. wagon). Remar, avanzar a forza de remos; p. ext. avanzar sobre a auga, navegar.

Traballadeiro: zona que se establece de xeito temporal para traballar.

 Velame: conxunto de velas dunha embarcación.

Xingrar: xeito especial de vogar nas gamelas. Faise cun remo só na popa da gamela movendo alternativamente o remo dun lado a outro facendo un movemento de xogo coa muñeca.

Tipos de embarcacións

 Bergantín: barco de dous mastros e vela cadrada ou redonda.

 Barca: Embarcación pequena, movida a remo, utilizada para pescar ou navegar nos ríos e transportar persoas ou mercadorías dunha beira á outra.

 Batea: Viveiro que consiste nunha plataforma ancorada no mar da que penden varias cordas, onde se cría o mexillón ou outros moluscos. Non é en si unha embarcación, mais nesta maqueta do Museo do mar de Rianxo podemos ver a implicación coa embarcación.

 Chalana: (fr, chaland). Embarcación pequena, polo xeral a remos, con fondo plano, proa triangular e popa rectangular que se emprega como auxiliar nos portos e nas tarefas de pesca. A chalupa é similar e adoita ter un só banco.

 Dorna: (prob. oc. ant. dorne “medida de capacidade”) Embarcación antiquísima de pesca, propia das Rías Baixas, provista dun só mastro que leva unha vela latina.

 Fragata: 1. Embarcación de guerra máis pequena ca o destrutor, utilizada como escolta e como defensa dos ataques dos avións e submarinos. 2. Embarcación de tres paus con vergas en todos eles.

 Gamela: embarcación de fondo plano, sen quilla e que non leva cadernas. Son empregadas para a pesca con artes menores, fundamentalmente para o marisqueo a flote, as nasas, os tramallos ou tamén para ir ao palangre. Leva normalmente un só mariñeiro.

 Lancha: embarcación pequena, a remos ou a motor, máis grande ca o bote que se emprega na pesca costeira.

 Nao: (cat. nau). Construción disposta para aboiar na auga, propulsado polo vento, remos, rodas ou hélices movidos por motor; nave, barco. Cast.: nave. Fr.: bateau. In.: boat.

 Polbeiro: embarcación especializada na pesca do polbo.

 Remolcador: embarcación provista de motores potentes que se utiliza para remolcar.

 Submarino: navío concibido para navegar por debaixo da superficie do mar.

 Traiñeira: antiga embarcación longa e estreita utilizada para pescar con traíña, que constaba de doce bancos e era movida por vinte e cinco ou trinta remeiros.

  Transatlántico: barco de gran tonelaxe, especialmente de pasaxeiros, que fai longas viaxes a través do Atlántico ou de calquera outro océano.

 Xangada: (port. Jangada): embarcación feita con toros de árbores e movida a remos ou a vela.

 Veleiro: barco que se despraza propulsado polo impulso do vento nas súas velas.

Partes dunha embarcación a vela

Casco, leme e aparello: arboradura (conxunto de paus e vergas que se utilizan para manter as velas na posición axeitada)

Paus (mástiles, máis ou menos verticais, que suxeitan vergas e velas)

Vergas (elementos que se articulan nos paus e suxeitan e orientan as velas)

Botavara (verga que suxeita a parte baixa dalguhas velas)

Xarcias (conxunto de cables, cabos e varetas que suxeitan paus e vergas e permiten izar, arriar e orientar as velas).

A dorna

 

Observa as palabras resaltadas do campo semántico do mundo mariño que hai no seguinte poema de M. Antonio.

A FRAGATA VELLA

Tes os ollos distantes
decorados de rostos xoviaes
que os vellos mariñeiros
permutaron polos climas antípodas

Levas n’ o leme
un pulo de brazos tensos
que retorceron os largacíos
horizontes d' o mar
O vento
atortorando
desfollou d' os velamios
outonos de mocedades

Mercabas colares circunmeridiáns
n' os bazares d' estrelas
Amarrabas faros dispersos
c’ o simblador calabrote d' o ronsel

Floreceches n' o Mar
primaveiras amargas
de foulas e escamallos

Inda que o vento encalme
tremela n' as tuas velas
unha rafega de transmigracións

N’ ese teu corazón innumerábel
tamén enchen e debalan
as mareas d' o meu corazón.

Manuel Antonio, De catro a catro, 1926

 

Fragata: embarcación de tres paus con vergas en todos eles.

Leme: Folla ou lámina móbil, de madeira ou de metal segundo os casos que serve para gobernar un barco, submarino ou avión facendo que se mova a un lado ou a outro.

Calabrote: cabo moi groso feito de cordóns trenzados.

Ronsel: rastro de escuma que deixa unha embarcación sobre as augas ó navegar.

Foula: escuma que levanta o barco pola proa ó navegar.