Saltar navegación

O hórreo galego

 

Xa volvo estar en casa e non podo faltar ao instituto. A mamá pareceralle raro que queira volver esta fin de semana ao Muíño Vello. Teño que pensar unha boa excusa para evitar darlle explicacións. Se lle digo que ando na procura dun tesouro que me deixou escondido o avó, hame dicir que son unha toromela. Que me creo calquera cousa e que vivo nun mundo de fantasía. Pero eu ben sei que o avó non dá puntada sen fío na súa bitácora. Se me manda ir ao cabazo, por algo será.

 
O hórreo! Velaquí unha das marabillas da construción tradicional galega. Non che ha pesar aprender moitas cousas deste singular lugar no que se garda a colleita.
 

FUNCIÓN: O canastro (lat. canistrum), hórreo ou cabaceiro é unha construción destinada a garda-lo millo denantes de o mallar.

 
cantiga

Canastro, cabaceiro, cabaz, hórreo e piorno son os nomes máis comúns cos que se coñecen en Galicia estas típicas construcións.

Aínda que o nome cambie segundo as zonas e segundo os materiais, é o mesmo habitáculo de almacenamento. A necesidade de conservar os alimentos procedentes do campo é consecuencia da ampliación dos terreos adicados ó cultivo; é dicir, as construcións actuais non deben de ser moi diferentes ás que xa empregaron os nosos antepasados para gardar produtos coma o millo miúdo. É probable que xurdira xa en plena cultura castrexa como almacén ou secadoiro de grans. O clima húmido durante o inverno en Galicia e a necesidade de illa-los alimentos, en especial, os cereais, esixiría a utilización dalgún recipiente, seguramente un cesto pendurado ou sobre pés, o que daría orixe ó primeiro cabazo. As primeiras noticias históricas sobre o hórreo atopámolas en diversos autores romanos, nos séculos I antes de Cristo, e descríbense dunha feitura moi semellante ós de hoxe. Na Idade Medía aparecen debuxados por primeira vez nas Cantigas de Santa María, de Afonso X O Sabio (século XIII).

Os dous requisitos dos canastros

Un hórreo ou canastro debe cumprir dúas condicións: ventilación para secar os graos e mais defender a colleita contra os ratos e outros animais. A ventilación conséguese deixando que circule o aire entre as fendas das pedras ou entre o enreixado de madeira.
Para manter afastados os roedores artelláronse “tornarratos” e nalgúns casos “tornaformigas” (con este nome coñécese un pequeño canal de auga que levan algúns canastros na soleira que lles dificulta o acceso a estes insectos).
 

Dada a súa importancia, préstase moita atención á calidade da construción e á busca da súa localización, a súa orientación, e unha boa aireación que seque os cereais. Esta busca orixinou nalgunhas aldeas verdadeiros campos de hórreos, por situalos tódolos veciños no mesmo lugar.

A maioría son dependencias exentas das casas, mais tamén os hai concibidos como dependencias da vivenda, á que se unen por unha das paredes. Levántanse tanto en propiedades particulares como en zonas comúns.