Saltar navegación

O carro de bois

 

 

De aspecto macizo e sinxelo, é un sistema de transporte perfectamente adecuadado á carga que ten que transportar e aos camiños polos que ten que andar.

Confirma a perfección da súa estrutura o feito de que se mantivera no tempo sen cambios relevantes.

"O análisis do carro actual deixa ver que somentes il pode rubir e baixar polas nosas encostas, brincar polas corredoiras, avantar polos tremesiños e lava-la súa cárrega por montes sen camiño, con toda seguranza, agarrándose ó chan, costeando quebradas ou marchando pola areia das nosas praias, sempre de vagar mais coa serenidade do que é rexo e ben axeitado á misión que lle cómpre".

Os elementos dos carros son comúns a todos, mais non así a súa nomencaltura, que poden ter variantes segundo a zona.

O carro consta de dúas partes: o chedeiro e o rodalo.

O chedeiro

O chedeiro consiste nunha grade formada por dous largueiros, as chedas,vergadas por un extremo no que empatan noutro largueiro que avanza por diante, o cabezallo, e chega, aínda que non sempre, até a traseira. Estes tres elementos consolídanse por medio dunhas travesas, cadeas, tamén de madeira. As chedas e o anaco de cabezallo que queda entre elas, coas cadeas correspondentes fan a grade, que vai cuberta con táboas, formando un piso, sollo ou soallo. O cabezallo ten unha ou dúas furas no extremo dianteiro e alí métese un pau atravesado, a chavella, vertical nuns sitios e horizontal noutros, que serve para o xunguir. Algúns carros levan unha entalladura entroques da chavella; esta entalladura chámase mosa. As chedas levan cada unha catro ou cinco furas nas que entran outros tantos estadullos ou fungueiros, estacas en madeira que rematan en punta. Por entre os estadullos pódense ver dúas táboas, ladrás, ou dúas armadillas tecidas de vergas, canizos para que a carga non caia. Algúns canizos son dunha soa peza, domeándose por diante para dá-la volta ó chedeiro; detrás pode levar unha comporta, recadén, que pecha totalmente o chedeiro converténdoo nunha caixa.

Por baixo de cada cheda van dous paus paralelos a elas e nos que, por medio dunha rebaixa, apoia o eixe. Esta peza é a chumaceira ou coucón; ás veces, por baixo da chumaceira aínda vai outra peza semellante, a zoca ou cantadeira, que é neste caso a que vai sobor do eixe.

De diante e detrás da rebaixa van as apeladoiras ou treitoiras, aseguradas por pescuños e destinadas a conte-lo eixe. Algunhas treitoiras teñen un sufinque chamado retrouso para lles dar máis seguranza. As treitoiras pódense apertar contra o eixe por medio dos pescuños, sendo o xogo do eixe coa chumaceira e as treitoiras o que fai "cantar" ao carro.

O rodado

Fórmano o eixe e as rodas; o rodado forma un todo ríxido, xa que as rodas non xiran no eixe senón que este faino xuntamente con elas, condición característica do noso carro e que lle dá a seguranza e estabilidade que ten.

O eixe é groso, con dúas canles preto dos extremos, chamadas luidoiros, que son as que encaixan entre as treitoiras; remata en dous espigos prismáticos, ampenlas, para meter nos buratos das rodas. Algúns eixes, para que canten máis e mellor, levan unha fenda lonxitudinal que actúa de caixa de resonancia.

A roda no noso carro ( aínda que con variacións) consta de tres pezas: unha central, o mion, e dúas laterais, as cambas, ensambladas ó mión por medio de dúas travesas interiores, rilleiras; as cambas poden ter un corte na parte interna que forma co mión un oco en forma de media lúa que se chama escabo, galga ou ceo.

 

As partes do carro