Saltar navegación

As árbores 2

Carballo

Carballo:

carballo

(Lat. Quercus robur); (Derus) Karballios: carballo leñoso. É a especie máis importante do bosque autóctono galego. Árbore caducifolia que florece entre maio e xuño. O seu froito é a landra. Chega aos 40 m. de altura. A denominación quercus vén das palabras celtas Kuer: fermoso e cuez= árbore. Era emblema da forza guerreira. Especie que medra lenta mais que pode chegar, segundo parece, aos mil anos de vida. De madeira dura, empregábase moito para facer pipas, bocois e barcos nas carpinterías de bocarribeira. Cast.: roble, Fr.: rouvre, In.: oak tree

Rebolo:

Exemplar de carballo

(Quercus pyrenaica). Especie do mesmo xénero có carballo, mais de porte máis pequeno e de toro retorto. As súas follas teñen os lóbulos máis profundos, non teñen aurículas na base e son veludas e suaves ao tacto; durante o inverno permanecen murchas na árbore (marcescentes) até que na primavera comezan a saír as novas. A súa madeira, de menor calidade cá do carballo, úsase como leña. Sin. Cerquiño, cerqueiro. Cast.: rebollo, melojo.

Castiñeiro

Ourizo dos castiñeiros

(Castanea sativa) Árbore caducifolia que pode chegar aos 30 m. de altura. Florece de maio a xullo. O seu froito, a castaña, está protexido polo ourizo e madura a finais de setembro. Os seus troncos poden ser ocos, seguindo viva a árbore ao ser pola súa parte máis superficial por onde circulan os nutrientes. Ten propiedades astrinxentes e, en infusión, antiinflamatorias para as vías respiratorias. Sin. Castiro. Cast.: castaño, Fr.: châtaignier, In.: chestnut tree.  O castiñeiro de Rozabales de Manzaneda, con 1000 anos, é o máis vello de Galica.

 
Amelia

Amelia, sabes que, sendo eu pequeno, atopei na caracocha dun castiñeiro unha arma que posiblemente era da guerra contra os franceses? Pensaba que era un tesouro. Co tempo decateime de que o tesouro… era o castiñeiro!

Érbedo

Exemplar de érbedo con froitos verdes e maduros

(Arbutus unedo, lat. vg. *erbitu). Planta arbustiva da familia das ericáceas de tres a catro metros de alto, follas alternas lanceoladas e persistentes e froitos pequenos, redondos, de cor vermella e superficie granulada; albedro, erbedeiro. 2. Froito desta árbore; albedro. Cast.: madroño.

Freixo

Copa dun freixo con follas verdes

(Fraxinus excelsior). Especie de crecemento rápido que medra en lugares frescos e en solos fondos e ricos en nutrientes, preferentemente á beira de ríos e regatos. As súas follas son compostas e caducas. Os seus froitos teñen dúas ás características. A madeira é dura e resistente: con ela fanse mangos de ferramentas, escanos e eixes para carros. Tradicionalmente plantábanse a carón das casas por existir a crenza de que afastan os raios. Sin. Freixeiro. Cast.: fresno, Fr.: frêne, In.:ash-tree.

Piñeiro do país

Folla do piñeiro

Exemplar de piñeiro

A folla do piñeiro ten moitos nomes: arume, agulla, bruma, frouma, paumeiro, piñuca...(pinus pinaster). Naturalizada en Galicia, crese que entrou dende Portugal no século XVIII. Medra axiña e gusta dos solos areosos e ácidos. Ten a copa moi irregular, casca formada por placas e follas aciculares agrupadas de dúas en dúas. As sementes son os piñóns, provistos dunha á para seren dispersados polo vento. Atópanse no interior das pinas. A madeira é de mala calidade e con moita resina, polo que arde rapidamente. Sin.: piñeiro bravo, piñeiro galego. Cast.: pino marítimo, Fr.: le pin, In.: pine.