Saltar navegación

A pescuda de Amelia

A pescuda de Amelia

amelia

A pasada fin de semana puiden volver subir ao faiado; así que saquei de novo os galochos e reviseinos ben. Están feitos de madeira de ameneiro e coiro. Pero, que vos podo preguntar? Cando xa me dera por vencida ocorréuseme unha idea. Fun buscar a báscula da cociña e peseinos. Primeiro un, logo o outro. Había unha diferenza de 100 gramos! Busquei un coitelo e traballei o tacón do máis pesado. Axiña saltou unha tapa de madeira deixando ao descuberto unha pedra no seu interior. Velaquí a causa da diferenza de peso! A pedra non era moi grande, mais pesaba. Ninguén na casa me soubo dicir que tipo de pedra era, así que ocorréuseme preguntarlle á miña profesora de Bioloxía. Despois duns días nos que fixo unhas comprobacións, a profe díxome que, con toda seguridade, era unha pedra de wolframio. Preguntoume de onde a sacara e explicoume o que fora ese mineral durante unha época para Galicia. Non só fora un mineral moi cobizado polas forzas militares como endurecedor do armamento (mesmo o exército alemán estaba detrás da explotación das minas de Galicia!) senón que a súa venda ilegal creara un mercado que acabou producindo comportamentos sorprendentes nalgunhas persoas, que víron no mineral a posibilidade de acceder a diñeiro fácil. Os furtos eran reprimidos con dureza, malia a todo, houbo intentos de roubo organizado e algunha xente chegou a facer tal fortuna co estraperlo, que disque había casas que, como signo de ostentación, tiñan lámpadas nas súas casas moito antes de teren luz eléctrica!

Por que o avó gardaba unha pedra roubada de wolframio tan ben agachada? Terei que seguir preguntando entre os veciños do Muíño Vello cando teña ocasión.