Pioneiras
As mulleres sempre traballaron, no campo, no areal, na casa; teceron, aprenderon as propiedades medicinais que a natureza poñía ao seu alcance, foron poetisas e cantarinas (creadoras das coplas que Rosalía de Castro glosa no seu poemario Cantares Gallegos). Moitas mulleres anónimas fóronse dando a man a través dos séculos compartindo os seus saberes coas seguintes xeracións. Ademais, algunhas tiveron que ser moi valentes para abrir fendas nos muros que rodeaban ámbitos exclusiva e inxustamente masculinos. Que, no noso mundo, a muller teña acceso en igualdade co home á formación académica e a calquera ámbito profesional, debémosllo ao camiño labrado con tesón por mulleres pioneiras como Concepción Arenal, Rosalía de Castro, Sofía Casanova ou María Wonenburger. Na biblioteca déixoche a colección ”Pioneiras”, da editorial Xerais, coa que descubrirás mulleres asombrosas que estou seguro de que che darán azos para a túa vida. Como Amelia Earhart, a primeira muller en cruzar o Atlántico nun avión en 1932, en 13 horas e 50 minutos. Estou seguro de que a coñeces ben, e de que aínda conservas a boneca que acompañaba o libro cos que te agasallou a túa madriña Mercedes.
![]() |
|