Saltar navegación

As árbores 3

Sabugueiro

Flor branca do sabugueiro

Froitos negros do sabugueiro

(Sambucus nigra). Árbore de pouca altura. A copa é densa e arredondeada. Os talos novos e as pólas teñen a médula esponxosa e branca. As follas, compostas e caducas, presentan un cheiro característico. As flores brancas, en grupos moi numerosos, dan paso a froitos coma uvas pequenas de cor negra brillante. Tanto as flores coma os froitos teñen usos culinarios.  Sin. sabugo, bieiteiro, biouteiro. Cast.:Saúco.

Salgueiro

Salgueiro pingón

(Salix atrocinerea, salix alba). Árbore de escasa altura, de follas caducas de forma ovalada. As flores femininas agrúpanse en formacións longas e espesas. Hai pés macho e pés femia. A madeira é pouco aprezada, mais da súa casca obtíñase a salicina, base do ácido acetilsalicílico das aspirinas. Prefire terreos húmidos, sendo frecuentes en lindes, prados, beiras de camiños e corredoiras. Sin. salgueira. Na fotografía vemos a variedade coñecida como salgueiro "chorón" ou "pingón". Cast.: sauce. Fr.: le saule. In.: willow.

Sobreira

Exemplar de sobreira nevado Cortiza da sobreira

(lat. vg. *suberaria). Árbore da familia das cupulíferas (Quercus suber) de folla perenne e madeira dura á que se lle tira a cortiza, que se emprega en diferentes usos industriais; sin. carballo da cortiza, corticeiro, cortizo, sobro. Cast. Alcornoque

Teixo

froitos do teixo

(taxus baccata) Árbore que pode medir máis de 15 metros. Moi lonxevo. O teixo macho florece entre marzo-abril e os froitos dáos o teixo femia no mesmo verán. A súa madeira préstase para ser traballada en gravados ou esculturas. Árbore sagrada para os celtas, simbolizaba a morte e a resurrección; é unha árbore penzoñenta, veleno co que supostamente se envelenaron os galaicos no Monte Medulio antes de teren que renderse aos romanos. Precisamente a súa toxicidade explica que fose practicamente erradicada dos montes galegos, onde outrora foi moi frecuente. Deixa abundantes restos na toponimia (Teixeiro, Teixido, etc.). Cast.: tejo, Fr.: If, In.: yew.

Tronco de teixo

Teixedal de Casaio

Nos montes de Trevinca pervive un importante bosque autóctono de teixos. O Teixedal de Casaio.

 
Tronco de teixo

Troncos de teixo no Teixadal de Casaio

Por suposto, nas nosas fragas e montes hai moitas outras árbores e arbustos: carqueixas, carrascas, espiños, freixos, loureiros, pradairos, piornos, sanguiños, serbais... Árbores froiteiras: cerdeiras, figueiras, nogais, mazairas, oliveiras, pereiras, pexegueiros, marmeleiros, laranxeiras, limoeiros, abelairas, amendoeiras; moitas plantas: acedas, amorodeiras, arandos, breixos, caramiñas, carrascas, carqueixas, celidonias, estrugas,  toxos, chuchameis, couselos, empreñadeiras, estalotes, fietos, liño, lúpulo, ourego, regalicia, romeu, ruda, tollemerendas, trevo, urce, xanzá, xarxa, xestas...

couselo

couselo

Toxos

toxo

 
ourizo

Velaquí che deixo algunhas propostas de investigación para coñecer mellor este mundo. Non son para que as fagas todas, senón para que penses cal delas che gustaría levar a cabo por ti mesma, ou, mellor aínda, coa túa nai ou con algún amigo ou amiga. 

- Cos froitos de que plantas e árbores podemos facer marmelada?

- Que plantas e árbores do listado son velenosas?

- Busca receita (refresco ou marmelada de flor de sabugueiro, tónico capilar de romeu e estruga, colutorio de xarxa e ourego, etc.) e elabora algunha.

 

A que che gustou coñecer máis cousas sobre as árbores, Amelia? Supoño que xa che explicarían os teus profesores o importantes que son para preservar a vida no planeta. Como me gustaría que a xente nova coma ti quixera coñecelas e apostara por regalar plantas e árbores…

Os Vacalouras- Acacia negra

🌿 Os Vacalouras - Acacia Negra 🌿 Videoclip realizado por Sandra Romero & Os Vacalouras Gravado no monte da Guía (Teis) A raíz do toxo verde é moi mala de arrincar. Os amoriños primeiros son moi malos de olvidar. Non se trata do teu caso porque o teu aínda é peor, ademais de mala herba tes carácter invasor! Podes ser un eucalipto! Ou quizais unha mimosa! (NON!) Mais das plantas australianas é la peor de todas! Es como unha acacia negra, cousa Invasora. Non hai xeito nin maneira de botarte fora! Es como unha acacia negra Cousa Invasora! Meu desexo é erradicarte Non me chega a hora... É la Vespa velutina que aniñou ao meu carón, o sargazo xaponés que me afoga o corazón Foi un erro acacia negra ter contigo relación, como Hitler con Polonia invadíchesme a traizón! Podes ser un eucalipto... Es como unha acacia negra... Pero non me importa pois no fondo me compensa, invádeme por dentro, rompe o meu ecosistema! Teu amor é como o lume que a finais de verán me queima. Terte preto é unha desgracia, así a todo... AÍNDA ME PRESTA! -----------------------------------------------

Pero non todas as especias de árbores son boas para a nosa terra, como as foráneas, que se comportan como invasoras e depredadoras das nosas autoctónas. Hai que fuxir das exóticas que non están adaptadas ao noso ecosistema galego.

Escoita esta canción do grupo OS VACALOURAS, no seu tema "Acacia Negra", como describen esas árbores invasoras como a acacia e o eucalipto...