Saltar navegación

4- O xogo das palabras

Benvido, xogador ou xogadora!

A cuarta parte deste xogo non está feita polo avó Estevo, senón por min, a súa neta Amelia. Por desgraza non tivo tempo de artellalo. Sigue lendo, que che conto o motivo. A derradeira entrada da súa web é a seguinte: 

 

debuxos gravados en pedras de granito

Querida Amelia:

Cando principiei a ir á clase de Informática para adultos, gustábame buscar información sobre o lugar no que nacín. A serra, o río, a historia… Un día que procuraba na web a orixe dos debuxos que hai gravados nas pedras da Casa dos Vaqueiros, dei cuns debuxos, feitos a lápis, que me chamaron a atención. Velaí estaba o home montado a cabalo,  a lúa, o paxaro… Non eran reproducións exactas das figuras das pedras, pero si moi parecidos. Atopeinos nunha bitácora de México que mantiña unha persoa que asinaba como M. Murias. Escribinlle interesándome por eles e díxome que formaban parte dunha libreta que deixara seu falecido avó Santiago, na que había máis debuxos da súa aldea natal, en Galicia. Pedinlle se podía subir á bitácora algún debuxo máis, gabando a calidade dos trazos.
En canto os subiu, deseguida recoñecín cada un deles: a fonte das Abelairas, o Picouto, a igrexa, a casa da escola…
Dera coa neta de meu irmán?
Cando o médico me explicou o estado do meu corazón, entendín que non ía ter tempo nin forzas para completar toda a historia. Pero entón comprendín que as historias continúan no tempo se alguén así o quere.
Artellei este xogo do tesouro para ti, así que, se chegaches até aquí, hache ser moi doado contactar con esta rama da nosa familia que vive no outro lado do Atlántico, completar as lagoas que quedan neste relato e tender as pontes precisas para que a historia da familia continúe escribíndose...

Aqui tes unha das poucas fotos que nos sacamos todos xuntos

 

Esa foi a derradeira entrada que o avó Estevo me deixou na súa bitácora. Daquela estaba el enleado tamén noutra investigación, esta sobre as palabras, que supoño que preparaba para min e que non lle deu tempo a rematar.  Deixou anotadas as seguintes preguntas:

1-     Cales son as palabras máis vellas e as máis novas?

2-     Como se formaron as nosas palabras?  

3-     Como son por dentro as palabras?

4-     Como agrupamos as palabras?

Transcorreron xa catro anos  dende a morte de meu avó. Agora son eu, a súa neta Amelia, a que dará vida de novo á súa bitácora “No faiado da casa”. E tentarei seguir coas súas liñas de investigación, a familiar e a lingüística.  Anímaste a acompañarme?

Continúa o xogo

Así o fixen. Levo xa anos mantendo comunicación con esa rama da familia que vive noutro continente. Pero, fiel ao espírito de reto co que o avó deseñou o xogo do tesouro, decido continualo eu á miña maneira. Se queres saber a parte da historia que meu avó non chegou a coñecer, deberás seguir o xogo. Mais se queres acadar o nivel de "gran mestre" das palabras galegas has ter que esforzarte máis. Podes traballar en solitario ou facer traballo colaborativo, ao fin e ao cabo, a lingua fixémola entre todos! Eu tamén che deixo unha biblioteca para que poidas pescudar as respostas, non no faiado da casa de meu avó, senón aquí mesmo. Deberás aprender como se formaron as palabras, cales son as máis vellas e moitas outras curiosidades lingüísticas. Unha vez que esteas preparada poderás iniciar a busca do tesouro. Moita sorte, o xogo comeza xa!