Saltar navegación

As árbores 1

 
Amelia

Amelia, observa que che poño tamén os sinónimos que coñezo das palabras (sin.) e equivalencias noutras linguas: castelán (cast.), francés (fr.), inglés (In.)… para que che axude a recoñecelas e tamén a ver que as linguas agrúpanse en familias. A nosa forma parte das linguas románicas, pois procede, en boa parte, do latín

Abruño

FRoitos do abruño

(Prunus spinosa). Árbore pequena de folla caduca e pólas e talo espiñentos. Flores hermafroditas de cor branca e froitos coma ameixas pequenas, de cor azul escura ou negra. Chámanse abruños ou bruños e son de sabor amargo. Con eles fanse marmeladas e licores (caso do patxarán de Euskadi e Navarra). Sin.: abruñeiro, bruñeiro, espiño, ameixeira brava. Cast.: endrino, Fr.: prunellier, In.: sloe-tree.

Acivro

Froitos do acivro

(Ilex aquifolium). De follas duras e espiñentas ("aquifolium" do latín acus-uus: "agulla") e característicos froitos que maduran en inverno e serven de alimento aos paxaros. Mide de 2 a 10 m. Adoita formar grupos. De madeira dura, compacta, flexible e resistente. Atópase dende os 600 m. de altitude. Os seus froitos serven de alimento a moitas aves durante o inverno. Especie protexida. Sin.:xardón. Cast.: acebo, Fr.: houx, In.: holly tree.

 

árbore da Ponte

Amelia, cada ano, polo teu aniversario, plantamos unha árbore na finca. Cando cumpriches os cinco anos, plantamos o teu acivro. Lémbralo? Agardo que, cando falte eu, non perdas os bos costumes…

Ameneiro

Detalle do ameneiro

(Alnus glutinosa) árbore frondosa que chega aos 20 m. de altura. Florece no inverno e madura no outono. Os froitos son pequenos e teñen dúas ás que facilitan a súa dispersión polo vento. Acódese a el para repoboar chans pobres e enchoupados como as brañas, xa que fixa o nitróxeno. Ten un papel importante tamén na conservación dos sistemas fluviais. A súa madeira emprégase para facer zocas, madreñas, etc. Sin. Amieiro, umieiro, aveneiro. Cast.: aliso, Fr.: alisier, In.:alder tree.

Bidueiro

Bidueiro, árbore

(Betula celtiberica). Árbore que ten afinidade pola luz e polos solos ricos en auga. Aguanta ben o frío e rexenérase con facilidade despois do lume (pirófita). A casca é tipicamente abrancazada e as follas son caducas con forma de corazón. O seu pole causa moitas alerxias. A madeira é densa e branda e emprégase para facer zocas, trinches, apeiros de labranza... Sin.: bidueira, bido, abedugo. Cast. Abedul, Fr.: le bouleau, In.: birch.

Buxo

pólas de buxo

(lat. Buxu(m)) Arbusto da familia buxáceas (Buxus sempervirens), de talos ergueitos e ramudos, follas coriáceas e persistentes, e pequenas flores axilares; de lento crecemento. A súa madeira é moi dura, polo que é moi aprezada para a construción de instrumentos musicais e outros obxectos, como a "buxaina". Cast.: boj, Fr.: buis, In.: boxtree.

tres buxainas

As buxainas ou peóns adoitan facerse de madeira de buxo.