Saltar navegación

Queres saber canto aprendiches?

 

Amelia, como  xa che dixen, en clase de informática aprendín a facer este tipo de cousas ás que lles chaman “exercicios interactivos”. Como se basean na asociación e na repetición, coido que che han axudar a fixar mellor algunhas palabras e os seus significados. Ademais, ti decides cando os fas e vas vendo canto aprendes. Como método didáctico non ten comparanza co que usaba con nós o mestre da escola: se te equivocabas, pegábache cun pao, e repetía os golpes  sen dó ningún. Por sorte, eses tempos quedaron atrás...

Actividade de lectura

Este poema de Ramón Cabanillas describe o estado de abandono no que se encontra unha casa que antano fora o fogar no que vivían os seus seus queridos (Ela...). Sabes un ou varios sinónimos das palabras subliñadas? Saberías definir as que aparecen resaltadas en negriña?

Na casa vella

Patín, solaina, alboio
todo se veu a terra!
Quedan soio as paredes
Alombadas, cubertas
polo follaxe espeso
das silvas e das edras.

N-un esquinal, enriba
da lousa da lareira,
amostra o forno da boca
cuadrada e ferruxenta.

No chan, ante a friaxe
das orballadas herbas,
apodrecen os cangos
do tellaván.

Na eira,
un loureiro velliño
desfóllase de pena
nas ágoas empozadas
e escuras d-unha aberta.

O piorno, destellado,
caídal-as madeiras,
é un altar no que vive
a impoñente tristeza
duns dioses esquecidos,
sin ceo e sin igrexa.

Hai ó pé dun valado, unha fonte que deita
pingotas como bágoas,
nunha taza de pedra
chea de fentos bravos
e frores ventureiras.

Na xunta dunhas lousas
da cornisa desfeita,
no que queda máis outo,
prendeu unha roseira
que, afeita ó señorío,
borracha de soberbia,
como un pendón guerreiro
na punta dunha almena,
puxo a groria arumada
d-unhas rosas sangrentas.

Ó rededor da casa,
o que denantes era
coidado labradío,
agora é unha toxeira
na que rin as homildes
chorimas amarelas…

¡Tellado dos amores
que te viñeches á terra!
¡Loureiro das espranzas
desfollado coas penas!
¡Roseira dos groriosos
ensonos que se alexan!
¡Frores deste desterro,
chorimas amarelas!
¡Altariño esquecido
dende que se foi Ela…

tamén dentro da alma
teño unha casa vella!

Vento Mareiro.