Saltar navegación

As dependencias

A pescuda de Amelia

O Día de Todos os Santos fomos por fin á casa do avó. Axudei a baixar as flores que levabamos no coche para o cemiterio e subín ao faiado en canto me puiden escabulir. A arca é bastante grande, cabería eu dentro perfectamente. Está feita de madeira de carballo. A tapa é pesada, pero pódese abrir sen dificultade. Comecei a sacar o que había dentro e funo pousando a modo no faio. Un xogo de sabas de liño bordadas, algo amarelecidas. Dous galochos de home. No fondo, unha manta vella de lá, desas que pesan. Levanteina por unha esquina e mirei se había algo debaixo. Nada! Fixen o mesmo polo outro extremo. Tampouco. U-lo tesouro? Un chisco decepcionada, decidín sacar tamén a manta da arca para estendela.

O certo é que nunca vira unha así, e resultoume curiosa. Debía ter sido feita nun tear, pensei eu. Predomina a cor branca da lá de ovella sen tinguir, pero está decorada con franxas de cores rechamantes, verdes, azuis e vermellas. Na parte inferior, nunha franxa máis ancha, están tecidas as letras C. Redeira. Ao estendela no chan esvarou unha fotografía en branco e negro. Nela víase un grupo de persoas das que non recoñecín a ninguén. Volvín meter todo dentro e baixei coa fotografía en procura de miña nai.

-Mamá, mira que atopei!

-Onde?

-Na arca do faiado.

Mamá mirou a fotografía con interese. Deulle a volta e leu: C. Redeira. Mira, non reparara eu niso.

-Quen son, mamá?

Mamá aínda tardou en responder.

-Esta foto está sacada no patio desta casa, porque a primeira vez que viñen eu aínda estaba esa pía de auga que se ve ao fondo. Despois fixeron obras, pavimentaron o chan con lousa e quitárona. E esta xente...non che sei. Se vivira teu pai... Pero pódeslle preguntar á tía Teresa, a ver se sabe quen son. Mágoa que esta fin de semana non estea. Está tomando os baños en Río Caldo.

Na fotografía víase un grupo de catro adultos e dous nenos. Tres homes e unha muller en segundo plano; dous nenos en primeiro plano. Vestían como de festa, con traxe e garavata, agás un que non tiña a chaqueta posta e levaba tirantes. Os nenos parecían divertirse e miraban un para o outro, facéndose monadas.

Volvín para a miña casa un tanto decepcionada. Esa foto era o tesouro? E os outros tres? Non sei. Está claro que vou ter que completar o xogo.

Volvín de novo á bitácora e seguín coas "dependencias", a ver se o avó agachou algunha pista do tesouro entre esta información...

 

`pozo 

Pozo/puzo (var. dialectal)

Alpendre: construción rústica con paredes e tellado ou só con tellado, utilizada fundamentalmente para gardar o carro e os apeiros, leña, trastes e calquera tipo de ferramenta. Sin. alboio, cabanel, cabanote, caustra, chapitel, cuberto, pendello, sobeira.

Capoeira: lugar onde se gardan e se crían aves de curral, como o galo e a galiña. As galiñas escaparon da capoeira. sin. capoeiro, galiñeiro, poleiro.

Celeiro: sitio onde se gardan as colleitas.

Coelleiro: gaiola ou corte onde se crían os coellos domésticos.

Cortello: corte pequena, especialmente a dos porcos e xatos.

Curral: espazo situado preto ou a carón da casa labrega, descuberto e xeralmente valado, onde se ceiban certos animais domésticos, se gardan os apeiros ou o carro, a leña ou o toxo etc.

Curro: curral, xeralmente de pequenas dimensións.

Hórreo: lugar destinado a secar e conservar o gran. Sin. piorno, cabazo.

Lavadoiro: lugar ou pía onde se lava a roupa.

Palleira: lugar onde se garda a herba seca ou a palla, e tamén os apeiros e o carro. Sin. pallal, pallar, pallarega, pallete.

Presebe: recipiente ou lugar amañado para botarlles de comer aos animais, acondicionado de maneira que só poidan chegar a el coa cabeza. Sin. cambeleira, comedeira , comedeiro,, manxadoira.

O forno

Boca do forno

Ferramentas dentro do forno: rodelo, e varredoiro

Forno: capoeira, chapilé, boca, capela, burato, lareira, fornalleira

O muíño

muiño

Tarabelo: Peza do muíño de diferentes formas, unida á quenlla e apoiada na moa, que se move ao xirar esta, e axita a quenlla para que caia o gran no ollo do muíño. As mellores tarabelas son de carballo, de uz e mesmo de buxo. sin. batalleira, batallo, chamadoira, tanxedoira, traque.

muiño vello