Saltar navegación

Cambios semánticos. Causas

Influencia estranxeira

Cambios de significado debidos á incorpo­ración á lingua de préstamos xustificados ou inxustificados. Sobre todo nos últimos tempos a influencia do inglés facilita a introdución de moitos anglicismos que ocupan a parcela significativa de palabras pro­pias do noso idioma (camping/acampamento, interface/interconexión, kit/ equipamento).

Necesidade dun novo nome

Ao apareceren novos obxectos ou rea­lidades, cómpren tamén novos termos para designalos; xorden así neo­loxismos como computador, informática, telemática, videoxogo, etc.

Causas lingüísticas

Certos cambios poden producirse por causas fo­néticas, ao darse unha diverxente evolución fonética dunha palabra (cáte­dra e cadeira < cathedra).

Outros veñen motivados por cuestións de carácter morfosintáctico, ao aparecer varias palabras asocia­das a un mesmo contexto é frecuente que se omita unha delas trasladándose o significado global á palabra que queda, por cuestión de economía lingüística: tomar un (café) cortado; vivir no terceiro (andar); cursar primeiro (curso); arrancar en primeira (marcha).

A semellanza de significados:

1. Semellanzas obxectivas: lingua “órgano musculoso da cavidade bucal”, aplícase tamén a outros obxectos de forma tamén alongada: lingua de mar, de terra, etc. Porta “abertura que dá entrada a un lugar pechado” pasa a designar tamén calquera acceso a un lugar.

2. Semellanzas subxectivas: burro “persoa pouco intelixente”, raposo “persoa astuta”; asociacións sinestésicas (voz apagada, cor viva).

Causas históricas

Algunhas palabras foron cambiando o seu signifi­cado ao longo dos tempos porque tamén se foron producindo modifica­cións e avances nas ciencias, nas técnicas e na sociedade en xeral. Estes cambios de significado non son, polo tanto, máis ca unha lóxica adapta­ción da lingua aos tempos.

 

-A palabra azafata, que orixinariamente significaba "camareira ao servizo da raíña" pasa a ter o sentido de "per­soa que atende ao público en congresos, feiras, etc., ou aos viaxeiros dun avión.

-O vocábulo prensa, 'máquina de imprimir', ten actualmente tamén o significado de «conxunto de publicacións periódicas".

- Coche comezou significando “carruaxe de viaxeiros tirada por cabalos”; despois adquire o significado actual e perde o anterior.

- Pluma era en principio a cobertura das aves, logo designou tamén instrumento de escribir feito de pluma de ave, e máis tarde estendeuse a pluma estilográfica e mesmo a escritor.

- Padiola era un instrumento para transportar cargas; hoxe tamén para o que transporta feridos.

- Roxo: *ROUDO- significaba vida na morte (resurrección), entre outros valores. No mesolítico era usual tinxir os defuntos de vermello, e mais no neolítico. Despois substituiuse a pintura por panos. O corpo de Héctor fora envolto en túnicas purpúreas. As romanas en sinal de dó puñan na cabeza a “rica”, un pano vermello. Esquecérase que tinxir de vermello o rostro do triumphator; era no principio rito fúnebre destinado a deter os danos dos espíritos inimigos mortos no combate. Aínda hoxe se poñen panos vermellos na misa de defuntos por un pontífice.

 

Causas sociais

Ás veces unha voz pasa da linguaxe ordinaria a ser un termo especializado (restrición do significado): as palabras cotorra e lince estenderon o seu significado ao seren aplicadas a persoas que falan moi­to ou son moi agudas, respectivamente; o mesmo sucede con transistor, ao pasar a denominar un aparello de radio que funciona con transistores.

Outras veces prodúcese o fe­nómeno contrario (extensión do significado): a voz rato en informática (dispositivo que se conecta aos or­denadores) ou a palabra camisa en electricidade (recubrimento plástico dun cable) constitúen exemplos de especialización semántica.

Causas psicolóxicas

Moitas veces os cambios teñen a súa orixe na mentalidade ou na educación dos falantes.Neste sentido, a causa máis importante é o tabú.