Segundo vimos cando estudamos os vectores, cando dúas forzas paralelas e do mesmo sentido se suman, súmanse os seus módulos. Se as forzas teñen sentidos contrarios, réstanse os seus módulos. Isto sérvenos unicamente para entender o efecto de dúas forzas de sentidos contrarios sobre a translación dun sólido, xa que si o sólido pode xirar temos que considerar o momento das forzas respecto do eixe de xiro. Vexamos un exemplo:
Temos un sólido ríxido que pode xirar entorno a un eixe que se pode trasladar e que pasa polo seu centro e aplicamos dúas forzas iguais pero de sentidos contrarios e situadas á mesma distancia do eixe (como se indica na simulación). O sólido non se desprazará porque a suma vectorial das forzas é nula, pero si que rotará, xa que os momentos das forzas non se anulan.
Par de forzas
Chamamos par de forzas a dúas forzas paralelas de igual intensidade e sentidos contrarios que actúan en dúas direccións paralelas. Un par de forzas non produce movemento de translación, pero si de rotación.