Dis que sobre un corpo actúa unha forza se produce un cambio no seu estado de movemento ou lle provoca unha deformación. Unha forza é unha magnitude vectorial e pode ser anulada por outra do mesmo módulo e dirección pero de sentido contrario.
As forzas, como dixéramos, son magnitudes vectoriais, é dicir para quedar ben determinadas precisan que se indique o seu módulo (ou a súa intensidade), a súa dirección (determinada pola recta sobre a que actúan) e o seu sentido (cara un lado da recta ou cara o outro).
O Newton (N) é a unidade de forza no Sistema Internacional
Tradicionalmente as forzas tense clasificado en:
- Forzas de contacto, se os corpos que interactúan se tocan. Algúns exemplos son:
- A normal, aparece cando dous corpos se exercen unha forza, por exemplo a forza que fai unha mesa sobre un libro situado enriba. A normal será sempre perpendicular á superficie de contacto dos corpos.
- A tensión, aparece cando dous corpos interactúan mediante cordas, cadeas, fíos... A tensión a debuxamos sempre enriba do elemento de unión.
- A fricción, dáse entre as superficies de dous corpos con tendencia ao movemento ou movemento relativo entre eles.
- A forza elástica, maniféstase cando deformamos un corpo mediante a aplicación doutra forza.
- Forzas a distancia, se "non se tocan" os corpos que se exercen forzas.
- O peso, dáse entre os corpos debido a súa masa (é o mesmo que a atracción gravitacional).
- A atracción ou a repulsión eléctricas, aparece cando enfrontamos dous ou máis corpos con carga eléctrica.
- A atracción ou a repulsión magnética, maniféstase cando enfrontamos dous imáns, por exemplo.

Medida das forzas
Podemos medir a intensidade (módulo) dunha forza aproveitando que son capaces de deformar os corpos. En concreto, podemos usar un resorte e observar a deformación que produce una forza nel.