Anteriormente temos falado da presión hidrostática, este tipo de presión é característica de todos os fluídos, incluíndo os gases. O aire que nos rodea é un fluído e, debido ao seu peso, tamén exerce unha presión sobre os corpos situados no seu interior.
Chamamos presión atmosférica ao peso por unidade de superficie que exerce a atmosfera sobre os corpos que están no seu interior.
Experiencia de Torricelli
Para demostrar a existencia da presión atmosférica, o físico italiano Evangelista Torricelli levou a cabo a seguinte experiencia. Encheu un tubo de vidro de 1 m de lonxitude de mercurio (Hg) e pechado nun dos seus extremos e o inverteu sobre unha cubeta tamén chea de mercurio. Observou que a columna de mercurio descendía até atinxir unha altura (aproximada) de 760 mm. Conxecturou que se o mercurio non descendía máis debíase a que a presión atmosférica que actuaba sobre o mercurio da cubeta o impedía.
A presión atmosférica existente cando o mercurio ten unha altura de 760 mm denomínase hoxe atmosfera. Unha atmosfera de presión equivale a 760 mmHg ou a 101325 Pa (pascais). En honor a Torricelli, á presión que corresponde a 1 mmHg é chamada tamén Torr, aínda que hoxe en día non é moi usada.
A medida que ascendemos, o peso da columna de aire é menor (así como a súa densidade). De feito a presión atmosférica diminúe coa altitude.
Barómetros
Medimos a presión atmosférica cos instrumentos chamados barómetros. Normalmente constan dunha caixa na que se fixo o baleiro. A presión exterior deforma a caixa que move unha agulla que marca a presión atmosférica.