Os diferentes corpos do firmamento poden emitir ou reflectir radiación electromagnética como: raios-X, raios ultravioleta, luz visible, radiación infravermella, microondas e, mesmo, ondas de radio.
Podemos captar estas radiacións mediante os instrumentos chamados telescopios que son aparellos constituídos por conxuntos de lentes e espellos.
A observación do Universo recibe o nome de astronomía e os telescopios constitúen un dos aparellos máis importantes usados polos astrónomos.
Para evitar ao máximo as perturbacións que na obtención de imaxes producen a contaminación (especialmente a luminosa) e a propia atmosfera terrestre, os telescopios sitúanse en lugares moi elevados sobre o nivel do mar e, incluso, hai algúns que se situaron en órbita como o "Hubble" ou o "Kepler".