Saltar navegación

Cúpula

Definición

Cúpula: elemento arquitectónico que se utiliza para cubrir un espazo de planta circular, cadrada, poligonal ou elíptica. Esta cuberta semiesférica obtense mediante a rotación de arcos respecto dun punto central de simetría. Estes arcos poden ser de perfil semicircular, parabólico ou oval. Se a cúpula cubre un espazo non esférico ten que empregar trompas ou pendentes para acadar a sección circular na base de imposta.

Apoio visual

Fernando Díaz (CC BY-SA)

Explicación

A falsa-cúpula (construída por aproximación de filas de cantería, ladrillos ou cachotaría) foi utilizada dende as primeiras civilizacións, sobre todo en construcións funerarias.

No mundo mesopotámico, exipcio e grego, foi pouco común o uso de cúpulas xa que era unha arquitectura eminentemente alintelada.

Cúpula do Baptisterio de Pisa, a imitación da do Santo Sepulcro de Xerusalén. Románico, século XII
Fernando Díaz. Doble cúpula, esférica e tronco-cónica (CC BY-SA)

Os primeiros exemplos de cúpulas atopámolos na arte romana. No Panteón de Agripa de Roma ergueuse unha grande cúpula semiesférica apoiada nunha estrutura cilíndrica. Posúe un óculo na clave que ilumina o interior (imaxe 1)

O Imperio Bizantino herdou a tecnoloxía romana na construcción de cúpulas, erguéndoas sobre superficies cadradas coa axuda de pendentes.

A cúpula é un dos elementos propios da arquitectura islámica, reservada para lugares e estancias detastacadas, normalmente de madeira e ladrillo, e profusamente decorada. (imaxe 2). 

Na Europa cristiá da Idade Media constrúense cúpulas de menor tamaño por descoñecemento técnico.  A partir da expansión das cidades e a reconstrucción da basílica do Santo Sepulcro de Xerusalén (século XII), reprodúcese o seu modelo por toda Europa. 

No Renacemento, constrúense as cúpulas mais importantes: a cúpula da Santa María dei Fiore en Florencia (imaxe 3) de Brunelleschi e a cúpula de San Pedro do Vaticano, obra de Miguel Anxo.

Para conseguir mais elevación nunha cúpula faise repousar sobre un ancho anel chamado tambor, de corpo cilíndrico ou poligonal.

A iluminación pode conseguirse polos vans abertos no tambor ou coroarse cunha estrutura chamada lanterna, para permitir o paso da luz ó interior.

Imaxe 1
Vista interior da cúpula do Panteón de Agripa en Roma. Arte romana, século II d.C.
Fernando Díaz. Cúpula romana (CC BY-SA)
Imaxe 2
Vista do interior da "sala das doncellas" do Alcázar de Sevilla. Arte islámica, século XII
Fernando Díaz. Cúpula mudéxar de madeira dourada e decorada (CC BY-SA)
Imaxe 3
Cúpula da catedral de Santa María dei Fiore de Florencia (Italia). Filippo Brunelleschi, Renacemento, século XV
Fernando Díaz. Cúpula con lanterna (CC BY-SA)

Feito con eXeLearning (Nova ventá)