Competencias clave

 

A proposta pretende contribuír á adquisición das seguintes competencias:

  • Competencia en comunicación lingüística (CCL): supón interactuar de forma oral, escrita, signada ou multimodal de maneira  coherente e adecuada en diferentes ámbitos e contextos, e con propósitos comunicativos diversos. Implica mobilizar, de maneira consciente, o conxunto de coñecementos, destrezas e actitudes que permiten comprender, interpretar e valorar criticamente mensaxes orais, escritas, signadas ou multimodais evitando os riscos de manipulación e desinformación, así como comunicarse eficazmente con outras persoas de maneira cooperativa, creativa, ética e respectuosa.
  • Competencia matemática y competencia en ciencia, tecnología e ingeniería (STEM): entraña a comprensión do mundo utilizando os métodos científicos, o pensamento e representación matemáticos, a tecnoloxía e os métodos da enxeñaría para transformar a contorna de forma comprometida, responsable e sustentable.
  • Competencia dixital (CD): implica o uso seguro, saudable, sustentable, crítico e responsable das tecnoloxías dixitais para a aprendizaxe, para o traballo e para a participación na sociedade, así como a interacción con estas.
  • Competencia persoal, social e de aprender a aprender (CPSAA): implica a capacidade de reflexionar sobre un mesmo para autocoñecerse, aceptarse e promover un crecemento persoal constante; xestionar o tempo e a información eficazmente; colaborar con outros de forma construtiva; manter a resiliencia, e xestionar a aprendizaxe ao longo da vida. Inclúe tamén a capacidade de lle facer fronte á incerteza e á complexidade; adaptarse aos cambios; aprender a xestionar os procesos metacognitivos; identificar condutas contrarias á convivencia e desenvolver estratexias para abordalas; contribuír ao benestar físico, mental e emocional propio e das demais persoas, desenvolvendo habilidades para coidarse a si mesmo e a quen o rodea, a través da corresponsabilidade; ser capaz de levar unha vida orientada ao futuro; así como expresar empatía e abordar os conflitos nun contexto integrador e de apoio.
  • Competencia cidadá (CC): contribúe a que alumnas e alumnos poidan exercer unha cidadanía responsable e participar plenamente na vida social e cívica, baseándose na comprensión dos conceptos e nas estruturas sociais, económicas, xurídicas e políticas, así como no coñecemento dos acontecementos mundiais e o compromiso activo coa sustentabilidade e o logro dunha cidadanía mundial. Inclúe a alfabetización cívica, a adopción consciente dos valores propios dunha cultura democrática fundada no respecto aos dereitos humanos, a reflexión crítica sobre os grandes problemas éticos do noso tempo e o desenvolvemento dun estilo de vida sustentable acorde cos obxectivos de desenvolvemento sustentable expostos na Axenda 2030.
  • Competencia emprendedora (CE): implica desenvolver un enfoque vital dirixido a actuar sobre oportunidades e ideas, utilizando os coñecementos específicos necesarios para xerar resultados de valor para outras persoas. Achega estratexias que permiten adaptar a mirada para detectar necesidades e oportunidades; adestrar o pensamento para analizar e avaliar a contorna, e crear e reformular ideas utilizando a imaxinación, a creatividade, o pensamento estratéxico e a reflexión ética, crítica e construtiva dentro dos procesos creativos e de innovación; e espertar a disposición a aprender, a arriscar e a afrontar a incerteza. Así mesmo, implica tomar decisións baseadas na información e no coñecemento e colaborar de maneira áxil con outras persoas, con motivación, empatía e habilidades de comunicación e de negociación, para levar as ideas expostas á acción mediante a planificación e xestión de proxectos sustentables de valor social, cultural e económico e financeiro.
  • Competencia en conciencia e expresión culturais (CCEC): supón comprender e respectar o modo en que as ideas, as opinións, os sentimentos e as emocións se expresan e se comunican de forma creativa en distintas culturas e por medio dunha ampla gama de manifestacións artísticas e culturais. Implica tamén un compromiso coa comprensión, o desenvolvemento e a expresión das ideas propias e do sentido do lugar que se ocupa ou do papel que se desempeña na sociedade. Así mesmo, require a comprensión da propia identidade en evolución e do patrimonio cultural nun mundo caracterizado pola diversidade, así como a toma de conciencia de que a arte e outras manifestacións culturais poden supoñer unha maneira de mirar o mundo e de darlle forma.