Por que traballar nun proxecto de investigación?

Aprendizaxes

Ocultar

Imaxe de IA creada por Luis Fernández Lopez empregando ChatGPT -4, versión 2.. Proyecto de Ciencias (CC BY-NC-SA)

Pensar, facer e rematar un proxecto de ciencias ten moitas vantaxes. Deixamos aquí algunhas ideas, pero non só para ler. Mellor que durante uns minutos faledes, digades se estades de acordo ou non, e se pensades que pode faltar algo.

A imaxe superior pode axudarvos a pensar, así como diferentes actividades de investigación no medio natural ou na casa.

Nesta proposta verás que aparecen as letras A, B e C. Imos ver de que se trata.

A- Nivel principiante

Son actividades e contidos para introducir a investigación desde 0, presentados dun xeito sinxelo e comprensible que pode empregarse en calquera curso.

B- Nivel competente

Inclúe actividades e contidos adaptados a 1º e 2º de ESO. Pódense traballar Física e Química ou Bioloxía e Xeoloxía, aínda que tamén poden empregarse noutras materias que desenvolvan investigacións.

C- Nivel avanzado

Inclúe actividades e contidos adaptados a 3º e 4º de ESO, válidos para Física e Química ou Bioloxía e Xeoloxía, pero tamén útiles noutras materias interesadas en levar a cabo traballos de investigación.

En todo caso, a clasificación (A, B, C) non é ríxida. Coa axuda do profesor ou da profesora poderás utilizar o máis apropiado para ti, mesmo cambiar de nivel segundo o necesario.

A- Nivel principiante

Ocultar

Imos traballar en grupos co número de participantes que nos indique o/a docente.

Pensade en 3 cousas que credes que ides aprender se traballades nun proxecto de Ciencias. A imaxe pode axudar, pero tamén podedes pensar, por exemplo, en estudar o tipo de abono que fai crecer máis as leitugas, ou a cor do teito que máis quenta un invernadoiro. Calquera investigación que propoñades serve.

  • Primeiro, anotade individualmente as vosas ideas.
  • Compartide esas ideas no grupo e chegade a un acordo sobre as 3 cousas que pensades aprender traballando así.
  • Finalmente, compartide as ideas de todos os grupos coa clase.

Ao rematar podedes revisar a retroalimentación. 

B- Nivel competente

Ocultar

 Cando traballo nun proxecto de investigación:

  • Aprendo a dar a miña opinión tendo en conta datos ou probas que apoien o que digo.
  • Doume conta de que me podo equivocar e reflexiono sobre os meus erros.
  • Aprendo a resolver os problemas que adoitan aparecer en todo proceso, incluídos os de convivencia dentro do grupo.
  • Melloro a miña capacidade para traballar en grupo.
  • Traballo de xeito preciso.
  • Emprego instrumentos e materiais de diferentes tipos (laboratorio, informática, tecnoloxía).
  • Amplío o meu vocabulario.

Que pensades de cada un destes puntos? Podedes responder de xeito individual para, despois, debater as respostas por parellas.

C- Nivel avanzado

Ocultar

Cando traballo nun proxecto de investigación:

  • Aprendo a fundamentar unha explicación sobre un feito ou unha opinión nun debate sobre un problema baseándome nas evidencias (probas).
  • Melloro a capacidade de autocrítica.
  • Aprendo a resolver os problemas que adoitan aparecer en todo proceso, incluídos os de convivencia dentro do grupo.
  • Melloro a miña capacidade para traballar en equipo e de xeito cooperativo.
  • Traballo de xeito preciso e rigoroso.
  • Emprego instrumentos e materiais de diferentes tipos (laboratorio, informática, tecnoloxía).
  • Creo novo coñecemento e avalío os resultados.
  • Emprego unha linguaxe moi específica.

Que pensades de cada un destes puntos? Podedes responder de xeito individual para, despois, debater as respostas por parellas.