Como traballamos en grupo?

Analizamos como traballamos en grupo
Curiosamente, imos analizar o traballo en grupo empezando por traballar de forma individual.
Tarefa:
De xeito individual, describe nunha folla como facedes habitualmente cando vos piden que realicedes un traballo en grupo noutras materias. Pensa, por exemplo, no último ou nos dous últimos traballos en grupo que fixeches. Describe:
- Cal era o tema do traballo.
- Como se organizou o traballo.
- Como vos coordinastes co resto do grupo.
Xuntádevos en grupos de catro ou cinco persoas e comparade as vosas respostas. Subliñade os aspectos que teñen en común.
No grupo-clase, compartide as conclusións co resto dos compañeiros e compañeiras e tamén co docente. Reflexionade xuntos respondendo ás seguintes preguntas:
Como traballamos habitualmente en grupo?
- Pensades que esa é a forma correcta de traballar en equipo?
- Que mellorariades no proceso?
Cando rematedes, podedes ver a retroalimentación.
Algunas ideas de erros e posibles solucións. A ver si temos coincidido.
Traballar en grupo pode ser moi enriquecedor, pero tamén ten problemas. Seguro que os tedes vivido. Estes son algúns dos erros máis comúns que se adoitan cometer na ESO ao realizar traballos en equipo, xunto con algunhassuxestións para melloralos:
1. Falta de organización
- Erro: non definir os pasos do traballo ou quen se encarga de cada tarefa. Isto pode levar a que algunhas partes queden sen facer ou que todos e todas traballen nas mesmas cousas.
- Mellora: oo comezo, dedicade un tempo a planificar o traballo. Establecede obxectivos claros, repartide as tarefas segundo as habilidades de cada membro e marcade prazos para entregar cada parte. Teredes, máis adiante, ferramentas para conseguilo.
2. Unha persoa fai todo o traballo
- Erro: alguén asume toda a carga porque os demais non participan ou non saben como axudar. Isto xera frustración e desigualdade. É unha causa habitual de conflitos.
- Mellora: asegurádevos de que todas as persoas teñan unha tarefa específica e participen no proceso. Establecede encontros regulares para revisar o progreso e que todos sintan a responsabilidade compartida. Máis adiante, teredes ferramentas.
3. Falta de comunicación
- Erro: non falar suficiente entre os membros do grupo e ser pasivos nas relacións do equipo, o que provoca confusión ou duplicación de esforzos.
- Mellora: usade ferramentas de comunicación (como grupos de mensaxería, foro ou reunións periódicas) para aclarar dúbidas, facer seguimento e resolver problemas que xurdan.
4. Problemas co liderado
- Erro: ou ninguén toma a iniciativa, deixando o grupo desorientado, ou unha persoa manda en exceso, limitando a participación dos demais.
- Mellora: propoñede un liderado rotativo ou compartido, onde cada membro asuma responsabilidades nalgún momento. O liderado debe ser motivador, non autoritario.
5. Dividir o traballo pero non coordinalo
- Erro: cada persoa pode ter unha responsabilidade concreta, pero ao xuntalr todo o traballo non encaixa ben ou repítense ideas.
- Mellora: reunídevos cada etapa ou fase para revisar o traballo en conxunto, asegurándovos de que todo teña coherencia e un estilo uniforme.
6. Procrastinación (deixar o traballo para logo) ou atrasos
- Erro: algunhas persoas deixan as súas tarefas para o último momento, afectando o ritmo do grupo.
- Mellora: establecede pequenos prazos intermedios para facer seguimento do traballo, de forma que os atrasos se detecten antes de que sexa demasiado tarde.
7. Conflitos persoais
- Erro: as diferenzas de opinión ou problemas entre compañeiros dificultan o traballo.
- Mellora: aprendede a respectar as ideas dos demais e resolvede os desacordos a través do diálogo, pensando no ben do traballo en grupo. Máis adiante, daremos técnicas para mellorar o diálogo.
Traballar en grupo é unha oportunidade para aprender habilidades importantes, como a colaboración, a comunicación e a organización. Evitar erros e implementar melloras axudará a que os resultados sexan mellores e que todos aprendades máis no proceso. Será unha aprendizaxe fundamental para toda a vida.