Tarefa
Comezamos cunha actividade sinxela, pero que nos axudará a comezar a pensar nas ciencias.
En grupos (poden ser de 4 persoas), facede o seguinte:
- Primeiro, individualmente, pensa nunha investigación que poida realizar un científico ou unha científica que traballe no campo da bioloxía, da xeoloxía, da física e da química. Polo tanto, debes propoñer catro investigacións, unha por ciencia. Non uses buscadores na rede, só pensa. O obxecto de estudo das catro ciencias está nos contidos.
- En parellas, negociade un exemplo de cada tipo a partir das propostas individuais. Cada parella debe quedarse só con catro investigacións, unha por ciencia.
- As catro persoas do grupo, a partir das propostas de cada parella, deben escoller un exemplo de cada ciencia para todo o grupo. Así, cada grupo queda con catro investigacións finais.
- Expoñede na clase as propostas acordadas por cada grupo, discutindo se pode ser ou non unha investigación científica e se considerades que pertence á ciencia asociada.
Rexistrade o traballo no caderno.
Non resultará complicado se, antes de comezar, reflexionades sobre a definición das catro ciencias. Por exemplo:
- Se queremos saber por que se oxida máis un metal nunha área A que nunha área B, estaremos nun estudo de química.
- Se estudamos os diferentes tipos de células dun verme, estaremos traballando no campo da bioloxía.
- Se analizamos como afecta un volcán á calidade do aire, estamos no campo da xeoloxía e tamén da química.
- Se queremos saber como afecta un material ao desprazamento dun móbil, estaremos nun estudo de física.
Como vos foi?