A.B.C. Obxectivos, hipótese e variables

Os obxectivos

Ocultar

obxectivos

A diferenza entre o obxectivo xeral e os obxectivos específicos nun proxecto de investigación atópase no alcance e a concreción do que se busca conseguir:

  • Obxectivo xeral: é a meta principal do proxecto, unha descrición ampla do que se pretende lograr coa investigación. Normalmente, reflicte o propósito global do traballo. Realmente, pode redactarse desde a pregunta de investigación, comezando a frase cun verbo en infinitivo. 
  • Obxectivos específicos: son metas concretas que descompoñen o obxectivo xeral en partes máis pequenas e alcanzables. Axudan a organizar o proxecto en pasos ou tarefas que permiten acadar o obxectivo xeral.

No proxecto hai un obxectivo xeral e varios obxectivos específicos (recomendamos, non máis de catro ou cinco). 

Un exemplo

Pregunta de investigación: cal é o efecto da temperatura na velocidade de reacción entre o bicarbonato de sodio e o ácido acético?

Obxectivo xeral: 

Determinar como a temperatura inflúe na velocidade de reacción química entre o bicarbonato de sodio e o ácido acético.

Obxectivos específicos:

  • Medir o tempo de reacción en condicións de distinta temperatura. 
  • Analizar a variación no volume de gas producido segundo a temperatura. 
  • Interpretar os datos para establecer unha relación entre a temperatura e a velocidade da reacción.

Os obxectivos específicos permiten abordar distintas partes do estudo de maneira estruturada, mentres que o obxectivo xeral reflicte a finalidade global do proxecto de química.

Lembrade escribir no cadro azul. O verde é para que o profesor ou a profesora faga os comentarios de avaliación e mellora das versións, ate chegar a versión final. 

A hipótese

Ocultar

hipotese

Para redactar a hipótese do proxecto, é necesario facer unha predición razoable baseada no que sabedes sobre o tema. A hipótese debe estar claramente relacionada co problema ou pregunta de investigación e ser verificable mediante experimentos ou observacións. Formúlase como unha afirmación que se pretende confirmar ou refutar ao longo do proxecto. Pódese facer referencia a algunha fonte, coma un libro, unha revista, unha WEB ou fontes orais.  Debe redactarse de xeito claro é conciso. 

Extensión aproximada:  cun parágrafo pode ser suficiente. 

Un exemplo

Se un proxecto busca estudar como a altura afecta o tempo de caída dun obxecto, a hipótese podería ser:

"O tempo que tarda un obxecto en caer aumenta proporcionalmente coa altura desde a que se deixa caer, en ausencia de resistencia ao aire, tendo en conta a Lei de caída libre de Galileo." 


Lembrade escribir no cadro azul. O verde é para que o profesor ou a profesora faga os comentarios de avaliación e mellora das versións, ate chegar a versión final. 

Variables de investigación e control experimental

Ocultar

variables

Nos cadros debedes especificar de xeito claro e conciso todas as variables do voso proxecto. Lembrade de ter claros os termos explicados en unidades anteriores. 

Un exemplo

Pensemos nun proxecto de xeoloxía, como pode ser o estudo do efecto do tipo de solo na taxa de infiltración da auga.

  • Variable independente:

O tipo de solo (arxiloso, arenoso, limoso).

  • Variable dependente:

A taxa de infiltración de auga (volume de auga que penetra no solo por unidade de tempo, medido en ml/min).

  • Posibles variables estrañas (que poden afectar aos resultados):

- A compactación do solo.
- A temperatura da auga.
- A cantidade inicial de auga vertida.
- O grao de humidade inicial do solo.

  • Control das variables estrañas:

- Manter o mesmo nivel de compactación en todos os tipos de solo utilizando un método estandarizado.
- Usar auga á mesma temperatura para todos os ensaios.
- Verter o mesmo volume de auga en cada experimento.
- Asegurar que os diferentes solos teñan o mesmo nivel de humidade inicial (medido e axustado previamente).

Este deseño asegura que calquera cambio na taxa de infiltración dependa só do tipo de solo estudado.

Lembrade escribir no cadro azul. O verde é para que o profesor ou a profesora faga os comentarios de avaliación e mellora das versións, ate chegar a versión final.