Distintas ciencias e un xeito de traballar

Se revisas o teu horario, verás o nome de varias ciencias. Imos ver as ciencias da natureza como exemplo delas.
BIOLOXÍA: é a ciencia que estuda a vida: a composición dos seres vivos, a célula, os distintos organismos e a súa interacción, entre outros aspectos.
XEOLOXÍA: é a ciencia que estuda a estrutura, a dinámica e a composición do planeta Terra, entre outros aspectos.
FÍSICA: estuda as leis que explican fenómenos do universo, como o movemento ou a enerxía, e a súa interacción.
QUÍMICA: estuda a composición da materia e as transformacións da natureza das mesmas.
- Un mesmo método de traballo
Todas as ciencias experimentais, como as catro que vimos, seguen un mesmo método de traballo:
- OBSERVACIÓN dalgún aspecto da realidade.
- FORMULACIÓN DUNHA PREGUNTA, a partir do observado.
- HIPÓTESE, unha explicación posible sen probar.
- DESEÑO DUN PROXECTO, que indique que imos facer e como imos investigar.
- EXPERIMENTACIÓN, cando desenvolvemos o proxecto e imos recollendo datos.
- CONCLUSIÓNS, cando en función dos resultados (PROBAS ou EVIDENCIAS), chegamos ás conclusións.
Con un exemplo pode quedar máis claro:
OBSERVACIÓN: cando tomamos unha determinada bebida X non nos concentramos nos estudos.
PREGUNTA: inflúe a bebida X no rendemento cando estudamos?
HIPÓTESE: pode ser porque ten cafeína e pónnos nerviosos.
PROXECTO: deseño un experimento onde, por exemplo, escollo 5 persoas que toman X e outras 5 que non toman X. Rexistro os datos dunha proba de estudo cun exame ao final do tempo.
EXPERIMENTACIÓN: realizo os experimentos do proxecto e tomo datos.
CONCLUSIÓNS: cos resultados podo dicir se no grupo que estudei o seu rendemento estivo ou non afectado por beber X. Os datos que presento son as PROBAS ou EVIDENCIAS.
Non foi tan complicado.