Autoavaliación do proxecto

Agora é o momento de avaliar definitivamente o proxecto, aplicando os criterios que aprendestes e empregando a ferramenta de avaliación asignada (A, B). Este proceso é clave para identificar puntos fortes, aspectos que destacan e áreas que se poden mellorar. De feito, durante a redacción xa o fostes facendo. Con iso, e as melloras propostas polo profesor ou pola profesora, todo estará máis que ben.
Traballade con calma e en equipo, asegurándovos de revisar cada apartado. A avaliación debe ser xusta, argumentada e baseada nos contidos e nas pautas que se explicaron nesta unidade.
Lembrade que esta tarefa é importante para mellorar o voso proxecto e para desenvolver habilidades críticas que vos axudarán na investigación e en futuros traballos. Se hai algunha dúbida sobre os criterios ou o proceso, non dubidedes en comentarllo ao profesor ou profesora.
Para os grupos A e B usaremos unha listaxe de cotexo. Podedes descargala desde a ligazón que aparece ao final desta tarefa, ou na biblioteca de investigación.

Unha listaxe de cotexo é unha ferramenta sinxela que se utiliza para avaliar se cumprides determinados criterios ou pasos nun traballo. Funciona como unha lista de verificación onde ides marcando se cada punto está feito ou non. Por exemplo, nun proxecto de ciencias como este, podería incluír aspectos como: "Incluímos un obxectivo claro?", "Describimos ben as variables?", ou "Explicamos os materiais e métodos?". Serve para asegurarse de que non esquecedes nada importante e para mellorar a calidade do voso traballo. Podedes descargar a lista de cotexo abaixo.
Para rematar, enviádelle ao profesor ou profesora o resultado da vosa autoavaliación.