Grupo de investigación

Unha tarefa clave para o proceso investigador: formar o grupo de investigación
Unha tarefa breve pero decisiva, que marcará o resto do proceso investigador, é conformar o grupo de investigación, que será estable ata que remate o proxecto.
Antes de comezar, revisade novamente os contidos relacionados co traballo en grupo. Esquecede as amizades e seguides os criterios establecidos, tal como ocorre na investigación profesional.
Será o profesor ou a profesora quen determinará o método para formar os grupos. O importante é que os grupos queden definidos desde o principio.
Algúns consellos para que os grupos se asemellen ao traballo profesional:
- Os equipos pequenos son máis eficientes: os grupos de entre 3 e 5 persoas adoitan ser máis operativos e permiten unha mellor organización.
- Diversidade no equipo: incluíde persoas diversas no grupo, preferentemente homes e mulleres. Isto reflicte como funcionan os equipos científicos profesionais, onde a diversidade enriquece o traballo.
- Anotacións claras: rexistrade os nomes e apelidos das persoas do grupo no documento que vaiades utilizar durante toda a investigación (documento compartido na rede, libreta de investigación, etc.).
- Normas de funcionamento: redactade unhas normas sinxelas para o funcionamento do grupo, que deben ser autoavaliadas e revisadas de maneira periódica. Isto axudará a evitar problemas e a mellorar o traballo en equipo.
- Validación do grupo: solicitade ao profesor ou á profesora a aprobación da composición do grupo e das normas acordadas antes de iniciar o traballo.
Formar un bo grupo e organizarse ben desde o principio será clave para o éxito da investigación. Mans á obra!
Para saber se tedes conformado un bo grupo de investigación podedes utilizar os seguintes criterios e indicadores:
- O grupo é diverso: hai homes e mulleres, diferentes habilidades.
- Hai boa comunicación: todas as persoas poden expresar as súas ideas sen medo a ser ignorados/as e hai un método de comunicación establecido durante todo o traballo.
- O traballo está organizado, con metas claras.
- Hai normas claras, aceptadas por todas e todos.
- Hai un clima de cooperación e colaboración.
- Hai unha boa coordinación do grupo co ou coa docente.
- Todos os membros do grupo senten que están aprendendo.