C. Contidos

A metodoloxía científica marca o traballo da ciencia

Ocultar

Imos agora lembrar e ampliar as aprendizaxes de 1º e 2º da ESO sobre a natureza da ciencia, ese saber humano que máis adiante iredes practicar. 

Belén García Paredes. Atomium. Bruxelas. (CC0)

  • Que é a ciencia?

Non hai acordo definitivo, e leva séculos sendo motivo de discusión na filosofía, na propia ciencia ou nas relixións. Imos tentar concretar.

De acordo coa Real Academia Galega, a ciencia é:

"o conxunto dos sistemas de coñecemento con obxecto e métodos de estudo determinados e baseados en leis obxectivas que se poden verificar".

Como podes ver nas palabras destacadas, a diferenza doutros saberes humanos que tamén son importantes para todos nós, nas ciencias o que se afirma ten que poder ser demostrado mediante evidencias. É fundamental diferenciar un feito científicamente comprobado dunha opinión, mesmo se esta provén dunha científica ou dun científico recoñecido. O importante son as evidencias.

Nunha actividade anterior vimos que a opinión do investigador que chegou ao estanque contaminado só era iso: unha opinión, xa que non tiña ningún dato para apoiar o que afirmou. Dicir que a contaminación era causada por un vertido dun veciño non foi un feito comprobado.

Ides facer ciencia. Polo tanto, desde este momento, debe quedar claro que as conclusións dos vosos traballos deben estar apoiadas nos resultados dunha investigación deseñada por vós.

  • As ciencias da natureza

Ao longo dos dous primeiros cursos da ESO, tedes estudado materias que levan o nome das catro ciencias naturais. Imos lembrar. 

Física

Ciencia que estuda as propiedades xerais da materia e establece as leis que explican os fenómenos materiais.

Química

Ciencia que estuda a constitución, transformación e combinación de substancias.

Bioloxía

Ciencia que ten por obxecto o estudo dos seres vivos.

Xeoloxía

Ciencia que estuda os materiais e a evolución do planeta Terra. 

Cada unha destas ciencias ten campos específicos de traballo. Por exemplo, a cinemática é a parte da Física que describe o movemento dos obxectos (como o movemento dun coche), ou a micoloxía é a parte da Bioloxía que estuda os fungos (identificando, por exemplo,  cales son tóxicos e cales son comestibles).

As especialidades son innumerables. Non estaría mal que completedes o " dicionario de investigación",  anotando as especialidades que vaiades coñecendo.

As fases do método científico

Ocultar

  • Un mesmo método de traballo con adaptacións

Todas as ciencias experimentais, como as catro que vimos, seguen un método de traballo similar, que se adapta ao obxecto do traballo específico (non é o mesmo estudar formigas que estrelas):

  1. OBSERVACIÓN dalgún aspecto da realidade.
  2. FORMULACIÓN DUNHA PREGUNTA, a partir do observado.
  3. HIPÓTESE, unha explicación posible sen probar. Debemos facer unha procura de información relacionada co que imos investigar (libros, revistas, Internet, fontes orais). 
  4. DESEÑO DUN PROXECTO, que indique que imos facer e como imos investigar.
  5. EXPERIMENTACIÓN, cando desenvolvemos o proxecto e imos recollendo datos. 
  6. CONCLUSIÓNS, cando en función dos resultados (PROBAS ou EVIDENCIAS), chegamos ás conclusións, que confirman ou non, a hipótese.
  7. COMUNICACIÓN Á SOCIEDADE, comunicamos os resultados mediante artigos, memoria de investigación, presentación en congresos, divulgación, etc. 
     

Con un exemplo pode quedar máis claro:

OBSERVACIÓN: cando tomamos unha determinada bebida X non nos concentramos nos estudos.

PREGUNTA: inflúe a bebida X no rendemento cando estudamos?

HIPÓTESE: pode ser porque ten cafeína e ponnos nerviosos.

PROXECTO: deseño un experimento onde, por exemplo, escollo 5 persoas que toman X e outras 5 que non toman X. Rexistro os datos dunha proba de estudo cun exame ao final do tempo.

EXPERIMENTACIÓN: realizo os experimentos do proxecto e tomo datos.

CONCLUSIÓNS: cos resultados podo dicir se no grupo que estudei o seu rendemento estivo ou non afectado por beber X. Os datos que presento son as PROBAS ou EVIDENCIAS.

COMUNICACIÓN: escribo unha memoría de investigación e presentoa na miña aula. 

Pensamento científico

Ocultar

  • Pensamento científico

O traballo experimental nas ciencias está guiado polo pensamento científico. Esa forma de pensar é útil, mesmo se no futuro non traballas investigando. Serve para andar pola vida sen que te manipulen, grazas ao pensamento crítico. Afondemos un  pouco máis. 

E se queredes, imos visualizar un breve vídeo (13 minutos) do profesor colombiano Juan Diego Mejía. É interesante e verás que ese pensamento crítico non só axuda a camiñar polo mundo, senón que tamén será útil para o próximo proxecto que vades realizar.

 

E polo de agora, chega de teoría. 

  

Relaciona

Ocultar

Relaciona cada tarxeta coa súa parella.

Número de cartas: 6

Acertos: 0

Erros: 0

Puntuación: 0

Química
Xeoloxía
Bioloxía
Física
Hipótese
Unha proba
Estuda a disolución dunha sal e o efecto da temperatura
Unha explicación sen probar
Estuda os minerais que hai en Asturias
Estuda o efecto da superficie sobre a que se despraza un coche na velocidade
Estuda a presenza de lobos en Europa
Evidencia
O navegador non é compatible con esta ferramenta.