A.B.C. Dicionario de investigación

Novos termos, novos conceptos

Ocultar

Ao longo desta aventura, que rematará coa comunicación á sociedade dos resultados dun proxecto de investigación real, aprenderemos termos novos, variados e interesantes. Esta actividade abrangue todas as unidades, xa que consiste na elaboración dun glosario ou dicionario no que irás incorporando os conceptos novos que vaian xurdindo. Distintas actividades convidarante a ir ampliándoo. O dicionario poderá formar parte do teu caderno da materia, xa sexa en formato físico ou virtual.

Dicionario de investigación
Luis Fernández López. Dicionario de investigación (CC BY-SA)


Ter un dicionario propio, onde anotes os novos termos que aprendes, é unha ferramenta fundamental para o teu estudo. Rexistrar palabras e as súas definicións axúdache a comprender mellor os conceptos e a fixalos na túa memoria. Ademais, crear o teu propio dicionario persoal permíteche organizar o coñecemento ao teu xeito, adaptándoo ás túas necesidades, o que che facilitará revisar a información cando a necesites no futuro. É un hábito que mellora o teu vocabulario e potencia a túa aprendizaxe de forma activa.

Como incluír novas palabras:

  1. Busca a definición da palabra en fontes fiables e procura entendela. Contas coa axuda dos teus compañeiros e compañeiras, así como da túa profesora ou do teu profesor.
  2. Escribe a definición do termo coas túas propias palabras, do xeito máis preciso posible.
  3. Sempre que sexa posible, engade un exemplo para ilustrar o uso do termo.


Abaixo tes un arquivo dispoñible en varios formatos que pode servirche como formulario. En todo caso, o mellor formato será o que ti mesmo elabores.