As ciencias teñen un xeito de traballar

O traballo dos científicos e das científicas é moi variado. Poden estudar algas do fondo do mar, rochas dun volcán, procurar novos medicamentos, buscar novos materiais, explorar unha galaxia ou mellorar a fabricación de produtos químicos. En todo caso, todos e todas seguen pasos semellantes, que describimos a continuación:
- A partir dun problema ou interese, inician unha investigación. Por exemplo, se a cantidade de peixes dunha ría diminúe moito nun mes, xorde unha pregunta: cal é o motivo?
- Ás veces hai unha idea inicial, pero sen proba algunha, que chamamos HIPÓTESE. Por exemplo, o equipo de investigación pode pensar que o motivo da mortalidade dos peixes é un vertido dunha industria.
- Deseñan un proxecto de investigación, especificando que van facer para demostrar que os vertidos son a causa da morte dos peixes.
- Realizan a investigación (EXPERIMENTACIÓN): toman mostras de auga, analizan os peixes e van recollendo todos os datos.
- Cos datos, poden demostrar ou non que os vertidos son a causa da morte dos peixes (CONCLUSIÓNS EN FUNCIÓN DAS PROBAS). As probas que demostran que os vertidos son a causa da mortalidade dos peixes son as EVIDENCIAS que confirman a HIPÓTESE.
Non é tan complicado. Podedes pensar noutra posible investigación e recoñecer as fases que acabamos de explicar.
Distintos tipos de ciencias
Aplicando esta forma de traballar, temos moitos tipos de ciencias. Imos ver catro exemplos que estudades no instituto ou colexio e que pertencen ás Ciencias da Natureza. Presentamos unha definición sinxela e resumida:
- BIOLOXÍA: ciencia que estuda a vida (os seres vivos).
- XEOLOXÍA: ciencia que estuda a estrutura e composición do planeta Terra.
- QUÍMICA: ciencia que estuda a composición da materia e as transformacións desa composición (reaccións químicas).
- FÍSICA: ciencia que estuda as leis que explican os fenómenos do universo, incluída a Terra, como o movemento ou a enerxía, así como a interacción entre estes factores.