C. Redacción de textos científicos

Indicacións para redactar memorias científicas
Aquí tedes unha guía para escribir a memorias do voso traballo dun xeito claro, formal e ben estruturado. Seguir estas normas pode axudaravos a mellorar o voso traballo e a comunicar os resultados correctamente. A forma de escribir nas ciencias é diferente de, por exemplo, escribir unha novela ou un texto xornalístico.
- Empregade unha linguaxe formal e obxectiva.: Evitade expresións emocionais ou informais. Por exemplo, en lugar de "Os resultados foron moi guais!", escribide "Os resultados mostraron datos relevantes".
- Usade os tempos verbais axeitados. Para describir feitos universais ou conclusións, escribide en presente: "A temperatura regula a fotosíntese." Para describir os pasos do experimento, empregade o pasado: "Medimos o tempo en que a sal tardou en disolverse."
- Facede frases curtas e precisas. Unha frase debe conter unha única idea. Por exemplo: "O experimento durou un mes. Observamos cambios significativos na cor das follas." Usade frases simples ou compostas coordinadas.
- Escribide en terceira persoa e de forma impersonal: En textos científicos é habitual evitar a primeira persoa. Por exemplo, en lugar de "Puxemos a planta ao sol", escribide "A planta foi colocada ao sol."
- Organizade o texto con palabras para enlazar as ideas (conectores). Usade palabras como "primeiro", "despois", "ademais" ou "finalmente" para dar unha orde lóxica á información.
- Non repitades ideas. Procurade que cada frase achegue algo novo. Se explicades un concepto, usade palabras diferentes para evitar redundancias, pero sempre mantendo a claridade.
- Revisade o texto antes de entregalo. Comprobade a ortografía, a gramática e que as frases teñan sentido. Podedes pedir a alguén que lea a memoria para asegurarse de que se entende ben.
- Incluíde exemplos só cando sexan precisos. Se explicades algo complexo, podedes engadir un exemplo para facelo máis claro. Por exemplo: "O crecemento foi maior na planta exposta a máis horas de luz."
- Usade vocabulario científico adaptado. Incluíde termos técnicos cando sexa necesario, pero explicádeos se poden resultar complicados. Aclarar conceptos axuda a que o lector comprenda mellor.
Escribir en ciencias significa ser claro, preciso e organizado. Practicar estas normas fará que as vosa memoria de investigación sexa máis completa e profesional.