Saltar navegación

Guía de lectura

Interpretando a fe na mitoloxía

A Teogonía de Hesíodo

A Teogonía de Hesíodo é unha obra que nos achega á comprensión da cosmovisión e a relixiosidade dos gregos antigos. As historias que Hesíodo relata, cheas de deuses e titáns, nacementos divinos e loitas polo poder, sobrepasan a simple narrativa para converterse nun reflexo das crenzas e valores da sociedade da época.

A complexa xenealoxía dos deuses, que Hesíodo expón, é máis ca unha lista de nomes e eventos; é un mapa que mostra como o mundo pasou do caos á orde. Esta transición era esencial para os gregos, pois lle daba sentido ao seu mundo e á súa propia existencia. Cando falamos de se os gregos crían ou non literalmente en cada detalle destas historias, debemos entender que a súa fe tiña moitas capas.

A crenza nos deuses e as súas accións era indubidablemente real, pero o seu entendemento non era literal no sentido moderno. Os mitos eran símbolos, ensinos que explicaban os misterios da natureza, da humanidade e da moralidade. Non era tanto a cuestión de se Zeus naceu literalmente do ventre de Rea, senón o que Zeus representaba para os gregos: o orde sobre o caos, a xustiza sobre a tiranía.

A Teogonía, entón, non só era un texto relixioso ou literario, senón unha ferramenta educativa. Através dela, os mozos gregos aprendían sobre as virtudes e defectos, o ben e o mal, e as consecuencias dos actos, todo iso encarnado nas figuras dos deuses e titáns. Así, cando Hesíodo fala de deuses que castigan e premian, está falando da lei e da orde na sociedade grega.

Reflexión sobre a crenza dos gregos nos seus deuses

O diálogo de Platón no Libro II de "A República" achéganos a unha cuestión sumamente interesante: ata que punto os gregos crían realmente nas múltiples e complexas historias dos seus deuses? A través de Sócrates, Platón argumenta que as representacións dos deuses deben ser cuidadosamente seleccionadas e presentadas á xuventude, de forma que se promovan valores positivos e se evite a transmisión de mensaxes inmorais ou desvirtuados.

Esta preocupación de Platón sinala un aspecto fundamental da relixión grega: a ética. Aínda que os mitos clásicos estaban cheos de relatos de enganos, traizóns e disputas divinas, Platón insiste en que estes non deben servir como exemplos para os cidadáns, especialmente para os gardiáns da cidade. A súa visión suxire que, aínda que a mitoloxía era unha parte esencial da cultura grega, había un recoñecemento implícito de que algúns aspectos destes relatos non eran necesariamente dignos de ser emulados.

Isto pode indicar que a crenza nos deuses era máis unha cuestión de práctica relixiosa e recoñecemento do seu papel na orde do universo, máis que unha aceptación literal de cada historia mitolóxica. Platón, e posiblemente moitos dos seus contemporáneos, entendían que os mitos tiñan tanto unha función educativa como unha función espiritual, e que a verdade moral era máis importante que a literalidade dos relatos.

A crenza nos deuses non excluía, por tanto, un pensamento reflexivo sobre o que representaban e como deberían influír na conduta humana. A crenza, non era incondicional, senón suxeita a unha especie de filtrado ético, o que demostra unha relación sofisticada entre os gregos e a súa relixión.

Investigación previa

 Os estudantes buscarán información sobre a creación do mundo segundo a mitoloxía grega, así como as diferentes xerarquías de deuses e entidades primordiais. Discutirase o papel da mitoloxía na explicación do mundo natural e o comportamento humano.

Vocabulario clave

Define os seguintes termos:

Cosmogonía:

Mito:

Tártaro:

Titáns:

Olimpo:

Virtude:

Ética:

Moralidade:

Creación dun mapa conceptual

Creación de mapas conceptuais para organizar as diferentes xerarquías e relacións entre os deuses, os titáns e outras entidades mitolóxicas.

Análise de personaxes mitolóxicos

Identificar e discutir as características e accións dos personaxes principais como Gaia, Urano, Crono, e Zeus, así como o significado simbólico das súas accións e relacións.

Debate: moral divina

Duración:
20
Agrupamento:
O grupo completo

Debate sobre a moralidade das accións dos deuses e titáns, preguntándose se se poden considerar modelos de virtude ou non.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)