UDI_3_SOCIAL_teoria
A IDADE MEDIA

Ao irse debilitando o Imperio Romano, penetraron violentamente, saqueando a capital, Roma, no ano 476, e facendo desaparecer todo rastro de poder e de autoridade romanos. Agora comeza a chamada Idade Media.
Parte oriental do Imperio Romano, o chamado Imperio Bizantino, rexeitou as invasións xermánicas. O emperador Xustiniano (482-565) levou a cabo unha expansión xeográfica, conquistando amplos territorios no entorno do Mediterráneo, recompilou as leis romanas (Código de Xustiniano) e acadouse un alto nivel de desenvolvemento económico, grazas a un comercio de mercadorías de alto valor. En 1054 a liturxia e as normas cristiás empezaron a se diferenciar das de Occidente, producíndose unha separación (Cisma de Oriente) entre a Igrexa cristiá de Roma (católica) e a cristiá de Bizancio (ortodoxa) que perdura ata hoxe. Este imperio desapareceu en 1453, cando foi invadido polos turcos.
Europa occidental. Na que fora parte occidental do Imperio Romano, os pobos xermánicos estableceron varios reinos independentes. Estes reinos tomaron elementos da cultura romana, como a lingua e as leis. Co tempo constituíron a Europa Occidental, cristiá católica. A economía destes reinos empobreceuse enormemente, quedando reducida á agricultura e a gandaría; desapareceron as cidades e toda a actividade comercial; é dicir, a vida de Europa occidental ruralizouse. A cultura empobreceuse, e os coñecementos eran exclusivos dos eclesiásticos, o que lle deu gran poder á Igrexa. Tamén desapareceu a autoridade do Estado. Estas circunstancias supuxeron unha enorme regresión en todos os eidos da vida humana.
Mundo islámico. A relixión islámica, tamén monoteísta como o xudaísmo e o cristianismo, naceu da man de Mahoma, en Arabia, no século VII. Desde alí estendeuse rapidamente, dando orixe a unha civilización moi diferente ás anteriores.
Desde agora, os cristiáns de Europa Occidental (católicos), os cristiáns de Bizancio (ortodoxos) e os musulmáns van ocupar o espazo xeográfico do antigo Imperio Romano, creando nel distintas áreas culturais durante varios séculos.
Coa caída do Imperio Romano péchase a Idade Antiga, a das grandes civilizacións fluviais e marítimas, a que formou grandes imperios, a que volveu a cabeza a Oriente, onde xurdiu a súa propia vida. Agora, entramos na Idade Media, a da civilización europea, a das pequenas nacionalidades, a que viaxa cara a Occidente, a Idade un pouco misteriosa e escura na que se funden os compoñentes que formarán as nacións modernas.
Ferrandis Torres, M,. Historia General de la Cultura (Trad.)
Un dos moitos pobos xermánicos, os visigodos, entrou no ano 415. Antes xa o fixeran os suevos, instalados en Galicia, os vándalos e os alanos. Entre todos remataron co poder romanona Península.
Pouco a pouco, os visigodos someteron aos demais pobos; unificaron o territorio da Península baixo o seu poder; estableceron unha monarquía con capital en Toledo; unificaron as leis deles máis as dos hispanorromanos (Libro dos Xuíces ou Foro Xulgo) e convertéronse ao catolicismo. O rei contaba co apoio dos Concilios de Toledo, que eran asembleas de bispos, iniciándose así a intervención da Igrexa nos asuntos políticos de Occidente.
No ano 711 penetraron os musulmáns na península e puxeron fin ao reino visigodo.
O creador da grandeza visigoda foi o rei Leovixildo (568-586), pacificando grandes zonas. Mandou executar o seu fillo Hermenexildo por converterse ao catolicismo. Leovixildo deuse conta do impopular deste feito e recomendou a Recaredo que se convertera ao catolicismo para salvar a monarquía.
A economía. Tamén aquí a vida se ruralizou; só se producían produtos agrícolas e gandeiros para as necesidades da aldea: é o que se lle chama unha economía de autoabastecemento ou subsistencia, sen sobrantes. Polo tanto, o comercio era practicamente inexistente.
A sociedade. Os visigodos, aínda que eran unha minoría, controlaban o poder, é dicir, o Estado e o exército; os hispanorromanos eran os dominados, moitos deles en calidade de servos que traballaban as terras.
A cultura. En arquitectura construíron igrexas pequenas co característico arco de ferradura: Santa Comba de Bande (Ourense), San Juan de Baños (Palencia). Traballaron con moito primor a xoiería, fabricando pezas para ofrecer como votos relixiosos.
1.2. Os suevos
Os suevos foron un dos pobos xermánicos ou bárbaros que entraron na península Ibérica. Instaláronse pacificamente en Galicia, mesturáronse coa poboación autóctona e estableceron un reino independente durante 170 anos, con capital en Braga (Portugal). Neste período levouse a cabo a definitiva cristianización de Galicia. O rei visigodo Leovixildo púxolle fin en 585.
Que ocorreu no resto de Europa Occidental logo das invasións xermánicas? Pois que os francos, outro pobo xermánico, ocuparon un territorio equivalente ao que hoxe é Francia, Países Baixos, Bélxica, Alemaña, Suíza e parte de Italia. No ano 800, Carlomagno, rei dos francos xa cristianizado, foi coroado emperador, e pretendeu en balde restablecer o antigo Imperio Romano de Occidente. Cristianizou todos os territorios por el dominados e constituíuse no defensor da relixión fronte aos musulmáns. Para poder controlar un territorio tan extenso, dividiuno en provincias, chamadas condados e marquesados, á fronte das cales puxo condes e marqueses, que dependían da súa autoridade. O imperio foi finalmente dividido entre os seus netos.

|
711 |
Desembarco de tropas musulmás na Península Ibérica. Fin do Reino Visigodo de Toledo. |
|
756-929 |
Emirato Independente, con capital en Córdoba. |
|
Séculos VIII-IX |
Formación dos reinos de Asturias (despois Reino de León), Aragón e Navarra. Os Condados Catalanes se separan do Imperio Carolinxio. |
|
929-1031 |
Califato de Córdoba. |
|
1010-1031 |
Formación e desenvolvemento dos Reinos de Taifas e desintegración do Califato de Córdoba. |
|
1086-1147 |
Imperio almorávide. |
|
Século XII |
Unión do Reino de Aragón e dos Condados Catalanes: nace a Corona de Aragón. |
|
1147-1236 |
Imperio almohade. |
|
1230 |
Unión definitiva dos Reinos de León e Castela. Comeza a Corona de Castela. |
|
1232-1492 |
Reino Nazarí de Granada. |
No século VII, en Arabia, Mahoma (580-632) predicou e estableceu os fundamentos dunha nova relixión monoteísta, baseada nestes preceptos:
- Crenza nun só Deus, Alá, e nunha vida despois da morte.
- Os fieis han de someterse á vontade de Alá (islam quere dicir sometemento).
- Alá dáse a coñecer a través do seu profeta Mahoma.
- O Islam non é só unha relixión, senón que é unha lei que regula o comportamento do musulmán en todas as circunstancias da súa vida relixiosa, política, social, económica, doméstica e individual: os dirixentes políticos son tamén xefes relixiosos; toda a propiedade pertence a Deus; as decisións xudiciais teñen que seguir o que prescribe o Corán; as cerimonias do nacemento, do matrimonio, da morte, a condición da muller seguen tamén o que indica o Corán.
Na actualidade en moitos países islámicos están implantando nas leis civís estes preceptos relixiosos: son os chamados países islámicos integristas ou fundamentalistas, que se opoñen aos cambios que lles trae a sociedade occidental e defenden o modelo social tradicional. Pedíronlle a Alí detalles sobre a aparencia exterior do Profeta. Alí dixo:
"Era de estatura mediana, nin moi alto nin moi baixo; a súa pel era branca rosada; os seus ollos, negros; os seus cabelos, espesos, brillantes, fermosos. A súa maneira de camiñar era tan enérxica que se diría que a cada paso arrincaba unha pedra. Pero non camiñaba con fachenda como os príncipes. Había na súa face tanta dozura que era imposible separarse del".
2.1. A expansión do Islam
Desde A Meca (Arabia), onde Mahoma comezou a súa predicación, os sucesores do profeta espallaron esta relixión polos territorios veciños, chegando á súa máxima expansión no século VIII. Os actuais países islámicos coinciden en parte co territorio islámico daquela época.
Actualmente, os musulmáns, contan o tempo a partir do ano 622 d. C., ano no que Mahoma tivo que fuxir á cidade árabe de Medina. A esta fuxida chámanlle a Héxira. Para saber cal é o ano no que se atopan os musulmáns, ao ano da nosa era hai que restarlle 622, e o que resulte divídese entre 0,97.
Este foi o nome que lle deron os musulmáns ao territorio que conquistaron na península Ibérica e sobre o que estableceron un Estado. No 711, os musulmáns entraron aquí a través do estreito de Xibraltar procedentes do norte de África xa islamizado, ocupárona case toda en pouco menos de dez anos, agás unha estreita franxa no norte da Península, e, en consecuencia, remataron co reino visigodo. A poboación non presentou resistencia. A nobreza terratenente pactou con eles para conservar as súas terras e o seu poder.
Desde a invasión ata 1492 os musulmáns foron perdendo territorio paulatinamente. Este territorio foi recuperado polos cristiáns durante case 800 anos, repartidos en épocas de paz e convivencia entre as dúas culturas. Este proceso de recuperación do territorio coñécese como Reconquista. A súa presenza aquí durante tantos séculos deixou unha forte pegada na nosa cultura. Cómpre ter en conta que os musulmáns de Al-Andalus eran habitantes da península Ibérica igual cós cristiáns: viñeron sen mulleres, desde un principio se mesturaron coa poboación visigoda e permaneceron aquí ao longo de 32 xeracións; o único que diferenciaba a uns cidadáns dos outros era a relixión: uns eran cristiáns e outros musulmáns. Durante a Idade Media unha maioría da poboación peninsular practicou a relixión musulmá. Por iso, é absurdo que consideremos os mouros como algo alleo a nós. Como é ben sabido, Afonso II de Aragón e Henrique IV de Castela vestían á usanza musulmá. Pedro I de Aragón firmaba os documentos exclusivamente en árabe. E Sancho o Forte de Navarra ía ata Marrocos en expedición guerreira só porque unha princesa musulmá, que se namorara del de oídas e non de vistas, pedíralle axuda.
Ubieto, A., Reglá, J., Jover, J.M. e Seco, C. Introducción a la Historia de España (Trad.)
As súas características eran:
- Urbana. As cidades eran os principais centros de comercio e de consumo.
- Comercial. O comercio era a base da actividade económica.
- Monetaria. Os intercambios realizábanse con moedas.
Baseábase na agricultura: trigo, vide, oliveiras, froitas, arroz, laranxas; introduciron o algodón, o arroz, as laranxas e a cana de azucre, e puxeron en práctica modernas técnicas de regadío. A gandaría, a pesca e as actividades artesanais realizadas nas cidades (xoiería, curtidos, tecidos) formaban tamén parte da actividade económica.
Pero a actividade económica que tiña máis peso era o comercio a longa distancia: metais e armas de Europa; especias e seda de Asia; e ouro, marfil e escravos de África.
2.4. Sociedade
Por unha banda, a clase alta posuía o poder político, militar, económico, relixioso e militar, e estaba constituída polos árabes, é dicir, polos que procedían de Arabia.
Logo estaban os non árabes, que formaban un grupo moi variado:
- Muladís. Cristiáns que se converteron ao islam. Constituían a meirande parte da poboación. Dedicábanse á agricultura.
- Mozárabes. Cristiáns que podían seguir practicando a súa relixión a cambio de tributos.
- Xudeus. Practicaban o xudaísmo. Eran comerciantes e prestamistas.
- Bérberes. Musulmáns procedentes do Norte de África. Eran pastores.
- Escravos. Considerados sempre e en todos os lugares como mercadoría humana, eran empregados nos traballos máis duros: minas, agricultura e servizo doméstico.
2.5. Organización do poder
- No cumio, o califa ou o emir, segundo a época, eran á vez o xefe político, militar, relixioso e xudicial. Gobernaban cun poder absoluto.
- Para axudarlles nas tarefas do goberno, contaban cun corpo de funcionarios residentes no seu pazo, e que formaban a administración do Estado.
- Todo este aparato do Estado precisaba de fortes cantidades de diñeiro, que se destinaba á fortuna persoal do califa ou do emir e para o mantemento da administración do Estado (funcionarios e exército). O diñeiro obtíñase do cobro de fortes impostos, que recaían sobre os cristiáns e xudeus, e sobre os intercambios comerciais.
- O exército. Estaba ben pagado, sostiña o poder do xefe do Estado e controlaba as fronteiras.
2.6. Tecnoloxía, cultura e arte
Como comerciaban entre pobos de culturas moi diferentes, coñeceron todos os adiantos da época: modernas técnicas de regadío aínda usadas hoxe, muíños de vento, pólvora, papel.
A súa cultura acadou un elevado nivel e tivo a consideración de ser a máis desenvolvida de todo o mundo na Idade Media.
A maior diferenza que existe entre os cristiáns e nós non é a relixión, senón a forma de entender e vivir a vida. (... ) Os cristiáns son aínda máis esgrevios e rudos do que eu cría. (... ) O seu sentido da intimidade, ao redor da que se pechan como ourizos de mar, tamén é rudo.
Gala, Antonio, El manuscrito carmesí (Trad.)
Como no resto de Europa a decadencia cultural fora enorme á caída do Imperio romano, grazas a eles, todos os elementos fundamentais da cultura grega que hoxe coñecemos, a ciencia e o pensamento filosófico, chegaron ata nós, que os recolleron e nolos transmitiron.
Ademais, proporcionaron un trazo humano de alto valor ético en todos os tempos: a tolerancia, fronte á intransixencia relixiosa dos reinos cristiáns.
O seu desenvolvemento científico foi extraordinario en todos os campos do saber: matemáticas, medicina, cirurxía, astronomía e botánica. Substituíron os números romanos polos números actuais.
Crearon moitas bibliotecas, como a de Córdoba, que chegou a ter medio millón de libros. Na arquitectura, as obras que realizaron estaban destinadas ao poder e á relixión: pazos e mesquitas. Nas construcións dánlle máis importancia ao interior que ao exterior. A decoración non ten figuras humanas ou de animais, ao estaren prohibidas pola relixión, polo que a pintura e escultura son practicamente inexistentes.
Córdoba contaba entón cunha poboación máis do dobre que a de hoxe, cidade de importancia excepcional na Idade Media, cando París e Londres non pasan de seren grandes poboados. (...) A cidade parece iluminada con lanternas; oito séculos máis tarde, aínda os londinenses tropezarían a escuras polas rúas de Londres. A poboación, en xeral, vivía feliz. Unha cidade con 300 baños públicos, amósanos o seu enorme poder. Case ninguén viaxa a pé: aínda o cidadán máis modesto tiña un cabalo para trasladarse dun lugar a outro. Aquí vivían traballando xuntos homes de toda raza e relixión (...) Este mesmo nivel tiñan a industria, a artesanía e a economía do país. Había uns 15.000 tecedores de la. (...) Adquiriu tal prestixio o curtido e repuxado das peles e coiros que a súa produción recibiu para sempre o nome de cordobán. (...) Un cordobés inventou o cristal.
Gimberg, C., Historia Universal (Trad.)
Chámaselle así ao sistema económico, social, político e ideolóxico que se deu en practicamente toda Europa entre os séculos IX e XV, aínda que restos del permaneceron nalgúns lugares ata finais do século XIX.
Xa vimos que o poder do Estado desapareceu cando o fixo o Imperio Romano. Este poder foi substituído polo poder duns poucos señores, que dominaban dun xeito absoluto, e en todos os aspectos da vida, ao resto da poboación.
Os dominadores eran os nobres, señores ou aristócratas (condes, marqueses, duques, ...) e unha parte do clero da Igrexa (bispos e abades). Os dominados eran o resto da poboación, maioritariamente formada por campesiños, que pasaron a depender do señor a cambio de protección.
Como se chegou a esta situación? Os sucesores de Carlomagno non foron quen de manter o control do poder no seu Imperio. Nesta situación, os señores que os sucesores de Carlomagno puxeran á fronte das distintas provincias fixéronse donos das mesmas, e nelas pasaron a exercer todo o poder e toda a autoridade. Este poder transmitíronllo aos seus fillos en herdanza.
Por outra banda, os campesiños, que constituían o 90% da poboación, para buscar protección nun tempo de temor e inseguridade física e social, motivada polas invasións de normandos, musulmáns e húngaros, sometéronse a estes señores e entregaron as poucas terras que posuían e a súa liberdade a cambio de protección física e de traballo, converténdose en servos dos señores feudais.
Con esta crise o poder dos reis estaba moi debilitado: éralles moi difícil recadar impostos e manter un exército que protexese á poboación. E así se chegou á desaparición do Estado e á súa substitución por milleiros de "pequenos estados" controlados absolutamente cada un deles por un señor. A cada un destes "pequenos estados" chamóuselle señorío, que eran grandes extensións de terreo ou latifundios, propiedade do señor feudal, que vivía protexido no seu castelo.
Á parte dos señores feudais, os altos cargos da Igrexa, bispos e abades, posuíron tamén latifundios ou señoríos.
3.1. Funcionamento do sistema feudal
O elemento característico é o feudo, é dicir, a concesión de bens a cambio de servizos. Na base deste sistema está un contrato mediante o cal un home (o rei, ou un nobre con moitas posesións) concede a outro (un nobre) a posesión de determinados bens (beneficio), case sempre terras, para que as administre e viva delas. A cambio do beneficio, o beneficiado ten que renderlle homenaxe ou vasalaxe, o que o compromete a prestarlle determinados servizos: combater a cabalo para el, pagarlle tributos por diversos motivos, darlle consello, contribuír ao seu rescate se caese prisioneiro, dotar as súas fillas cando casen, etc. Este contrato realízase cunha cerimonia solemne chamada investidura.
Outra peza esencial do sistema é a inmunidade, que consiste en que o beneficiado queda exento de moitas obrigacións e está liberado dos controis propios dunha xerarquía de poder: redúcenselle ou anúlanselle moitos impostos; ten dereito de xurisdición: dita leis, exerce o poder xudicial, impón tributos ás persoas que viven nas súas terras, cobra pola utilización de servizos como o paso polas pontes, utilización de muíños, uso dos fornos, paso por camiños, pola herba...; e, o máis importante, pode transmitir en herdanza o beneficio.
É dicir, o beneficiado asume toda a autoridade e todo o poder no seu territorio, como se fose un "pequeno rei" independente: ten o monopolio da economía e do poder.
Á súa vez, moitos nobres repartían entre outros nobres de menor categoría unha parte das súas terras en calidade de beneficio, creando así unha rede de dependencias.
Foi a este conxunto de nobres a quen os campesiños asustados e inseguros entregaron as súas facendas buscando protección, pagando por ela o prezo da súa liberdade. Así vemos que o señor feudal recibe riquezas tanto de arriba (rei, nobre rico) como de abaixo (campesiños), creando unha sociedade cada vez máis diferenciada: señores e campesiños (servos e libres).
Unha vez instalado este sistema, a primeira consecuencia do monopolio do poder por parte dos nobres é que a lei non é igual para todos, e, de feito, ningunha lei protexe a quen non está ligado por un contrato feudal.
3.2. A economía feudal
Era unha economía totalmente baseada na agricultura e na gandaría.
As terras son traballadas polos servos do señor feudal e por algúns campesiños libres. Estes últimos tiñan que pagar unhas rendas moi elevadas ao señor, e a décima parte da colleita (o décimo) á Igrexa.
Era unha economía de autoabastecemento: vivíase só do que se producía no lugar. O comercio era case inexistente.
3.3. A sociedade feudal
Formábana grupos sociais extremadamente pechados, chamados estamentos. A cada estamento accedíase por nacemento ou ingresando no clero como frade ou sacerdote.
A diferenza entre uns estamentos e outros radicaba na distinta riqueza, nos distintos dereitos e nas distintas obrigacións que tiña cada persoa. O ascenso de estamento era practicamente imposible, agás no eclesiástico, que era aberto: todo home libre podía acceder a el.
- Estamento dos privilexiados. Estaban os nobres ou señores feudais, e o alto clero, coa función de rezar. Os nobres eran os propietarios dos feudos ou señoríos. Non traballaban. Só se dedicaban á guerra: eran cabaleiros guerreiros que formaban unha casta militar que explota a unha morea de campesiños vinculados á súa terra e defendían o territorio co seu pequeno exército particular. A guerra era a miúdo un recurso para aumentar a riqueza. Exercían os cargos propios da súa autoridade, como se viu anteriormente. Vivían protexidos nos seus castelos; as terras que se reservaban eran traballadas polos servos.
- Estamento dos non privilexiados. Formábano o resto da poboación, os que traballaban para manter ao estamento privilexiado e vivían nunha situación moi dura: campesiños libres, artesáns e os servos. Estes últimos pertencían ao señor e vivían nun réxime preto á escravitude; o señor tiña dereito sobre a súa vida. Os poucos campesiños libres que había eran teoricamente libres para írense do feudo se querían; pagaban rendas ao señor e o décimo á Igrexa. Vivían en aldeas, en casas de baixa calidade, convivindo cos animais domésticos; a súa dieta era escasa e repetitiva: pan, verduras e, ás veces, ovos.
Esta estrutura social vai perdurar ata que os cambios económicos preindustriais convertan a clase feudal nun elemento inadecuado para dirixir un novo sistema económico, rematando a súa función histórica. Pero defenderá encarnizadamente os seus privilexios, ata que a Revolución Francesa revise a situación.
"Eu, Berterio, puxen a corda no meu pescozo e entregueime baixo o poder de Alariado e a súa dona Ermengarda, para que desde hoxe fagades de min e da miña descendencia o que queirades, o mesmo vós que os vosos herdeiros, podendo gardarme, venderme, darme a outros e, se eu quixera deixar o voso servizo, podedes determe".
Bantruche, Apud, Señorío y feudalismo (Trad)
Encomendación con entrega de patrimonio
"Dámosche todo o que hai dentro destes termos, por expresa vontade nosa, co fin de que sexades noso señor, defensor contra todos os homes do voso condado. E se calquera outro home tratara de estorbar o cumprimento deste acordo, siga en pé o contrato aquí presente".
Abadal, Ramón, Catalunya Carolingia (Trad)
Máis que de relacións sociais, que son as que forman a política, hai que falar de relacións persoais. Hoxe, a nós énos moi difícil imaxinar un territorio dividido en señoríos nos que só mande un nobre, e que o nobre non estea sometido ao poder dunha autoridade superior ou xefe de Estado, como, por exemplo, o rei. Pero durante o período feudal a realidade foi así.
A terra é a fonte de toda riqueza e poder; o señor feudal absorbe todas as funcións do Estado: ordena, obriga e castiga.
O rei era un señor feudal que ocupaba o cumio da sociedade, e era o representante de Deus na Terra, segundo establecera a Igrexa, sen máis poder có que tiñan os demais señores. Era considerado como o primeiro entre os nobres O que había era un sistema de relacións persoais entre homes libres. O resultado desta rede foi un sistema político no que cada señor dependía doutro que estaba sobre el; e el a súa vez tiña a outros por debaixo. O de enriba dáballe ao vasalo un beneficio, do que obtiña todo o que precisaba para vivir.
"Eu, Afonso II, pola graza de Deus, rei de Aragón, conde de Barcelona e marqués de Provenza, dou e concedo a ti, Guillem de Anglesola, o meu castelo de Mur, e teralo con servizo e fidelidade. Douche e concédoche este castelo con todas as súas terras e pertenzas e as melloras que fagas nel; ademais, recibirás 60 medidas de trigo, as que todos os anos me daban os labregos das terras do castelo.
Doucho e concédocho; ti farasme servizo e terasme fidelidade perpetua, tanto a min coma aos meus sucesores. Teralo ti e os teus descendentes a perpetuidade".
Fragmento da concesión dun feudo por Afonso II, 1192
Cando no ano 711 os árabes entraron aquí, pequenos grupos de cristiáns refuxiáronse nas montañas do norte. Desde elas comezaron a Reconquista: a recuperación dos territorios da Península conquistados polos musulmáns, que durou case 800 anos.
4.1. Nacemento e evolución
Nos primeiros séculos aparecen uns pequenos reinos, que pouco a pouco van medrando:
- O astur-leonés, que a comezos do século X chegaba ata o río Douro.
- Do reino anterior separouse o reino de Castela. Máis tarde, no 1230, uníronse definitivamente Castela e León co rei Fernando III.
- Nos Pireneos aparecen os reinos de Navarra e de Aragón e unha serie de condados cataláns. O reino de Aragón e os condados cataláns uníronse no século XII, formando a Coroa de Aragón. Esta unión foi só a nivel de rei, pois cada territorio seguiu coas distintas institucións de goberno que tiñan antes da unión. Esta coroa reconquistou a parte oriental da Península (Valencia e Murcia), que era a que tiña asignada polos acordos co reino de Castela. Cando remata este labor, expandiuse polo Mediterráneo: Baleares, Sicilia e o Sur de Italia, converténdose así nunha potencia comercial, cunha poderosa burguesía dedicada ao sector téxtil, ao comercio e á banca.
- Portugal. Era parte do reino de Castela e León. No ano 1128 independizouse de Castela e León, e comezou unha expansión territorial cara ao sur.
4.2. Os motores que moveron a Reconquista
Foron varios: a necesidade de ocupar máis terras coas que alimentar unha poboación que ía en aumento; os impostos que os cristiáns impoñían aos musulmáns; a unión temporal entre algún dos reinos para conquistar novas terras; e, sobre todo, o cambio de ideoloxía entre os cristiáns, no sentido de darlle á Reconquista un carácter relixioso: a loita contra os infieis (os que non profesan a relixión considerada como verdadeira).
Acabamos de ver unha palabra importante que vai aparecer ao longo desta área, e coa que convivimos a diario: ideoloxía. Con ela referímonos ao conxunto de ideas fundamentais que forman parte do pensamento dunha persoa, dun conxunto delas, dunha época ou de movementos políticos, culturais ou relixiosos.
4.3. O forte impulso reconquistador dos séculos XII e XIII
Durante estes dous séculos, dentro do ámbito cristián da península Ibérica hai catro reinos: Castela e León, Navarra, Coroa de Aragón e Portugal, que lle deron un forte pulo ao proceso reconquistador.
A mediados do século XII chegaron ata o río Texo e recuperaron o val do Ebro. No XIII o avance foi notable: o reino de Castela e León alcanzaron o Guadalquivir, e mesmo Cádiz e Murcia; o de Aragón ocupou Valencia ata Murcia e as Baleares; Portugal rematou a conquista do seu actual territorio. Na batalla das Navas de Tolosa, no 1212, uníronse os reinos de Castela, Aragón e Navarra para asegurar o control das terras situadas entre o río Texo e Serra Morena. En todo este século o avance cristián foi considerable: reconquistaron a cuarta parte da superficie peninsular.
Da ocupación de case todo o territorio peninsular por parte dos musulmáns no século VIII, só lles quedaba a finais do século XIII o reino nazarí de Granada, que comprendía o que hoxe son as provincias de Málaga, Granada e Almería.
No 1469, Isabel, raíña de Castela, e Fernando, rei de Aragón, casaron, recibindo o sobrenome de Reis Católicos. Produciuse así a unión dos dous reinos máis importantes da península. Remataron a Reconquista cando conquistaron o reino de Granada en 1492. Conquistaron Canarias en 1496 e anexionaron o reino de Navarra en 1515.
4.4. A repoboación
Segundo os reinos cristiáns ían incorporando novos territorios, había que repoboalos con xente para ter forza neles. Estas novas terras eran propiedade do rei, e este dáballas aos nobres, como pago aos seus servizos militares prestados, aos monxes, para que fundasen novos mosteiros, e a campesiños libres. A repoboación fíxose grazas ao aumento da poboación que se producía en épocas de alimentación abundante e sen epidemias; á inmigración de francos, procedentes de Francia; e á permanencia de musulmáns nos territorios conquistados.
Unha vez asentados nas novas terras, os repoboadores recibían unha serie de beneficios, que se recollían nun documento chamado carta de poboamento: redución de impostos, liberación da prestación militar, liberdade persoal...
A repoboación do século XIII levouse a cabo mediante a entrega de grandes latifundios ou señoríos aos nobres que prestaran axuda militar, e á Igrexa, sendo a orixe das grandes propiedades agrícolas que persisten na actualidade.
4.5. A sociedade nos reinos cristiáns
Estaba formada na súa meirande parte por campesiños, cun réxime de vida idéntico ao que xa vimos no apartado dedicado ao feudalismo.
4.6. A economía
Tivo moita importancia en Castela e León a gandaría ovina, propiedade dos nobres, que xeraba un importante comercio de exportación aos Países Baixos.
Criábase en réxime de transhumancia, dirixíndose os rabaños no verán cara ao Norte e no inverno cara ao Sur. Para ordenar e resolver os problemas que xurdían polo paso dos rabaños e polo reparto das terras cos agricultores, creouse o Consello da Mesta no século XIII. A agricultura baseábase nos cereais, vide e oliveiras.
No reino de Aragón tamén era importante a gandaría ovina; a agricultura dedicada a froitas e hortalizas tivo un gran desenvolvemento. Nas cidades acadou moito relevo a actividade artesanal e manufactureira, sobre todo naquelas onde se concentraba un importante comercio marítimo polo Mediterráneo: Barcelona, Valencia, Palma de Mallorca.
4.7. O poder político
O sistema feudal implantouse desde a formación dos reinos cristiáns. Os nobres ou señores, como xa vimos, obtiñan a riqueza dos rendementos que lles proporcionaban os seus feudos ou señoríos. Ademais, como señores da guerra, obtiñan grandes beneficios dos botíns e das terras que obtiñan na Reconquista. Esta riqueza dáballes un enorme poder: exercían unha forte influencia diante dos reis dos Estados cristiáns e prestábanlles os seus exércitos.
Por outra banda, os altos cargos da Igrexa, bispos e abades, pertencían á nobreza, que a súa vez eran donos de feudos eclesiásticos.
4.8. A figura do rei
Ocupaba o cumio do edificio feudal. Os demais señores eran vasalos seus. Era o xefe do exército, formado pola xuntanza dos exércitos dos señores.
Cobraba algúns impostos, o mesmo que o facían os nobres. Non podían tomar decisións importantes no goberno do seu Estado (políticas, de defensa, xudiciais e administrativas) sen consultar a un Consello formado pola alta nobreza e polos altos cargos da Igrexa.
Pouco a pouco, os reis procuran cambiar esta situación e intentan impoñer a súa autoridade sobre os señores feudais. Para esta tarefa contaron co apoio económico dos burgueses, a cambio de darlles cartas de liberdade que os independizaban dos nobres.
Para a toma de decisións de goberno, os reis reuníanse con representantes dos nobres, da Igrexa e dos burgueses. A estas reunións déuselles o nome de Parlamentos ou Cortes.
4.9. A Igrexa durante a Idade Media
Despois das invasións xermánicas, a Igrexa foi a responsable da recristianización de Europa Occidental. O seu interese principal era manter a toda a Cristiandade unida, perseguindo as outras relixións. Desde agora, a Igrexa pasou a controlar todos os aspectos da vida de Europa Occidental: dáballe lexitimidade ao poder político e ditaba as normas a seguir en todos os aspectos da vida das persoas, desde o traballo ata a vida persoal e íntima
VIAXE DE PEDRO II DE ARAGÓN A ROMA PARA RENDER VASALAXE AO PAPA INOCENCIO III NO 1204
"Eu, Pedro, rei de Aragón, prometo e confeso que sempre serei fiel e obediente ao meu señor papa Inocencio, aos seus católicos sucesores e á Igrexa romana, conservarei fielmente o meu reino na súa obediencia, defendendo a fe católica e perseguindo os herexes, custodiarei a liberdade das igrexas e defenderei os seus dereitos, esforzareime por conservar a paz e a xustiza en toda a miña terra, así Deus me axude e estes Santos Evanxeos".
Artola, M., Textos fundamentales para la Historia (Trad.)
Nun principio, aportou a ideoloxía que sostiña o sistema feudal. Ao final da Idade Media elaborou a ideoloxía que sustentaba as monarquías totalitarias. Daba normas de moral, de costumes e ditaba os fundamentos das leis que se impoñían á sociedade.
Para poder acadar a vida eterna trala morte, o cristián tiña como obrigacións a práctica da caridade, a entrega de bens á Igrexa, a oración e a asistencia obrigatoria aos oficios relixiosos.
Co fin de manter ás persoas submisas a estes principios relixiosos e ás leis civís, presentaba nos oficios relixiosos unha enorme contraposición entre o Ceo e o Inferno.
Como xa vimos, posuía enormes feudos que fixeron da Igrexa unha enorme potencia económica. Practicaba a caridade cos pobres e mantiña escolas e hospitais.
Organización da Igrexa
As persoas pertencentes á Igrexa formaban parte do outro grupo privilexiado. No cumio estaba o Papa, en Roma. A continuación viñan os bispos, que exercían o poder nas súas dioceses, e os abades, máxima autoridade dun mosteiro, que tiñan os mesmos privilexios cós nobres. Logo estaban os sacerdotes, que vivían nas parroquias; e os monxes e monxas, que vivían illados nos mosteiros, todos eles cun nivel de vida parecido ao dos campesiños.
Os mosteiros eran case sempre o centro dun feudo, onde campesiños e servos traballaban as terras do mosteiro.
Xuramento de vasalaxe dun nobre a un señor eclesiástico
"Eu, Suero Gómez de Soutomaior, vasalo que son desta Santa Igrexa de Santiago e de vós, señor arcebispo, fago homenaxe como cabaleiro (... ), que do día de hoxe en adiante serei fiel e obediente vasalo da dita Igrexa e a vós, señor arcebispo,heivos servir leal e verdadeiramente con todas as miñas forzas e poder, ao que estou obrigado polas terras, servos, rendas e dereitos que da dita igrexa eu teño e posúo (... ). E obedecerei e cumprirei os vosos mandamentos; e farei que se cumpran en ditas terras que eu teño e posúo".
Armas, Moreno, Ulloa e Villares, Textos e materiais para a historia de Galicia
Dentro dos mosteiros, a oración era a función principal de monxes e monxas, os cales tiñan que cumprir unhas normas moi estritas que rexían a súa vida cotiá. O conxunto destas normas dáselle o nome de regra.
Na Idade Media houbo varias ordes monásticas: beneditinos, franciscanos, dominicos... En moitos mosteiros, os frades realizaron un labor importante como copistas de textos: eran os únicos que sabían ler e escribir, pois ata o final da Idade Media non se inventará a imprenta.
4.10. A arte do mundo feudal: o románico

Nace en Francia e está intimamente unido ao feudalismo e á Igrexa. Desenvolveuse entre finais do século X e principios do XIII. Na Península entrou polo Camiño de Santiago, e sitúase principalmente nas zonas rurais. A catedral de Santiago de Compostela é o exemplo máis egrexio desta arquitectura.
As construcións arquitectónicas (igrexas, mosteiros e castelos) son fortes, sólidas, de grosos muros e con poucos ocos, o que provoca que sexan escuras: retratan o mundo escuro, pechado e centrado en Deus da época feudal. Teñen arcos de medio punto e están cubertas por bóvedas de canón.
A escultura son relevos feitos principalmente nos capiteis das columnas e nos pórticos, con figuras que narran historias ou simbolizan feitos e temas relixiosos, co fin de ensinarlles aos fieis os Evanxeos porque eran analfabetos.
A pintura faise nos muros dos edificios, e trata temas relixiosos.
4.11. Cultura
Durante a Idade Media aparece a literatura nas linguas romances da Península Ibérica. No século XII escríbese o Poema de Mío Cid, un cantar de xesta que conta as xestas dun cabaleiro castelán, Rodrigo Díaz de Vivar, "o Cid". Ao longo do século XIII, a literatura en lingua catalá alcanza un elevado nivel coas obras do filósofo Ramon Llull. A lingua galaico-portuguesa destaca sobre todo na lírica, cuxo exemplo fundamental son as Cantigas de Santa María, compostas polo rei de Castela Alfonso X, un dos monarcas medievais que máis fomentou o desenvolvemento da cultura.
CANTIGA (Mediateca de EducaMadrid)
https://mediateca.educa.madrid.org
Licenza: dominio público
Nos primeiros séculos medievais o principal difusor da cultura foi o clero, a través dos mosteiros, que normalmente se atopaban en zonas rurais, afastados das cidades. Desde o século XII, o aumento do interese pola cultura na poboación urbana explica que aparecesen as universidades; a primeira universidade española foi a de Palencia, fundada en 1212; seis anos despois fundouse a de Salamanca, que adquiriu gran prestixio.
5. O RENACEMENTO DAS CIDADES EN EUROPA OCCIDENTAL
Xa vimos como coa desaparición do Imperio Romano, as cidades e a vida urbana chegaron a desaparecer; toda Europa se ruralizou. Pero a partir do século XI as cidades volveron a agromar. Eran lugares onde había máis liberdade que no mundo pechado e duro do campo feudal. Foron lugares a onde emigraron moitos campesiños para escaparen das condicións de vida extremadamente duras que lles impoñían os señores feudais.
A estas novas cidades chamóuselles burgos, e aos seus habitantes, burgueses.
Para que este rexurdimento fose posible tiveron que darse unha serie de circunstancias: aumento da produción agrícola e gandeira para xerar excedentes cos que alimentar a unha poboación que non produce alimentos; un aumento da poboación no campo debido á unha mellor alimentación, que xerou unha emigración cara ás cidades; seguridade polo cesamento das invasións dos séculos anteriores.
5.1. A burguesía: un novo grupo social
É un grupo non privilexiado, que ten como base económica o comercio, os obradoiros artesanais e o diñeiro.
Un feito fundamental que hai que considerar é o cambio de mentalidade que se opera dentro da burguesía: o afán de enriquecerse para aumentar os negocios e o patrimonio persoal, é dicir, aumentar o capital. Con esta nova ideoloxía e a súa posta en práctica nace o sistema económico coñecido como capitalismo.
A burguesía dividiuse en alta e baixa, segundo o seu nivel de riqueza. Dentro da cidade, representaba unha pequena porcentaxe da poboación. A maioría estaba formada por xente que vivía na miseria: aprendices dos obradoiros, criados, xente sen oficio que fuxía do mundo rural, mendigos...
5.2. Feiras e mercados
Nas cidades celebrábanse mercados semanais e feiras anuais, onde se intercambiaban produtos do entorno da cidade e de lugares afastados, que chegaban a través das rutas comerciais do Mediterráneo, do Norte de Europa ou polo Camiño de Santiago. O comercio europeo tiña a súa base nas cidades do norte de Europa e do Mediterráneo, que comerciaban cos musulmáns. Estes traían produtos exóticos de Asia (seda especias, perfumes) e África (ouro, marfil e escravos), e levaban ferro, armas e tecidos de luxo.
Señores, grazas á paz, a nosa cidade (Venecia) negocia un capital comercial de 10 millóns de ducados a través do mundo enteiro. Temos 3. 345 embarcacións tripuladas por 36.000 homes. (... ) A nosa cidade acuña cada ano 1.200.000 ducados de ouro e 800.000 de prata, que se distribúen por Siria, Exipto, Inglaterra (... ) Os florentinos subminístrannos cada ano 16.000 pezas de pano. Nós distribuímolas por Nápoles, Sicilia, Cataluña, Exipto, Siria, Chipre, Lisboa... E cada semana, os florentinos mércannos por valor de 7.000 ducados todo tipo de produtos: la francesa e catalá, cereais, seda, cera, ouro, prata, azucre, sal, índigo, coiro, xoias, con grandes beneficios para nós.
Fourquin, G., Historia económica del occidente medieval (Trad.)
Como consecuencia deste comercio a gran escala, vólvese á economía monetaria, créanse bancos para a concesión de créditos e invéntase a letra de cambio, que permite cobrar unha cantidade onde se desexe sen necesidade de levar diñeiro.
5.3. Os gremios
Á parte da actividade comercial, nas cidades medievais foi moi importante a actividade artesanal, realizada nuns obradoiros propiedade dun mestre artesán. Os obradoiros dun mesmo oficio situábanse na mesma rúa, existindo ata hoxe rúas co nome dos oficios medievais.
Os mestres artesáns dun mesmo oficio agrupábanse nunhas asociacións chamadas gremios. Non se podía exercer a profesión sen pertencer a un gremio. A función dos gremios era regulamentar as condicións nas que se tiña que desenvolver o labor: conceder ou denegar permiso para a instalación de novos obradoiros; control do horario laboral, que tiña que ser o mesmo para todos; obrigación de usar materias primas compradas ao mesmo prezo; control de calidade dos produtos elaborados; prezos fixos de venda ao público, pois non se podía vender por debaixo do prezo oficial marcado polo gremio.
Como podemos comprobar, os gremios dificultaban a libre actividade e a libre competencia. Co paso dos séculos esta situación terá que cambiar.
Ningún tecedor de la pode exercer o oficio dentro dos arrabaldes de París se non é fillo de mestre. Cada tecedor pode ter na súa casa dous teares anchos e un estreito. O mestre tecedor non pode ter instalados estes teares fóra da súa casa. Cada tecedor pode ter na súa casa un só aprendiz. Ningún tecedor que vaia ás feiras de Champaña debe vender pano de ningunha parte mesturado co de París. Calquera que sexa tecedor en París, se ten tenda nos mercados para vender os seus panos, cada ano debe pagar ao rei cinco soldos polo dereito de mercado por cada tenda ou posto que posúa.
Boileau, Libro de los oficios (Trad.)
5.4. O goberno das cidades
Moitas cidades dependían dun señor feudal, nobre ou eclesiástico, que cobraba fortes impostos aos seus habitantes. Esta situación era moi prexudicial para os burgueses, pois necesitaban liberdade para realizaren a súa actividade económica sen trabas.
Coa riqueza acumulada acabaron comprando a liberdade aos señores feudais e establecendo un goberno propio: os concellos, gobernados por membros da alta burguesía.
Como xa se viu máis arriba, os reis foron cómplices dos burgueses na súa procura de independencia dos señores feudais. Os reis buscaban o apoio da burguesía enriquecida (diñeiro e armas) para quitar de enriba deles o poder feudal e así poder afianzar o propio. Pouco a pouco, a burguesía conseguiu estar representada nas Cortes dos reis, xunto coa nobreza e os altos eclesiásticos.
5.5. As universidades
Este mundo de finais da Idade Media en profundo cambio (renacemento das cidades, aparición dunha nova clase social, fortalecemento do poder dos reis fronte aos señores feudais) esixía xente ben instruída e formada culturalmente: expertos en leis, en medicina, en economía, profesores.
Satisfacer estas esixencias foi o labor das Universidades, que aparecen no século XIII. Son famosas as de Boloña, Oxford, París, Palencia, Salamanca...
5.6. A arte das cidades medievais: o Gótico

Nace en Francia e desenvólvese entre mediados do século XII e finais do XV. É un arte urbano, relixioso (catedrais) e tamén civil, unido intimamente á burguesía (palacios, lonxas e concellos).
As construcións son altas, esveltas, luminosas e cheas de luz de diversas cores debido ás vidreiras: son o símbolo dunha nova época, máis aberta, máis rica, máis optimista. O arco de medio punto do románico é substituído polo arco apuntado, e a bóveda de canón convértese en bóveda de cruzaría.
A escultura está asociada á arquitectura: nos pórticos, nos sepulcros. As representacións fan referencia a modelos naturais. A pintura é moi expresiva e localízase en retablos e muros.
5.7. A crise dos séculos XIV e XV
A principios do século XIV tivo lugar en Europa unha perturbación climática prolongada que orixinou malas colleitas, sobre todo de cereais, e que provocaron unha fame xeneralizada. Coa fame debilítanse as defensas inmunolóxicas e increméntanse as enfermidades infecciosas: é así como, a partir de 1347 se inicia a Peste Negra, que provocou unha enorme mortalidade en todo o continente.
O descenso da man de obra no campo fixo que as rendas dos señores feudais diminuíran substancialmente, o que os levou a incrementar os impostos ata límites insoportables e prohibir que os campesiños abandonaran os señoríos.
Nesta situación é comprensible que aparezan os conflitos sociais, de campesiños contra señores, pedindo a suavización das condicións impostas.
O conflito tamén se estendeu ás cidades, onde a mortalidade fora superior á das zonas rurais, levando á ruína a meirande parte dos negocios. Como ocorrera no campo, as persoas máis desfavorecidas provocaron revoltas, esixindo traballo e incremento dos salarios.
Esta situación tan crítica trouxo unha onda de fanatismo relixioso, ao relacionar tanto mal cun castigo de Deus polos pecados cometidos.
6. GALICIA NA IDADE MEDIA
No século IV foi cristianizada. No 411 chegaron os suevos e formaron un reino independente, con capital en Braga. No 585 os visigodos absorberon o reino suevo.
A invasión musulmá apenas afectou a Galicia. Afonso I, rei de Asturias, reconquistou Galicia no século VIII. Nos séculos posteriores foi repoboada polos nobres galegos. Posteriormente integrouse no reino astur-leonés co apoio dos nobres e da Igrexa, outorgándolles os reis privilexios para gañar a súa confianza. A formación do reino de Portugal impediu a expansión de Galicia cara ao Sur.
Nos séculos XIV e XV acadaron gran importancia as familias nobres dos Andrade, Osorio, Soutomaior, Ulloa e Sarmiento.
As tensións propias do mundo feudal a finais da Idade Media en toda Europa, debido as malas colleitas e á Peste Negra, provocaron o enfrontamento de campesiños e pequenos burgueses contra os abusos dos nobres, que culminaron na Revoltas Irmandiñas a mediados do século XV, consideradas as primeiras loitas antiseñoriais da Europa medieval. A Primeira Guerra Irmandiña estala en 1431 contra os Andrade, polo maltrato exercido contra os seus campesiños; os irmandiños, dirixidos polo fidalgo Roi Xordo, foron derrotados.
En 1467 ten lugar a Segunda Guerra Irmandiña, que se estende por toda Galicia; nun principio, os irmandiños levan a dianteira, moitos nobres foxen de Galicia e son derrubadas moitas fortalezas; pero en 1469, os nobres, co apoio do rei, e dirixidos por Pedro Madruga e Pardo de Cela, derrotan aos campesiños.
6.1. A sociedade
Galicia comezou a feudalizarse cando os reis de Asturias e León lles entregaron aos nobres galegos e a bispos e abades dos mosteiros grandes extensións de terras (señoríos) para gañar a súa fidelidade e manter o territorio controlado.
Como no resto de Europa, os que rexen a sociedade son os nobres, os bispos e os abades. A nobreza eclesiástica tivo moita máis importancia cá nobreza laica: o arcebispado de Santiago e os mosteiros de Samos, Sobrado, Armenteira e Celanova foron uns dos señoríos máis ricos de toda a Península.
Os campesiños, que constituían o 90 % da poboación, nun principio eran donos de pequenos lotes de terras pero, ante a inseguridade da que falamos anteriormente, foron entregando as súas propiedades aos nobres e á Igrexa, materializándose así o proceso de feudalización de Galicia, perdurando algúns dos seus elementos ata o século XX (os foros). Vivían en pequenos núcleos rurais ou aldeas, no mesmo emprazamento que o actual.
6.2. A economía
Era basicamente agrícola, cunha pequena actividade artesanal. Nos séculos XII e XIII desenvolveuse a agricultura e provocou un aumento da poboación; isto obrigou a ampliar as terras de cultivo e mesmo a crear novos núcleos de poboación: son as aínda hoxe chamadas vilas novas.
Os monxes, os bispos e os abades, que eran os únicos donos da terra, cedíanlles parcelas aos labregos cun contrato de foro, para que as cultivasen a cambio dunha renda fixa a longo prazo e da prestación de servizos persoais aos señores.
Nas cidades fóronse asentando os artesáns: toneleiros, zapateiros, ferreiros, xastres... En Santiago abondaban os prateiros e acibecheiros, para atender a demanda dos peregrinos. Nalgunhas vilas da costa había salgaduras de peixe, debido a un aumento da actividade pesqueira. Este incremento xeral da produción activou o comercio, multiplicándose as feiras e os mercados.
6.3. A cultura
A lingua galega tivo un gran desenvolvemento. A lírica acadou gran importancia e está recollida en Cancioneiros. O rei Afonso X de Castela compuxo en galego as Cantigas de Santa María. No século XV o galego comezou a declinar como lingua escrita.
6.4. A arte

O románico ten en Galicia unha das súas mellores manifestacións: a catedral de Santiago de Compostela. O gótico ten como expresións máis significativas as igrexas de San Francisco en Betanzos e Ourense.
6.5. O Camiño de Santiago

Cando a Reconquista chegou ao río Douro, os contactos do Norte da Península cos países de Europa foron máis intensos. Estes contactos proporcionaron influencias de todo tipo: viñan guerreiros para axudar na loita contra os musulmáns, comerciantes e, a partir do século XI, cristiáns para visitar a tumba do apóstolo Santiago nunha igrexa mandada construír polo rei asturiano Afonso II no lugar onde, segundo a lenda, se atoparan os restos do apóstolo, converténdose, xunto con Roma e Xerusalén, nun dos principais centros de peregrinación da Cristiandade.
A sociedade da Idade Media era profundamente relixiosa, e nela reinaba un forte sentimento de espiritualidade, mesturado co medo á morte e ao pecado, un gran sentimento de culpa e o temor á condena eterna. A todo isto úneselle a crenza do perdón dos pecados a través do arrepentimento, o que marca un mundo no que é fundamental a penitencia, xa que se considera que a culpa só desaparece logo dun castigo: as peregrinacións son un instrumento ideal para facerse perdoar os pecados.
Entre os distintos camiños que seguían estes visitantes, o que tivo máis tráfico foi o que atravesaba os Pireneos por Roncesvalles ata Pamplona; desde aquí partían outras rutas distintas, aínda que a que tivo máis importancia foi o chamado actualmente Camiño Francés, o de máis ao Sur. Ao longo do Camiño edificáronse moitas igrexas, hospitais e hospedarías en pobos e cidades: Jaca, Pamplona, Estella, Logroño, Santo Domingo de la Calzada, Burgos, León, Santiago...
Todo comezou no ano 813, ao descubrirse un rico sepulcro en certo lugar do noroeste da Península Ibérica que a partir dese momento recibiu o nome latino de Campus Stellae ("O Campo da Estrela", que deu lugar ao nome "Compostela").
Non se sabe quen está enterrado realmente nese sepulcro, aínda que é certo que o bispo de Iria Flavia, cidade próxima ao lugar do achado, proclamou que era a tumba do apóstolo Santiago. Todo o mundo creuno, especialmente o rei de Asturias, Alfonso II, que necesitaba símbolos que desen ao Reino de Asturias a forza moral para enfrontarse ao poderoso Emirato de Córdoba. A verdade é que ningún documento histórico atestigua que o apóstolo Santiago estivese en Hispania.
A noticia do achado da tumba de Santiago difundiuse rapidamente por toda a España cristiá e polo resto de Europa, o que fixo que o lugar de Compostela fose crecendo en importancia. A cidade desenvolveuse grazas á chegada de peregrinos, desexosos de visitar a tumba do apóstolo. E a viaxe contaba con outros dous alicientes: Compostela atopábase moi preto do Finis Terrae, o punto onde os romanos localizaron "o Fin da Terra" ou extremo occidental de Europa, xa que se cría que non había terras alén do océano Atlántico.
Compostela estaba, ademais, nun reino cristián ameazado polos musulmáns, o que facía que fose máis meritorio peregrinar a Compostela que facelo, por exemplo, a Roma.
Consecuencias das peregrinacións:
- Incremento do comercio.
- Aumento da produción agrícola para poder atender aos peregrinos.
- Debido ao anterior, enriquecemento dos señores feudais e dos mosteiros.
- Maior importancia na sociedade galega dos nobres eclesiásticos cós non eclesiásticos, debido aos beneficios que lles reportaban as súas terras e ás importantes doazóns que recibían dos fieis e dos reis. O arcebispo de Santiago foi a autoridade máis importante de Galicia, destacando Diego Xelmírez (1065-1140), primeiro arcebispo de Compostela.
Sobre este arcebispo imos consultar a ligazón http://xacopedia.com/Gelm%C3%ADrez_Diego