UDI_11_SOCIAL_teoria
2º ESO PMAR. ÁMBITO SOCIAL
UDI 11. Declaración Universal dos Dereitos Humanos

As persoas, polo feito de selo, teñen unha dignidade e uns dereitos fundamentais que lles son propios. Estes dereitos coñécense como Dereitos Humanos.
A Declaración Universal dos Dereitos Humanos adoptouna a Asemblea Xeral das Nacións Unidas o 10 de decembro de 1948 en París. O seu principal obxectivo era o de establecer, por medio dunha norma escrita, os dereitos básicos do home e da muller e as liberdades dos que gozan todos os seres humanos. Esta idea resúmese no preámbulo e no primeiro artigo:
"Considerando que a liberdade, a xustiza e a paz no mundo teñen por base o recoñecemento da dignidade intrínseca e dos dereitos iguais e inalienables de todos os membros da familia humana;
Considerando que o descoñecemento e o menosprezo dos dereitos humanos orixinaron actos de barbarie aldraxantes para a conciencia da humanidade, e que se proclamou, como a aspiración máis elevada do home, a chegada dun mundo en que os seres humanos, liberados do temor e da miseria, gocen da liberdade de palabra e da liberdade de crenzas;
Considerando esencial que os dereitos humanos sexan protexidos por un réxime de Dereito, co fin de que o home non se vexa compelido ao supremo recurso da rebelión contra a tiranía e a opresión;
Considerando tamén esencial promover o desenvolvemento de relacións amigables entre as nacións;
Considerando que os pobos das Nacións Unidas reafirmaron na Carta a súa fe nos dereitos fundamentais do home, na dignidade e o valor da persoa humana e na igualdade de dereitos de homes e mulleres, e declaráronse resoltos a promover o progreso social e a elevar o nivel de vida dentro dun concepto máis amplo da liberdade;
Considerando que os Estados membros se comprometeron a asegurar, en cooperación coa Organización das Nacións Unidas, o respecto universal e efectivo aos dereitos e liberdades fundamentais do home, e
Considerando que unha concepción común destes dereitos e liberdades é da maior importancia para o pleno cumprimento de devandito compromiso;
A Asemblea Xeral proclama a presente Declaración Universal de Dereitos Humanos como ideal común polo que todos os pobos e nacións deben esforzarse, co fin de que tanto os individuos como as institucións, inspirándose constantemente nela, promovan, mediante o ensino e a educación, o respecto a estes dereitos e liberdades, e aseguren, por medidas progresivas de carácter nacional e internacional, o seu recoñecemento e aplicación universais e efectivos, tanto entre os pobos dos Estados membros como entre os dos territorios colocados baixo a súa xurisdición.
Artigo 1.- Todos os seres humanos nacen libres e iguais en dignidade e dereitos, dotados como están de razón e de conciencia, deben comportarse fraternalmente uns cos outros".
A unión desta declaración e os Pactos Internacionais de Dereitos Humanos forman o que se coñece como Carta Internacional dos Dereitos Humanos.
O feito de gozar de dereitos supón unhas obrigas ou deberes correlativos que temos que cumprir. O principio básico que debe rexer é o respecto aos dereitos dos demais.
Correspóndelles ás sociedades, e por tanto a todos os individuos, a responsabilidade de que os dereitos humanos sexan respectados.
Conquista dos dereitos
O recoñecemento dos dereitos humanos definiu varias xeracións de dereitos:
Primeira xeración: parte da Revolución Francesa e da Declaración dos Dereitos do Home e do Cidadán de 1789, no que se recoñecía, grazas á loita contra o dereito divino dos monarcas, a Liberdade, Igualdade e Fraternidade.
Os dereitos civís e políticos nacen da loita contra o abuso de poder por parte das autoridades, pois o Estado debe ser o garante do respecto aos dereitos e liberdades das persoas.
Estes dereitos foron recoñecidos no Pacto Internacional dos Dereitos Civís e Políticos (1966).
Nesta xeración de dereitos destacan os dereitos á vida, á integridade física e moral, á liberdade persoal, á igualdade ante a lei, á liberdade de pensamento, conciencia e relixión, liberdade de movementos, xustiza, nacionalidade, participación na vida política, participación na elección ou ser elixido para cargo público, afiliarse a asociacións ou partidos e a participar nas eleccións democráticas.
Segunda xeración: xorde da segunda Revolución Industrial (1917), na procura de xustiza social e benestar común. A loita estivo nas mans de obreiros, campesiños e intelectuais.
Son dereitos económicos, sociais ou culturais, como por exemplo: a seguridade social; o dereito ao traballo; a igualdade salarial por igual traballo, remuneración equitativa; a existencia de sindicatos e dereito a afiliarse; descanso e tempo de lecer; nivel de vida axeitado (alimentación, vestido, vivenda e asistencia sanitaria); protección en caso de vellez, invalidez, doenza, desemprego, maternidade...; protección da infancia; a educación; participación na vida cultural e dereitos de autor.
Terceira xeración: xorden a partir do enfrontamento da política de bloques (socialista e capitalista) orixinados durante a Guerra Fría. Isto provocou máis pobreza entre os países pequenos e, en consecuencia, a solidariedade internacional.
Entre eles podemos destacar: a descolonización e prevención de discriminacións; liberdade dos pobos (política, económica, social e culturalmente); dereito dos pobos a exercer o control dos seus recursos naturais; a paz e a seguridade internacional; o desenvolvemento integral do ser humano.
Cuarta xeración: é unha nova clasificación de dereitos que xorde da necesidade dos novos movementos sociais. Por exemplo: protección ambiental, dereitos dos homosexuais, bioética, novas tecnoloxías...
Violacións dos dereitos humanos
As violacións aos dereitos humanos son accións levadas a cabo por algún elemento do poder do Estado en contra da dignidade humana e cando as autoridades actúan con impunidade na investigación e/ou castigo desas violacións.
Tipoloxía das violacións de dereitos
Por omisión: cando o goberno non actúa malia as denuncias de violacións aos dereitos humanos.
Por acción: cando a autoridade directamente é a que transgride os dereitos humanos.
Por consentimento: cando por medio dunha terceira persoa se realiza a violación aos dereitos humanos.
Algúns gobernos, de tendencias totalitarias ou ditatoriais, nin os recoñecen nin moito menos os respectan. É por iso que moitas persoas sofren:
Represións: detención ou castigo das persoas e accións contrarias ao réxime político establecido nun país. Impediríase exercer certos dereitos e liberdades (expresión, reunión, manifestación, asociación, sindicación...).
Detencións ilegais: é a privación de liberdade, teoricamente temporal, a unha persoa polas autoridades competentes (feito que a diferencia dun secuestro).
Torturas: causar dano físico ou psicolóxico intencionadamente a alguén.
Racismo e xenofobia: aínda que ambos os termos están relacionados e adoitan confundirse, non teñen o mesmo sentido.
– Racismo: discriminación dunha persoa pola cor da súa pel ou algunha outra característica física, e coa finalidade de anular os seus dereitos (ideoloxía de superioridade).
– Xenofobia: odio, noxo ou hostilidade cara aos estranxeiros (rexeitamento).
Marxinación da muller: a maior parte das culturas son patriarcais, onde as mulleres deben ser submisas ao seu home, negándoselles os dereitos máis fundamentais. A Declaración Universal dos Dereitos Humanos proclamou a igualdade entre os dous sexos, garantindo por igual os dereitos económicos, políticos, sociais, civís e culturais. Iso non quer dicir que en todos os países se respecten. Foi por iso que a ONU aprobou o 20 de decembro de 1952 o Convenio sobre os Dereitos Políticos da Muller.
Persecución: accións represivas ou de maltrato continuado, por motivos ideolóxicos ou relixiosos, ao percibir o individuo como diferente (o agresor culpa a vítima). A opresión sobre grupos minoritarios pode levar a secuestros de nenos e mulleres, asasinatos, xenocidios, desprazamentos de poboacións (refuxiados)...
Declaración dos Dereitos do Neno
Xorde no ano 1923 en Xenebra ao ser adoptada pola International Save the Children Union. Estes principios foron apoiados pola Sociedade de Nacións o ano seguinte.
Nela recoñecíase que os nenos son o mellor que a humanidade ten, e declaraba o seu a súa protección, máis aló de raza, nacionalidade, credo ..., tomando como referencia catro principios: non discriminación, interese superior do neno/nena, supervivencia e desenvolvemento e participación.
1. O neno debe ser posto en condicións de desenvolverse normalmente dende o punto de vista material e espiritual.
2. O neno famento debe ser alimentado, o neno doente debe ser atendido, o neno deficiente debe ser axudado, o neno desadaptado debe ser radicado, o orfo e o abandonado deben ser recollidos e axudados.
3. O neno debe ser o primeiro en recibir socorro en caso de calamidade.
4. O neno debe ser posto en condicións de gañarse a vida e debe ser protexido de calquera explotación.
5. O neno debe ser educado inculcándolle o sentimento do deber que ten de poñer as súas mellores cualidades ao servizo dos semellantes.
No ano 1946, a Organización de Nacións Unidas adoptounos cunha lixeira modificación e a Asemblea Xeral da ONU fíxoo o 20 de novembro de 1959. Con eles pretendían dar solución aos problemas da infancia e aos perigos que moitos nenos e nenas sufrían no mundo.
Na actualidade aínda moitos nenos viven nunha situación de desamparo: conflitos armados, explotación (no traballo, sexual)...
Mecanismos de control e protección
As Nacións Unidas crearon unha rede de organismos, pactos e convencións como mecanismos para a protección e cumprimento dos dereitos humanos.
Entre os organismos fundados destacan: Comité de Dereitos Económicos, Socias e Culturais; Comité de Dereitos Humanos; Comité para a eliminación de todas as formas de discriminación contra a muller; Comité para a Eliminación da Discriminación Racial; Comité contra a Tortura e Comité dos Dereitos do Neno.