PRESENTACION_ODE
PRESENTACIÓN DO ODE
Os Programas de Mellora da Aprendizaxe e do Rendemento (PMAR) son unha medida de atención á diversidade destinada ao alumnado que, tras a oportuna avaliación, precise dunha metodoloxía específica a través da organización de contidos, actividades prácticas e de materias diferente ás establecidas con carácter xeral, coa finalidade de que o alumnado poida cursar o cuarto curso pola vía ordinaria e obteña o título de Graduado en Educación Secundaria Obrigatoria.
Dado que este tipo de programas son de moi recente implantación, a finalidade deste ODE é converterse no instrumento que manexe o alumnado dun PMAR de 2º da ESO durante todo o curso escolar, para o ámbito lingüístico e social, sen necesidade de acudir a outros materiais adicionais. Por tal razón, cada unha das UDIs que contén este obxecto educativo dixital está integrada por tres elementos fundamentais:
- Unha planificación de tipo curricular, na que se desglosan os contidos, os criterios de avaliación e os estándares de aprendizaxe que se van tratar na UDI
- Unha parte teórica para cada ámbito
- Unha secuencia de actividades correspondentes á parte teórica de cada ámbito
ÁMBITO LINGÜÍSTICO

A maior parte das regras gramaticais da lingua galega son, se non idénticas, moi semellante ás da lingua castelá. Deste xeito, agás nos casos máis concretos en que haxa unha diferenza notoria entre as dúas linguas, tentaremos, tal e como aparece recollido para Galicia no Decreto 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, seguir un tratamento integrado das linguas. Non só o faremos no caso deste ámbito, senon tamén no ámbito social, pois alternaremos as dúas linguas tanto nos contidos teóricos como nas actividades.
No caso concreto do currículo de 2º da ESO citamos textualmente o que establece o decreto:
(...) o tratamento integrado das linguas debe considerar o punto de partida diferente de cada unha delas. Xa que logo, non se pode esquecer a situación de minorización da lingua galega, que cómpre atender e dinamizar adecuadamente. Con esa finalidade, é preciso favorecer o uso e a aprendizaxe desta lingua de xeito que se impulse a súa normalización e se venzan as dificultades da súa menor presenza e repercusión social, motivadas en moitos casos por prexuízos que é necesario desmontar e superar. O alumnado galego debe rematar a súa escolarización co nivel de usuario competente nas dúas linguas oficiais, galego e castelán, o que implica a utilización adecuada e eficaz das dúas linguas nun amplo repertorio de situacións comunicativas, propias de diferentes ámbitos, cun grao crecente de formalidade e complexidade.
No Bloque 3, Coñecemento da lingua, o currículo establece como contido (B3.10.) a identificación e progresiva utilización dos coñecementos sobre as linguas para desenvolver unha competencia comunicativa integrada.
Como criterio de avaliación (B3.9.), reflexionar sobre o sistema e as normas de uso das linguas, mediante a comparación e a transformación de textos, enunciados e palabras, e utilizar estes coñecementos para solucionar problemas de comprensión e para a produción de textos.
E como estándar de aprendizaxe (LCLB3.9.1.), utiliza os coñecementos lingüísticos de ámbito contextual, textual, oracional e da palabra, desenvolvidos no curso nunha das linguas, para mellorar a comprensión e a produción dos textos traballados en calquera das outras.
Considerando o feito de que os contidos do ámbito lingüístico son sustancialmente máis amplos que os do ámbito social e polo tanto están presentes en máis unidades, a partir da UDI 6 o bloque de sociedade dedicarémolo a contidos relacionados transversalmente co ámbito social, como a educación cívica, a educación viaria e o uso adecuado e seguro de internet e das redes sociais.
ÁMBITO SOCIAL

Para o ensino dos bloques relacionados co espazo humano (España, Europa e o mundo) tentamos potenciar o carácter globalizador dos contidos. Unha das estratexias é o desenvolvemento de pequenos traballos de investigación baseados en buscas en internet, en buscas noutras fontes variadas de información, na lectura e comprensión de textos afíns á temática de cada UDI e na propia observación do alumnado. Nesta liña, tratamos con estes materiais de alternar o traballo individualizado, que fomenta os niveis de cumprimento e responsabilidade persoal, co traballo en grupo, que favorece o proceso de socialización, o respecto á diversidade de opinións, a colaboración, etc.
Pola súa utilidade, intentamos incluír nos dous ámbitos o uso das tecnoloxías da información e a comunicación (TICs), non só como medio de acceso a unha variedade de materiais e recursos virtuais, senón tamén como espazo para a expresión do alumnado a través dos recursos que ofrece a rede.
As imaxes que aparecen en todo este ODE están extraídas da páxina web www.pixabay.com, que ten una licenza CCO.
A metodoloxía coa que abordamos a maior parte das actividades de ambos ámbitos é a de partir de exemplos e de textos prácticos da vida cotiá, elixidos tendo en conta a realidade social e inmediata da mocidade, os vosos intereses, a información dos medios de comunicación, etc. para propiciar debates, exposicións orais e exposicións escritas.
En definitiva, trátase de que coa axuda destes materiais o alumnado de 2º de ESO dun PMAR sexa quen de acadar con éxito as competencias clave destes dous ámbitos para poder proseguir o seu camiño académico.