Saltar la navegación

Referencias

dous libros

Nunca nos cansaremos de repetir e subliñar a importancia do apartado das referencias para sustentar o contido e a orixinalidade do noso traballo; dito doutro xeito, as referencias dan argumentos e razóns ao que afirmamos no noso traballo e, de paso, demostran que o que dicimos está baseado -que non copiado- no que outros autores dixeron e que nós, por tanto, coñecemos. Con iso salvagardamos a orixinalidade e o valor do noso traballo como algo propio, sen que ninguén poida acusarnos de plaxio.

Ademais, a sección de referencias permite que o lector interesado no tema poida tamén valerse de nosas mesmas fontes para continuar o noso traballo ou encher os ocos que diciamos na sección de conclusións, ou simplemente pode satisfacer a súa curiosidade sobre o tema e ampliar detalles sobre el.

É habitual confundir os apartados de referencias e bibliografía.  As referencias refírense ás fontes documentais, sexan do tipo que sexan (escritas, orais, auditivas), dixitais ou non, que realmente usamos para a elaboración do traballo; por tanto, só aparece no apartado de referencias aquelas obras citadas no corpo do texto. Precisamente, o termo referencias fai mención ao feito de que na cita referímonos á obra concreta.

En cambio, a bibliografía refírese a aquelas obras que se recomenda coñecer ou que son claramente relevantes para o tema, independentemente de que as empregamos na nosa investigación ou non.  

Só o primeiro apartado, o de referencias, é de obrigada presenza nun traballo de investigación serio, mentres que a bibliografía é meramente potestativa e raramente aparece nas investigacións.

Respecto da maneira de elaborar este apartado, existen diferentes maneiras de abordalo, dependendo do campo do saber do que trate a nosa investigación. Así, por exemplo, existen o estilo de construción de referencias APA, moi usado para psicoloxía, pedagoxía e en xeral para as ciencias sociais e tecnolóxicas; o chamado estilo Chicago, para historia, arte, musicoloxía; ou o MLA, para letras e lingüística; e tamén outros coas súas peculiaridades propias, como o Harvard, o UNE-ISO 690:2013 ou o IEEE.

Nós utilizaremos como exemplo de funcionamento das referencias o sistema APA, probablemente o máis estendido; simplificando un tanto o seu funcionamento para adaptalo ao contexto escolar no que nos atopamos. Iso verémolo no seguinte apartado, dedicado especificamente á construción do aparello de citas e referencias.