Saltar la navegación

6. Analizar e organizar os datos

frechas de cores apuntando á dereita

Ao longo da investigación que viñemos desenvolvendo fomos recompilando informacións sobre os diversos aspectos do noso tema de investigación. Cando sospeitamos que xa posuímos material suficiente que poida ofrecer uns resultados de investigación satisfactorios, é o momento de realizar unha análise de todos os datos e de agrupalos e organizalos en seccións que dean corpo ao que vai ser o noso documento de investigación que imos presentar. Trátase dunha fase crítica do noso traballo, porque precisamente o contido que imos envorcar no traballo depende das informacións que obteñamos tras este proceso de análise e avaliación.

A análise dos datos é a primeira fase deste procedemento de avaliación, e consiste precisamente en reunir a información obtida e dividila -etimoloxicamente, análise significa división- en distintos conxuntos conforme a uns criterios lóxicos. Desta maneira estaremos a agrupar unha masa desorganizada de información en grupos máis reducidos de datos.  Cada dato nun grupo, presenta algunha nova información sobre un aspecto determinado da nosa investigación, e estará vinculado e relacionado cos demais datos dese mesmo grupo.