O usuario da biblioteca pode facer uso gratuíto dos recursos da biblioteca, aínda que, a efectos de mantemento e dispoñibilidade do material dunha forma equitativa para todos, faise necesario posuír un medio de identificación, normalmente un carné de biblioteca, que permita solicitar o préstamo do material. Con este carné, podes levarte á túa casa un número determinado de libros por un certo tempo (arredor de 15 días acostuma a ser habitual). Por poñer un exemplo, estas son as facilidades que lle ofrece unha biblioteca pública aos seus usuarios con carné:
- levar libros, lectores de libros electrónicos, películas, cds de música, cd-roms, etc. a domicilio. É imprescindible presentalo para levar documentos en préstamo
- acceder á páxina personalizada do catálogo onde se poden renovar os préstamos, reservar, suxerir compras, facer comentarios...
consultar a Biblioteca dixital - poder usar na Biblioteca portátiles, cascos...
Como estudante dun centro escolar, tes dereito xa a usar da biblioteca do centro; pero non está de máis posuír un carné para solicitar préstamos das outras bibliotecas públicas. A Rede de bibliotecas públicas de Galicia está formada por máis de 350, espalladas ao longo de todo o país, entre elas as bibliotecas municipais. Seguro que tes á man algunha: achégate a unha e solicita o teu carné (é gratis!). Ademais servirache para todas as bibliotecas da rede. Algunhas, incluso che ofrecen a posibilidade de xestionalo a través de Internet. Infórmate na súa páxina web.