Saltar la navegación

3. Analizar e organizar os datos

patrón azulChega o momento de deter a nosa procura e revisar toda a nosa provisión de datos. Atoparemos probablemente que non todo o que consigamos na nosa procura de información será válido, teremos que decidir que achega máis ao noso traballo, que é superfluo ou tamén que nos falta aínda por conseguir.

Esta etapa é de análise e reflexión detida sobre os froitos do noso labor, e obríganos con frecuencia a reformular de novo o tema, poida que para limitar o seu alcance ou para centrarnos en aspectos del que nos eran descoñecidos, pero que coa nova información obtida cobran interese para nós.

Sexa o que sexa, esta etapa implicará tomar un respiro no vórtice da procura de información e sentarnos a reflexionar sobre como estamos a responder á nosa pregunta de investigación e como podemos empezar a organizar os novos saberes que a investigación nos achegou. Non esquezamos tampouco que temos que recoller información sobre as fontes de información, para logo poder citalas adecuadamente.

Temos tamén que pór en orde todas as anotacións e apuntes que fomos facendo ao longo do traballo. Despois de revisar o noso traballo na fase anterior,  agrupamos a información, formando conxuntos ou categorías con títulos  ou epígrafes definidos. Podemos aquí construír xa o primeiro índice do noso traballo, que nos servirá para avaliar ata onde chega a nosa información e que nos queda aínda por investigar.