Agora que dispomos dunha pregunta concreta á que responder, é o momento de comprobar que posuímos os recursos para contestar a esa pregunta. Isto é importante porque si non temos material sobre o que consultar (noticias, libros, enciclopedias, información na Rede…) non imos poder ofrecer resposta algunha, non teremos material co que construír a nosa investigación. Se nunha primeira e breve toma de contacto coas fontes das que dispomos consideramos que non obtemos datos suficientes para contestar á pregunta, podemos comunicarllo ao profesor, que ben nos orientará na procura de material, ou ben adecuará o tema ampliando o seu alcance, como veremos a continuación.
Do mesmo xeito, si atopamos unha abundancia de información tal que claramente non imos poder integralo no noso traballo nos prazos previstos, debemos tentar limitar tamén o enfoque do noso tema e restrinxir o seu campo dalgún modo. Sempre contando co beneplácito do profesor ou profesora que nos guía, isto pódese facer, por exemplo: limitando o seu alcance temporal, o seu alcance espacial ou o seu obxecto de estudo. Así, por exemplo, si o noso traballo versa inicialmente sobre o tema social na poesía do rexurdimento, e vemos que os datos obtidos superan as expectativas do traballo, podemos tentar limitar o noso obxecto de estudo a un só poeta do Rexurdimento, como Rosalía de Castro; mesmo si aínda así resultase inabarcable, poderiamos limitarnos a investigar, por exemplo, o tema social na obra Cantares Galegos de Rosalía.
Faremos o contrario si o tema é tan concreto e limitado que a información que imos dispor sobre el non ofrece garantías de poder realizar un traballo aceptable, ampliando paulatinamente o seu alcance até comprobar que dispomos xa de material suficiente.
É dicir, imos restrinxindo ou ampliando paulatinamente o enfoque do traballo ata que resulta o suficientemente concreto e factible para as nosas posibilidades, segundo a imaxe que obteñamos do tema a través da investigación preliminar.