Nesta fase tómanse as decisións que teñen que ver co formato en que imos presentar o noso traballo e, consecuentemente, procédese a construílo en consonancia co formato que eliximos. A natureza da investigación que realicemos ten moito que ver con estas decisións. Algúns traballos preséntanse mellor a través de imaxes ou gráficos, noutros predomina o contido textual; mesmo pode ser conveniente a realización de varios formatos diferentes, como unha presentación en diapositivas tipo PowerPoint que acompañe a unha exposición oral.
Hai que pór especial atención tamén á atribución das imaxes que empreguemos na nosa presentación, fixándose na forma de citalas. En todo caso, é conveniente coñecer as boas prácticas xerais de cada formato e mostrarse moi coidadoso coa corrección lingüística e a adecuación tecnolóxica do que presentamos. As faltas de ortografía adoitan causar unha paupérrima impresión e poden pór en perigo a valoración dun traballo que noutros aspectos podería ser excelente.