Na conclusión non aparece nada que non digamos antes: consiste un resumo moi rápido dos resultados obtidos e da interpretación que ofrecemos dos datos, para que outro investigador que lea o noso traballo decátese rapidamente de que achega o noso traballo e que pode esperar del.
Para a redacción desta sección podemos partir da resposta a tres importantes preguntas:
- Que engadiu a nosa investigación ao tema traballado?
No apartado da introdución, levaramos ao lector por un camiño que ía desde o máis xeral até o tema concreto e particular do noso traballo. É aquí precisamente onde se debe destacar que servizo ofrece o noso traballo para o coñecemento xeral do tema, que achega de novo e digno de mención.
Lembremos que un traballo de investigación non necesariamente “descobre” nada novo, senón que simplemente engade unha visión propia, unha interpretación particular ou un modo de ver as cousas que, simplemente por iso mesmo, abre os ollos a algún aspecto ou matiz, por pequeno que sexa, que engade un granito máis á montaña do coñecemento humano. É este granito, exactamente, o que temos que destacar argumentadamente na nosa conclusión.
- Quedaron algunhas preguntas sen resposta?
Debemos ser o máis humildes posible e recoñecer a limitación do noso traballo para encher o coñecemento do tema. Con toda probabilidade, os datos que ofrecemos, aínda sendo moitos e convincentes, deixarán cancha para seguir profundando e cubrindo os ocos do saber que deixamos atrás. Somos nós quen debemos indicar a existencia destes puntos escuros e chamar a atención a outros investigadores para que colmen estas lagoas co seu traballo. Facéndoo así, contribuiremos nada máis nin nada menos que ao desenvolvemento da ciencia e o coñecemento humano.
- Ten algunha aplicación o meu traballo no mundo real?
Para contestar a esta pregunta é preciso recalcar que por aplicación ao mundo real non só inclúe unha forma directa de aplicación, como pode ser a aplicación dun descubrimento dun medicamento a unha enfermidade, senón tamén indirecta, que inclúa calquera matiz de cambio na realidade a partir do teu traballo. Si o noso traballo versaba, por exemplo, sobre a influencia do Minotauro nas artes, unha aplicación práctica podería ser, por exemplo, a necesidade de adaptar os manuais ou libros de texto aos resultados obtidos na nosa investigación.
De novo neste apartado aconséllase mostrar as súas boas doses de humildade científica e partir da idea de que a nosa achega non vai ser máis que un minúsculo grao de area na praia do saber humano. Aínda así isto supón un gran mérito!