Saltar navegación

A literatura polo camiño dos cantares

4- O teatro

 

caretas variadas

Creamos e representamos a nosa propia obra!

 

Como ben sabes, no teatro os feitos non se relatan, senón que se representan. Os actores, a través do diálogo, dan vida ás historias dos personaxes imaxinados polos autores e autoras.

Na seguinte actividade propoñemos converter un texto popular (unha cantiga das que che propoñemos, por exemplo) nunha pequena peza teatral. Para iso deberás ter en conta as seguintes especificidades do xénero dramático:

- O teatro comeza coa parte literaria: a dramaturxia. Cómpre decidir o tema, elaborar o argumento e definir os personaxes.

- Na escenificación decídense os elementos da posta en escena: vestiario, música, luz, decorado...

- Cómpre contar a historia nun tempo limitado (o teatro é máis breve cá narrativa).

- Débese manter o interese do público. Para iso, o conflito exprésase non só a través da palabra, senón tamén da xesticulación dos personaxes.

- Na acción dramática diferenciamos unha estrutura interna e outra externa. A interna correspóndese coa tensión dramática, na que haberá momentos de clímax (momentos de maior tensión) e momentos de anticlímax (situacións que rebaixan a tensión).

- Externamente, a obra teatral divídese en actos, normalmente tres (habitualmente presentación, nó e desenlace), que, á vez, divídense en cadros (cando hai cambio de escenario) ou en escenas (cada vez que entra ou sae un personaxe do escenario).

- O espazo dramático é o lugar ou lugares nos que se desenvolve a acción. Non se debe confundir co "espazo físico" que haberá que ter moi en conta; no noso caso, o espazo físico é a aula ou o escenario polo que se moverán os alumnos e alumnas que representen as pezas.

- No teatro o diálogo conduce a acción. As maneiras en que se presenta a palabra na escena son catro: diálogo (se son intervencións breves e encadeadas axudarán a dotar de dinamismo a escena), monólogo (eficaz para presentar sentimentos e pensamentos dun personaxe concreto), aparte (palabras que un personaxe dirixe ao público facendo coma quen os outros personaxes que están en escena non se enteiran), acotacións (informacións que o autor considera necesarias sobre o modo de representar a obra).

- Os dous principais xéneros teatrais son a traxedia e a comedia. Dado que estas adoitan ser de gran extensión, non son as máis axeitadas para esta actividade. Existe tamén un teatro menor, de duración breve, adoito cómico e costumista. A peza máis apropiada para esta actividade pode ser un entremés (un só acto, cómica e con personaxes populares).

 

Vocabulario específico básico: acto, escena, cadro, escenario, apuntador, maquillaxe, telón, acotación, actores, director/a, parlamento, vestiario, escenografía, estrea.

Responde:

Pregunta

Portada do libro de teatro de Cunqueiro

Álvaro Cunqueiro

A noite vai coma un río

Peza dramática nun prólogo e dúas xornadas, divididas en cinco cadros e un epílogo.

DONA INÉS

¿Como facía?

O correo saca do peto do chaleque o seu grande reló de prata e lévao ao ouvido.

CORREO

Facía así. Fixo así as nove veces.

DONA INÉS

¡Déixame o teu reló!

Cólleo e lévao ao ouvido. Deixou cair a rosa. Ten o reló do Correo ao ouvido, coas dúas mans, coma quen lle fai niño a un paxaro.

Ao Correo

¿Decías que non traguías cartas de amor?

¡Aquí o teño, todo un escrito corazón! ¡Bate, bate por min, en Frolencia de Italia, beira do río, príncipe dos lirios! ¡Pam, pam, pam, pam, pam!... ¡Deica morrer! ¡Deica morrer! ¡Deica morrer, cego cervo de amor!

As palabras resaltadas en cor no fragmento teatral precedente son:

Respostas

-Apartes

-Acotacións

Retroalimentación

Organización da actividade

caretas de animais

Realizaremos dúas actividades:

1- Creación e representación dunha peza teatral en grupo.

2- Interpretación dun texto teatral individualmente ou por parellas.

Para a primeira actividade a clase dividirase en varios grupos de cinco ou máis alumnos/as. Aínda que o preferible é que todos colaboren en todo, respectarase o interese ou as preferencias dos participantes na organización e reparto de papeis (guionistas, actores, escenografistas, músicos, etc.). O primeiro paso será seleccionar o texto base. Para iso propoñemos algúns cantares; por suposto, animamos a buscar outras posibilidades do voso gusto; lembrade que se estima que hai recollidos uns 30.000! O cantar será a “inspiración” para o tema da obra. O resto correspóndevos a vós.

Velaquí algunhas recomendacións:

Todo o grupo debe estar de acordo co tema da peza, e debería obedecer aos intereses de todos e todas. Un bo comezo é comezar cunha "chuvia de ideas".

Non só os diálogos son importantes, tamén a intepretación e a implicación dos membros do grupo.

Propostas

amores e desamores

Un anelo me deu Xan,

un anelo me deu Pedro,

¿cómo hei de traballar

con dous anelos no dedo?

flor de caravel

E o clavel cando rebenta

rebenta por catro esquinas,

e os homes cando pretenden

non contan máis que mentiras.

Problemática social

Dáme, Maruxa, un bico pequeno.

Non cho dou, Farruquiño,téñoche medo.

Téñoche medo, xa non te quero.

Dáme, por Dios Maruxiña, un bico pequeno.


 (a vida ambulante: o afiador)

Voume por aquí abaixo,

voume por aquí arriba,

fiando na miña roca,

gobernando a miña vida.

 Vale máis un probe xastre

cunhas cirolas de estopa

que non rico carpinteiro

que todo o que gaña emboca.

Problemas de convivencia

Miña nai e maila túa

quedan no río berrando

por culpa dunha galiña

que ten amores co galo.

Non poñas a vista torta,

mira para min dereito,

que che quero perguntar

o mal que che teño feito.

O mar che sirva de cama

o ceo de cobertor

a lúa de cabeceira

para que durmas mellor.

Ollos verdes son traidores,

azules son mentireiros,

vivan os acastañados,

son firmes e verdadeiros

 

Rapaz, rapaz,

e tu que demoño fas?

Estou, estou,

rascando o que Deus me dou.