Saltar navegación

A literatura polo camiño dos cantares

3.2- O conto galego

2- O conto galego

libro aberto

É o xénero máis característico e persoal da nosa narrativa.

O conto galego aproveita a técnica e a temática do relato de transmisión oral, que se escoitaba ao carón do lume, nos fiadeiros ou en ambientes similares. Son relatos co estilo de contos para seren contados, aínda que tamén poidan ser lidos. Os rasgos de oralidade máis característicos son os diálogos, a imprecación ao oínte, os datos que aportan realismo e verosimilitude, etc.

A ambientación adoita ser a da Galicia rural (as paisaxes, os personaxes...). Con ela conséguese retratar o espírito e a dimensión máxica da Galicia tradicional. Ademais, ese molde de relato rural aprovéitase decote para introducir fábulas de carácter parapsicolóxico (onírico ou fantástico). A temática do conto popular galego é a miúdo a morte, a premonición, a superstición, os aparecidos..., en definitiva, moitos dos medos da Galicia tradicional. 

Exemplo de conto fantástico

árbore con oco central

Durmín e soñei...Iba pola serra adiante, por un carreiriño moi costoso. Tiña que ir ó rechao, agatuñar, recuar. Unha pastora andaba coas ovellas. Era fermosa coma unha fada. Tiña o cabelo doirado, que lle caía en guechas da cor da mel, coma miña noiva. De primeiro eu non entendía ben o que me decía. Cada vez berrábame com máis forcia:

-Ai, señor, olle pra serpe que vai tras vostede! ¿Non a sinte asubiare?

   Fitei pra tras min, e quedeime aterrecido. Unha serpe longa coma un adibal e grosa coma unha vigue, viña polo carrozo arriba. Fungaba a condanada, botando o ferrete pra fora, coma un foguete ó rachalo ár. Espallaba faíscas polos ollos. Cáseque me achegaba coa punta do ferrete á caluga. Víame perdido. Xa me atrapaba, xa se cenguía a min. Doíanme os riles..., o seu bafo cheiraba coma as calezas. A pastoriña seguía a berrar i aquila arrepiante serpe a premerme o peito.

   Niste intre, espertei...

(Do conto “Arxemiro”, do libro Á lus do candil, de Ánxel Fole, 1953)

Exemplos de técnicas de verosimilitude

(De “A caixa do morto”)

Xa fai moito tempo que pasou o que lles vou contare. Foi inantes da guerra de Cuba, cando aínda non se fixera o cambeo do ouro”.

(De “Arximiro”)

Era o tempo das festas de verao: San Antón, San Xohán, San Pedro. Ibamos xuntos a todas ilas, sen deixar ningunha. Ó día seguinte do San Pedro, tiña que marchar.

Aproveitamos ben o día. Ás catro xa estabamos no campo da festa. Era un souto moi grande, xunto ó río, moi ben pra bailare, i un pouquichiño costoso. Había moitísima familia. Tocaban dúas bandas, e tamén gaiteiros. ¡Qué sei eu o que beberamos! Tanto un coma o outro quedamos sen cadela no peto. Ademais, non estaban meus pais na casa e non tiñamos a naide que nos reñera. Xa sabedes que isas festas rematan moi tarde. A pouco máis andamos a paos con outros mozos por custión do baile.

(Observa a interpelación directa ao auditorio, coma nos relatos orais)

Actividade 2

Actividade 2

Le e selecciona un conto galego que sexa do teu agrado. Emprega para iso (entre outra) a seguinte bibliografía. 

Risco, Vicente: A trabe de ouro e outros contos. O lobo da xente, Galaxia.

Dieste, Rafael: Dos arquivos do trasno, 1926.

Fol, Ánxel: Á lus do candil, Contos ao carón do lume. 1953Táboa de seis celas para clasificar o conto.

Blanco Amor, E.: Os biosbardos, 1962.

Cubre despois a táboa/ficha que ofrecemos para enviáreslla ao teu profesor/a.

Autor

Título

Clasificación

Tema

Personaxes

Consultado en:

Opinión persoal sobre o conto: