Saltar navegación

A literatura polo camiño dos cantares

3.1.1. Máis contos populares

 
alce feito de troncos de madeira

Paquiño o de Amaro tiña fame atroz

e comeu sete cuncas de papas de arroz,

deu media volta, fumou un pitillo

e comeu outras sete de papas de millo.

Os canteiros e a lúa

Tres canteiros voltaban de pedir traballo e ían moi famentos. Chegaron a unha pon­te e, como era de noite, reflexábase a lúa no río que parecía mesmamente unha bola de millo e acordaron de ir comela. Un agarrouse coas mans na ponte, outro agarrou as súas mans nos pés do primeiro e o terceiro agarrouse nos pés do segundo. Cando estiveron todos agarrados, dixo o que estaba agarrado no pau:

—Alifonso de arriba, dille ao Alifonso de abaixo que pouse os seus pés na auga en canto eu cuspiño nas mans!

Quixeron facelo así e foron ao rego os tres.

 

Maruxa Barrio; Enrique Harquindey: Contos populares, Galaxia, Vigo, 1988

O sogro vello e a nora

Unha vez era un velliño que tiña un fillo casado na casa. A nora era moi roñona e sempre lle estaba falando mal ao home do seu pai, astra que o arreminou a levalo ao asilo.

Cando ían polo camino adiante sentáronse a descansar nunha pedra, e o vello dixo:

—Deus me valla, como son as cousas! Nesta pedra tamén se sentou meu pai cando eu fun levalo para o asilo!

Entón o fillo remou a cabeza e púxose a cavilar dicindo:

—Non vaia ser que mañán o meu fillo me faga a min outro tanto!

E volveuse para a casa co pai. E desde aquela tratárono a corpo de reí.

 

Maruxa Barrio; Enrique Harquindey: Contos populares, Galaxia, Vigo, 1988

A muller de boa paz

Era un borne e unha muller, e a muller era de tan boa paz que nunca o home a vira incomodada. Por máis que fixera, ela sempre lle daba a razón.

Un día, o home viña do monte coa burra (con perdón) e, para metela na casa quixo metela do revés, co rabo para casa e a cabeza para fora, para ver se a muller, que es­taba na cocina, se incomodaba. A muller estaba oíndo como o home lle decía á bu­rra que entrara e como a burra non quería entrar. E ela, calada sen decir nadiña. Pero, vendo que pasaba o tempo e o home non daba metido a burra saíu e, con moito cariño díxolle á burra tirándolle polo rabo:

Entra, burríña, entra esta vez polo rabo, que polo fuciño xa tes entrado moitas veces!

 

Maruxa Barrio; Enrique Harquindey: Contos populares, Galaxia, Vigo, 1988

Mingas mais eu

O raposo andaba deseperado coa fame; ía dun sitio a outro a ver se podía cazar algunha galiña.

Pasou por diante da casa do cura e viu que tiñan festa, pero cando viu os cans engruñouse todo e marchou co rabo entre as pernas.

O raposo pensou que era boa idea ir buscar a Mingas. Mingas estaba deitado nun prado.

O raposo: Mingas, ¿Que fas?

Mingas: Xa ves, descansando; vou vello e teño unha fame que non vexo.

O raposo: Pois eu sei onde podemos atopar comida.

Mingas: ¿E onde?

O raposo: Na casa do cura están dando una festa por todo o alto.

Mingas: Pero o malo é que teñen uns cans moi feros.

O raposo: Pero mentres eu entro pola comida ti distraes os cans.

Mingas aceptou o que dixo o raposo e puxéronse en camino. Cando levaban andado a metade do camino, a Mingas doíanlle os pés e sentouse un pouco para descansar e o raposo díxolle:

O raposo: ¿Qué tes, Minguiñas?

Mingos: Dóenme os pés, non podo máis e mellor que vaias sen min.

O raposo: ¿Qué dis? Non me vou só. Xa verás, vouche facer unhas zocas. Vamos ata aquela Nogueira e coas cunhas fágoche unas zocas.

Mingas: Está ben, peor ¿con que mas vas atar?

O raposo quita unhas sedas do seu pelo e átalle as zocas a Mingas.

Os dous van todos contentos, camiñando ó par, sen saber o que lles esperaba.

Os cans do crego xa ventaban algo extraño e empezaron a ladrar.

-Guau, guau…

Os cans parecían enfadados e tiñan fama de feros.

O raposo: Mingas ti entras pola porta traseira, eu entrarei por onde entran as galiñas, pillarei o pólo cocido e marcharemos pola agra.

Mingas: Como ti digas.

Fixérono tal e como dixo o raposo, pero Mingas non se decatou de quitar as zocas. Os cans corrían detrás de Mingas, mentres o raposo entrou polo galo cocido, pero cando saía encontrouse con Mingas intentando enganchar por unha árbore arriba, pero como tiña as zocas escorreu e os cans acabaron con el.

Así que marcharon os cans acercouse o raposo.

O raposo: Mingas, ou Minguiñas! Ti ris ou regañas?

Pero Mingas non falaba, estaba coas patas para riba, cos ollos pechados e o sorriso na boca.

O raposo comeu só o galo cocido, deitouse a durmir e de volta para casa pasou por un prado, metéuselle un xunco no cu e dixo o raposo:

-Sálvese quen poida, que polo meu cu vai unha bala.

(Relatado por Mª Xosé, A Laracha)

Deixa que xa

DEIXA QUE XA

O tío Xacobe era un home amigo dos preitos1 e sempre lle saíran ben. Un día cavilou2 de poñerlle preito a un seu veciño que tiña unha maceira que botaba as ponlas3 por riba da súa horta:

-Se eu teño dereito ás mazás que caen na miña, as que dá a ponla tamén podo pillalas eu -pensou.

E púxose a recollelas, mais cando o viu o veciño non llas deixou pillar, e el ameazouno con poñerlle preito. O veciño díxolle que fixera como quixera pois non había levar a razón.

O tío Xacobe foi xunto do escribán4 que ao velo preguntoulle:

-¡E logo, tío Xacobe! ¿Que é o que o trae por esta casa?

-Pois, señor, pasei onda a súa porta e dixen: "¡Canto hai que non vexo ao señor escribán! E como tiña vagar 5, entrei botar unha parrafada6".

-¿Daquela é que agora non tén preito ningún?

- Voulle vello, señor, voulle vello, e para o que un vai vivir...

-Ai, tío Xacobe, se todos falaran así, ¿que sería de nós?

-¡Boh! O falar non lle tén cancela... E, a propósito, a ¿vostede gústanlle as pavías7 do Ribeiro?

-Gustan.

-Pois, deixe que xa...

Seguiron falando e o vello preguntou:

-¿Sabe quen será que me contaron que tiña cuestión cun veciño porque seica as ponlas dunha maceira do outro pasábanlle por riba da súa e queríalle pillar as mazás?

-Non sei quen poida ser.

-¿E a vostede que lle parece? ¿Que tiña ou que non tiña dereito?

-Home o uso é que a froita que caia é para o dono da terra onde caeu mais a que está na árbore non a pode pillar, que non é del.

Cando deixou ao escribán, o tío Xacobe comprendeu que non pagaba a pena poñerlle preito ao veciño.

Pasaron días e o tío Xacobe, que moito cismara, pillou unha escada e unha serra e foise tumbar as ponlas de maceira do veciño. Xa tronzara unha e comezaba con outra cando apareceu o dono da maceira. Rifaron e o tío Xacobe tivo que deixalo, non sen antes falar de lle poñer preito.

E foise logo ver o escribán.

-¡E logo, tío Xacobe! ¿Que é o que o trae por esta casa? -Pois señor, véñolle porque o outro día

ofrecínlle as pavías do Ribeiro e cando cheguei á casa os rapaces coméranmas todas, ¡mais deixe que non ha perder cousa! ¿Gústanlle as troitas? ¿Si? Pois deixe que xa...

E coma sempre puxéronse a falar e o tío Xacobe argallou8 un conto para saber se gañaría o preito, de llo poñer ao veciño, e cando marchou comprendeu que non pagaba a pena poñelo.

O veciño do tío Xacobe, que non lle gustaban as cuestións e menos aínda meterse na xustiza, coa carraxe9 que tomara, foise e, ao outro día, tronzou a maceira.

-¡Ei, carafio10! -dixo o tío Xacobe-. ¡Ti seica me queres amolar11! ¡Eso si que non!

E coa mesma foi pé do escribán.12

Cando o tío Xacobe pediu licencia12, o escribán refregou13 as mans e pensou que por fin viñan as troitas, mais o tío Xacobe non levou pavías nin troitas e aquel día xa falou ao chegar:

-Señor escribán, o meu veciño tronzou a maceira e quérolle poñer preito. El non podía cortala sen o meu consentimento. Eu apañaba14 as mazás que caían na miña horta e, se el tronza a maceira, non podo apañalas, faime unha perda, e como me fai unha perda, ten que me dar resarcimento15, ¿non si?

-Home, habería que estudiar a cuestión ¡e teño tanto traballo!

-Coma min, coma min, así foi que me esqueceron as troitas pero téñolle na casa unha lebre que é moita lebre. ¿A vostede gústalle a lebre?

-¡Gusta, abofé16!

-Pois deixe que xa... E, daquela, ¿que é o que lle parece do meu preito?

-O seu preito, tío Xacobe xa llo eu estudiarei e deixe que xa...

 

 


Deixa que xa...”; Antoloxía do conto popular, Ed. Galaxia.

1 Preito: controversia xurídica e actual entre partes e sometido o coñecemento de un tribunal de xustiza.

2 Cavilou: pensar con insistencia nunha cousa, mesmo con obsesión ou preocupación.

3 Ponlas: (pólas) cada unha das prolongacións que nacen do toro das árbores ou do talo das plantas e arbustos.

4 Escribán: empregado público que estaba antigamente encargado de escribir documentos legais e actas dos procesos xudiciais.

5 Vagar: estar sen preocupación, sen facer nada; tempo libre ou desocupado.

6 Parrafada: conversación serea; anaco longo e pesado de charla.

7 Pavias: variedade de pexego de pel lisa e carne pegada a carabuxa.

8 Argallar: inventar mentiras ou historias.

9 Carraxe: profunda irritación do animo producida por algún suceso adverso.

10 Carafio:expresivo por carallo.

11 Amolar: causar molestia ou fastío; sufrir molestia ou fastío.

12Pé: foi a cabo do escribán.

12 Licencia: liberdade que se dá a alguén ou que un toma para facer certa cousa.

13 Refregou: pasar con forza e repetidamente unha cousa sobre outra ou unha parte dela contra outra.

14 Apañaba: recollía ou collía.

15 Resarcimento: indemnización reparación dun dano ou agravio.

16 Abofé: certamente, de verdade, de veras, de certo, sen dubida.