Saltar navegación

A literatura polo camiño dos cantares

3.4- Narrar con debuxos: o cómic

 

Polo carácter icónico-literario da súa linguaxe, os cómics aparecen relacionados dalgún xeito co teatro, a novela, a pintura, a fotografía, a ilustración publicitaria, o cine e a televisión. 

A narración visual

As imaxes serviron dende sempre como recurso narrativo. As secuencias narrativas son tamén ben antigas;cóidase que o seu antepasado máis remoto é a escrita xeroglífica (Gubern, 72). Na Idade Media as obras do Románico priman de xeito significativo a narración visual. Deste xeito, apoiaban a comprensión relixiosa da poboación iletrada (a gran maioría). Ademais de contidos relixiosos ou simbólicos, os artistas da época posuían un amplo repertorio temático no que empregaban elementos iconográficos de carácter descritivo e narrativo.

Velaquí tes un exemplo.

baixorrelevo coa creación de Adán e Eva

Estes baixorrelevos da catedral de Módena, relatan unha coñecida historia bíblica. Na primeira podemos ver catro escenas:

1: Pantocrátor enmarcado dentro dunha aureola ovalada (unha imaxe de Cristo sentado no seu trono, coa man dereita en actitude de bendicir e a esquerda sostendo o libro dos Evanxeos).

2: Deus crea a Adán.

3: Deus crea a Eva dunha costela de Adán.

4: Adán comendo a mazá da árbore prohibida.

Intenta “ler” a continuación da historia no seguinte baixorrelevo. Son tres escenas (ou viñetas) ben doadas de entender, polo que non mires a solución antes de intentalo.

Adán e Eva expulsados do Paraíso

 

agora ti

Proposta 1

Le o seguinte poema do libro Follas Novas de Rosalía de Castro. A continuación debes converter o poema nunha historia gráfica de tres ou catro escenas. Podes facelo con debuxos, cun collage de fotografías ou co programa Comic life, por exemplo.

pomba

¡Sin niño!

Por montes e campías,

camiños e espranadas,

ven unha pomba soia,

soia de rama en rama.

Síguena as probes crías,

sedentas e cansadas,

sin que alimento atope

pra darlles a bicada.

Trai manchádelas prumas

que eran un tempo brancas,

trai murchas e rastreiras

i abatídalas alas.

¡Ai, probe pomba, un tempo

tan querida e tan branca!

¿onde vai o teu brilo?

O teu amor, ¿ónde anda?

Proposta 2

Se o prefires, constrúe a túa secuencia gráfica inspirándote en cantigas coma esta de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre - Langueirón

https://youtu.be/_kUnaBWEneo

Á fonte vou a por auga

ao muíño por moere

á túa casa por verte

e nunca te podo vere.

Cando paso á túa porta

na ventana non estás

vou acortando o meu paso

por ver si te asomarás.

Déixame ir que teño presa

vou coa auga de regare

éche mañán día santo

falaremos de vagare.

Non sei cómo non florecen

as pedras da túa calle

co regar de quen as rega

co varrer de quen as varre.

O namorar vai nos ollos

eu non sei quen será meu

será ben amar a todos

será ben amar a todos.

Pra domingo fai un ano

meu amor que te non vin

anque o tempo foiche moito

eu a lei non cha perdín.

Proposta 3

Exercicio de creación de historia gráfica a partir dunha película. Exercicio por parellas parella nun semáforo.

Opción 1: Os dous compañeiros escollen unha película do seu gusto, Spiderman, por exemplo. A seguir, deberán resumir a película en dez viñetas.  

Opción 2: visionar unha película na aula, A lingua das bolboretas, por exemplo. Cada parella recrea a película en dez viñetas.

O normal é escribir primeiro os textos para, posteriormente, comezar a confección da parte gráfica.

Velaquí un exemplo tomado da seguinte publicación:

Imaxínate, 7. Ciclo Xulio Verne, Departamento de Educación do Concello de Santiago & Caixa Galicia; debuxos de Fausto C. Isorna.

cómic en branco e negro sobre a novela de Julio Verne:Un caapitán de 15 anos.