Saltar navegación

A literatura polo camiño dos cantares

 

1- Xogamos a ser poetas? Pois canta comigo!

gravado circular no que se ve xente de diferentes idades cantado 

  O vello cantaba

  unha lembranza.

  O mozo cantaba

  unha esperanza.

  O neno cantaba

  unha louvanza.

  Pobo meu: pois que cantas,

  érguete i anda.

  Celso Emilio Ferreiro, Viaxe ao país dos ananos, 1968.

  Pulsa no enlace para saberes máis de Celso Emilio Ferreiro:

Pregunta Verdadeira ou Falsa

Teño unha casiña branca

na mariña entre os loureiros

teño paz e teño amor

e estou vivindo no ceo.

Pregunta 1

Coidas que isto é un poema?

Sabes cando consideramos que un texto é literatura?

Seguro que a distribución en versos e a rima tiveron algo que ver na túa escolla. Mais, por que decidimos que un poema ou un conto son literatura e non outro tipo de texto?

A lingua literaria é básicamente a lingua escrita culta que se somete a unha vontade de forma, é dicir, intenta "sorprender", chamando a atención sobre si mesma. Eis a grande diferenza entre textos literarios e non literarios: a vontade de procuraren beleza. 

Os medios de que dispón a lingua para producir a “extrañeza” na lingua literaria son moitos, entre eles, o emprego de palabras pouco usuais (como arcaísmos ou neoloxismos), o uso de palabras inusitadas, as construcións pouco habituais, o emprego de adxectivos ornamentais, non estritamente necesarios para a comprensión da mensaxe...Mais cada xénero literario ten as súas características específicas, como iremos vendo.

E que diferenza hai entre un poema e un cantar?

Un poema é unha "composición literaria que se concibe como expresión artística da beleza por medio da palabra", especialmente aquela que está suxeita á medida e cadencia do verso. 

Un cantar comparte moitas características da poesía (verso, rima, melodía, estrofa) mais ten unha característica propia: a musicalidade. 

Se queres saber moito máis dos cantares consulta o seguinte enlace do espazo Abalar:

Un paseo pola música de Galicia, elaborado por Óscar Iglesias Vázquez.

Ti tamén podes. A literatura popular galega

Se coidas que ti non podes crear literatura, estás ben enganada ou enganado. A nosa rica literatura popular foi creada por persoas que non tiñan coñecementos académicos, se facemos caso do que nos di o Padre Frei Martín Sarmiento (1764, aprox.):

escultura branca dunha muller aldeá cunha sella na cabeza sobre fondo negro

(As mulleres) rústicas e aldeás, que sempre andan no campo, se son de terra adentro. E se son de portos de mar alternan no campo e nos areais (...) Desa multitude de galegas saen as naturais poetisas e cantarinas, sen necesidade da Arte Poética, da Arte da Música, nin do Canto do Órgano. Elas mesmas fan as coplas, inventan os tons e aplican o canto, que é moi singular e suave na súa modulación, e en especial cando a voz é excelente".

Blanco D. (2000): Galicia, Literatura, páx. 68, tomado á súa vez de Pensado, 1985, pp. 191-192. A trad. é nosa.

Esta literatura popular anónima chegou ao século XX grazas á transmisión oral, aínda que xa no XIX aparecen as primeiras recolleitas por escrito. En Galicia temos recollidas máis de 30000 cantigas! ademais de teatro popular e arredor de 1000 contos populares. 

En definitiva, ti tamén podes ser autor das túas obras, ademais de interpretar e/ou cantar as dos outros. Neste ODE trataremos aspectos básicos e importantes da comprensión dos textos poéticos. Analizaremos as súas caraterísticas, aprenderemos a valoralos e a desenvolver o sentido estético; para todo iso contaremos coa inestimable axuda dos nosos cantares, iso permitirache coñecelos, cantalos, e -agardamos que así sexa- crear ti os teus propios poemas.

Para todo isto necesitaremos traballar individual e colectivamente, polo que contamos coa túa decidida participación!

Para comezar, anímate a cantar a letra do alalá das Mariñas mentres o escoitas, premendo no enlace.

Vídeo "Alalá das Mariñas" de Faustino Santalices

Vídeo de Youtube Milladoira interpretando Alalá das Mariñas

Actividades que realizaremos e o que aprenderemos con elas

debuxo de dous nenos e un lapiceiro

As actividades están deseñadas para axudar a identificar os trazos e elementos característicos dos poemas. Basicamente, axudarán a entender o que din os poemas, quen fala neles, a quen lle falan, como se miden os versos, como son as estrofas e cales son as figuras retóricas que empregan (isto verase no punto 2).

1: con elas poderás interpretar e comprender os textos poéticos; aprenderás a recoñecer o tema dos poemas.

2: con estas actividades aprenderás a diferenciar poeta/suxeito lírico. 

3: aprenderás a recoñecer a métrica dos poemas.

4: aprenderás a identificar a rima dos poemas, se é que a teñen.

5: aprenderás a identificar os tipos de estrofas.

6,7,8: con estas actividades avaliarás o aprendido.

9 e 10: estas actividades farán que sexas quen de compoñer o teu propio poema e de interpretar cantares.

Algunhas actividades serán individuais, para traballares de xeito autónomo; outras requirirán a colaboración dos compañeiros/as.